Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 1996 Páx. 1.965

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 1996 pola que se convocan 4 cursos de protección civil de segundo nivel sobre salvamento e socorrismo acuático, dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crawl, braza e costas.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade en colaboración coa Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente ten previsto realizar no ano 1996, conforme as funcións que ten encomendadas pola Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de Protección Civil, anúnciase a celebración de 4 cursos de protección civil de 2º nivel sobre salvamento e socorrismo acuático, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de Protección Civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle permita realizar satisfactoriamente as tarefas que teñen encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superaran o curso básico e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crawl, braza e costas.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 18 de marzo de 1996, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre salvamento e socorrismo acuático dividese en tres partes:

a) Conceptos xerais.

b) Salvamento acuático.

c) Primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos celebraranse durante o ano 1996, e terán unha duración de 40 horas lectivas.

As datas destes serán en función das solicitudes feitas para cada curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 29 de marzo de 1996 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade e no da Secretaría Xeral para Proteción Civil, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos (981) 56 34 00 ou ben (981) 54 60 00.

Lugar.

Por determinar, en función das solicitudes recibidas.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a eles, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

1159