Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 29 de febreiro de 1996 pola que se convoca un programa de visitas didácticas pola Ría de Arousa para alumnos de ensino xeral básico e de ensinanzas medias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A pesar da importancia que o mar ten en Galicia, existe un gran descoñecemento na sociedade galega do que realmente representa o sector marítimo-pesqueiro para a nosa Comunidade Autónoma, e este distanciamento moito maior no interior e nas zonas rurais. É de interese, co fin de lograr unha maior conciencia da poboación sobre o que o mar significa para Galicia, programar actividades destinadas a dar a coñecer esta realidade tan importante e próxima a nós, sobre todo os xoves en idade escolar. En consecuencia, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar un programa de visitas didácticas para escolares de ensino xeral básico, ensino secundario, bacharelato e formación profesional que se rexerá pola presente orde.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-la súa participación no programa os centros escolares públicos de educación xeral básica, ensino secundario, bacharelato e formación profesional de toda a Comunidade Autónoma galega.

O número máximo de centros participantes fíxase en 120.

Na visita poderán participar un máximo de 50 alumnos por centro, acompañados dun mínimo de 3 e un máximo de 5 profesores ou titores.

Para os centros de EXB os alumnos deberán ser dos cursos sétimo e oitavo.

Artigo 3º.-Finalidade.

O programa consistirá nunha visita en embarcación á Ría de Arousa, con saída e finalización desde O Grove.

Os desprazamentos desde a orixe ó punto de saída, visitas adicionais por terra, do punto de finalización á orixe, así como as comidas, serán por conta dos solicitantes.

Artigo 4º.-Datas de realización.

As visitas realizaranse entre os días 10 de abril e o 7 de xuño e entre o 23 de setembro e o 11 de outubro de 1996, excluídos sábados, domingos e feirados.

Artigo 5º.-Solicitudes.

Presentaranse segundo modelo do anexo, no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano,

s/n. Santiago de Compostela) antes do vixésimo día hábil seguinte á publicación desta orde, á que se xuntará acta do acordo de aprobación polo consello escolar do centro da realización da actividade e autorización escrita dos pais dos alumnos, cando estes sexan menores de idade.

As solicitudes irán acompañadas dunha memoria sucinta dos motivos polos que se solicita a viaxe, así como a relación con actividades ou programas educativos que se estean realizando ou vaian realizarse no centro. En tal caso poderase xuntar a información documental que se considere de interese.

Artigo 6º.-Selección.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación seleccionará os centros participantes entre as solicitudes presentadas, tendo en conta a adecuación da visita ás actividades pedagóxicas realizadas no centro, o medio social no que se localiza e se o centro ten realizado esta visita en anos anteriores.

A concesión ou denegación da mesma será comunicada por escrito ós centros solicitantes.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a dictar cantas normas sexan precisas para o cumprimento da presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

Sra. Directora Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

1852