Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 06 de marzo de 1996 Páx. 1.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Hockey.

Visto o estatuto da Federación Galega de Hockey, e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 17-12-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas gale

gas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar, con efectos desde a aprobación da súa asemblea, os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995, e autoriza-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Hockey

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1º

A Federación Galega de Hockey, é unha entidade privada, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, e o seu ámbito de territorialidade comprende a Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, e está integrada polas entidades deportivas, deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros e outros colectivos adicados á práctica do deporte do hockey.

A Federación Galega de Hockey, ademáis das competencias que lle son propias, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Federación Galega de Hockey, organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente de dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de todas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Federación Galega de Hockey encóntrase integrada na Federación Española de Hockey da mesma especialidade e ostenta de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia no referente ó deporte do hockey; e conserva en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

Artigo 3º

A Federación Galega de Hockey, ten como obxecto social promocionar, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas,

as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da Federación Española de Hockey da mesma especialidade no que lle sexan aplicables, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente a Administración do Estado.

A Federación Galega de Hockey, é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar, xestionar e controla-las competicións oficiais do deporte de hockey sala e hockey herba.

Artigo 4º

A Federación Galega de Hockey, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademáis das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización do hockey, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación do hockey en tódalas súas facetas.

b) Orienta-los deportistas á práctica do hockey mediante oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica do hockey, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Outras que lle sexan atribuídas pola lexislación vixente ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Federación Galega de Hockey no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e as resolucións esgotan a vía administativa.

Artigo 5º

O domicilio social da Federación Galega de Hockey establécese en Avda. da Habana, nº 79-6º (Ourense).

A comisión delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mes

ma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral. En ámbolos dous casos, o traslado do domicilio social deberalles ser notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asemblea xeral, e para efectos puramente de organización interna, poderanse establecer delegacións da federación nas localidades de Galicia que decida a citada asemblea.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da Federación Galega de Hockey. Dereitos e deberes

Artigo 6º

Os clubs deportivos poderán integrarse, por petición propia, na Federación Galega de Hockey sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se atopen constituídos conforme os requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, debendo comprometerse a cumpri-los estatutos e regulamentos da Federación Galega de Hockey e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na federación dos deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros e outros colectivos interesados, se os houber.

As entidades deportivas poderán integrarse por petición propia, na Federación Galega de Hockey, a través da delegación provincial que lle corresponda por situación xeográfica e polo seu domicilio social sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se encontren constituídos conforme os requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivvas da Xunta de Galicia, debendo comprometerse a cumpri-los estatutos e regulamentos da Federación Galega de Hockey e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Apartado 1º

a) Enténdese por club deportivo as asociacións privadas integradas por persoas físicas ou xurídicas que teñan por obxecto a promoción ou práctica do hockey polos seus asociados, así como a participación en actividades ou competicións deportivas.

Tódolos clubs deberán inscribirse no correspondente Rexistro de Asociacións Deportivas. Os membros das xuntas directivas non poderána figurar en máis dun club ou asociación deportiva de hockey.

b) O recoñecemento para efectos deportivos dun club acreditarase mediante a certificación da inscrición a que se refire o apartado anterior. Se non

se cumprise o dito apartado anterior, a Federación Galega de Hockey queda con poder de non admitilo para participar.

c) Para participar en competición oficial, os clubs deberán inscibirse previamente na delegación provincial respectiva. Esta inscrición deberá facerse a través da delegación provincial, cando estean integradas na Federación Galega de Hockey.

Apartado 2º.-Os dereitos dos clubs serán os seguintes:

a) Intervir na elección do presidente da súa federación autonómica, de acordo co establecido nos estatutos e normas concordantes.

b) Participar nas competicións que corresponda.

c) Concertar encontros amigables con outros clubs en datas compatibles coas sinaladas para a competición oficial e coa previa autorización das súas respectivas delegacións provinciais e da Federación Galega de Hockey.

d) Concertar encontros amigables con equipos nacionais que pertenzan a federacións autonómicas afiliadas á Real Federación Española de Hockey, en datas compatibles coas súas competicións oficiais.

Para organizar ou participar nun encontro ou torneo con equipos estranxeiros deberán presenta-la solicitude á Real Federación Española de Hockey, a través da Federación Galega de Hockey no prazo de 20 días anteriores, achegando información relativa ó carácter e ós equipos participantes.

e) Todo club que abandone a actividade deportiva durante unha temporada, perderá tódolos seus dereitos. Para volver a adquirilos, terá que participar durante dúas temporadas consecutivas.

Apartado 3º.-As obrigas dos clubs serán as seguintes:

a) Cumprir con espírito deportivo os estatutos, regulamentos e demais normas da Federación Galega de Hockey.

b) Poñer á disposición da Federación Galega de Hockey e das súas delegacións provinciais os seus terreos de xogo.

c) Contribuír ó sostemento económico da Federación Galega de Hockey, das súas delegacións provinciais, aboando as correspondentes cotas e dereitos na forma e tempo que aprobe a asemblea xeral.

d) Aboa-los dereitos de arbitraxe que segundo as normas federativas lles correspondan.

e) Mante-la disciplina deportiva, evitando situacións de violencia ou animosidade con outros membros ou estamentos do hockey.

f) Atender e responder coa maior dilixencia as comunicacións que reciban dos organismos federativos e os auxiliares a estes, facilitándolles cantos datos lles sexan solicitados.

g) Facilita-la participación dos xogadores e técnicos nos equipos autonómicos e nas actividades federativas de perfeccionamento técnico.

h) Coidar da máis perfecta formación deportiva dos seus xogadores, facilitando os medios precisos para iso.

i) Recoñecer para tódolos efectos as acreditacións expedidas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Hockey e a delegación provincial correspondente, facilitando ós seus titulares a asistencia ós actos deportivos que organice.

Apartado 4º

Tódolos clubs inscritos como tales na Federación Galega de Hockey, cubrirán anualmente a ficha autonómica do club, segundo o modelo establecido pola Federación Galega de Hockey.

A formalización desta ficha será requisito indispensable para exercer os dereitos que correspondan ó club.

Apartado 5º.-Inscrición.

Para inscribirse como tal na Federación Galega de Hockey, o club deberá solicitalo a través da delegación provincial correspondente, acompañando á solicitude os seus estatutos adaptados á normativa vixente en cada momento e rexistrados e aprobados pola Xunta de Galicia (Rexistro de Clubs e Entidades Deportivas). Os clubs de nova inscrición deberán te-los seus estatutos aprobados e rexistrados antes do 31 de agosto.

Apartado 6º.-Nome.

O nome dun club non poderá ser o mesmo co do calquera club xa existente inscrito na Federación galega de Hockey nin tan semellante que poida inducir a confusión ou erro.

Apartado 7º

O nome dun club poderá levar unido o dun ou varios productos, marcas comerciais ou entidades. Para o seu recoñecemento oficial, o club deberá comunicalo previamente á Federación Galega de Hockey, a través da súa delegación provincial.

Apartado 8º

En caso de ter un club varios equipos, poderá diferencialos entre si, ben sexa denominando a cada un co nome do club seguido dalgún diferenciador, ou ben adxudicándolles nomes distintos. Nun caso ou noutro, co fin de evitar equívocos, ó formaliza-la inscrición de cada equipo das diferentes competicións, haberá de figurar primeiro o nome do club e a continuación o que distinga ó equipo. En ningún caso un club poderá usa-lo nome doutro xa inscrito como tal na Federación Galega de Hockey para diferenciar equipos do seu mesmo club.

Apartado 9º.-Filiais.

Os clubs que non teñan equipo xuvenil propio, poderán empregar como filial o doutro club da mesma federación autonómica, que teña equipo xuvenil ou infantil. Poderán ser un para categoría masculina e outro distinto para categoría feminina. A condición de filial, adquirirase logo da solicitude escrita de

ámbolos dous clubs á Federación Galega de Hockey e formulada pola canle da súa delegación provincial.

Apartado 10º

Se a petición reúne as condicións previstas no apartado anterior, a Federación Galega de Hockey expedirá a autorización correspondente para a notificación ós clubs interesados.

Apartado 11º

Os xogadores xuvenís que participen en encontros con equipos senior dos que sexan filiais, terán que lles presenta-las súas licencias, acompañadas do documento de autorización da Federación Galega de Hockey, ós árbitros, que o consignarán na acta oficial, de acordo coas normas xerais que regulan a participación de xogadores xuvenís.

Apartado 12º

Ningún club poderá ter máis dun equipo filial xuvenil ou infantil.

Apartado 13º.-Baixas.

Os clubs poderán causar baixa na Federación Galega de Hockey, de oficio ou por proposta da delegación provincial correspondente, poderá acordar, ó remate da tempada, a baixa oficial de todo club que non estea ó corrente no pagamento de licencias, dereitos federativos ou de arbitraxes e sancións económicas firmes, sempre que se formulase o oportuno requirimento e transcorrese un mes sen efectua-lo pagamento das cantidades debidas.

Apartado 14º

Os clubs que causaron baixa por non satisfaceren as débedas devengadas, non poderán volver inscribirse ata que satisfagan o importe total destas. Os directivos do club serán responsables das citadas débedas por partes iguais e non poderán inscribirse en ningún outro club sen o previo pagamento da súa parte correspondente ás citadas débedas, e os xogadores, sempre e cando sexan débedas por sancións federativas persoais.

Artigo 7º

A integración na federación implicará a integración automática e para tódolos efectos na federación española da mesma especialidade deportiva.

Artigo 8º

A integración na federación producirase mediante a expedición por parte desta da correspondente licencia federativa ou documento de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola Xunta Directiva da Federación Galega.

Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral.

En todo caso, para a aprticipación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, será preciso estar en posesión da licencia ou documento de afiliación expedido pola federación.

Artigo 9º

Tódolos membros da federación teñen dereito a recibi-la tutela desta con respecto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participaren nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos daquela. Os membros da federación teñen, á súa vez, o deber de acata-los acordos dos seus órganos, sen que isto obste ó seu dereito de recorrer, ante as instancias federrativas competentes e, se é o caso, ante os tribunais de xustiza ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, aqueles que consideren contrarios ó dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Capítulo III

Estructura territorial

Artigo 10º

A Federación Galega de Hockey estructúrase territorialmente en delegacións.

Cada delegación quedará integrada polas entidades deportivas, deportistas, adestradores e xuíces-árbitros e outros colectivos, que correspondan ó ámbito territorial fixado pola asemblea xeral para cada delegación.

Artigo 11º

As delegacións axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola federación a través dos órganos que correspondan e, directamente, do seu presidente.

Artigo 12º

Os titulares das delegacións serán nomeados e apartados do cargo polo presidente da federación, de acordo co artigo 32º dos presentes estatutos.

A composición do equipo directivo da delegación e a competencia deste, será de libre facultade do titular da delegación, o cal lle dará conta ó presidente da federación.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 13º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Hockey a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a esta.

Artigo 14º

1.-Serán órganos electivos da Federación Galega de Hockey o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e revogados libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

2. O nomeamento ou a separación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que puidesen crearse dentro da federación, deberán serlles comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple; en caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal, de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

5. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Hockey, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 15º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Federación Galega de Hockey.

Artigo 16º

A asemblea xeral estará constituída polo presidente da federación e polos representantes das entidades deportivas, os deportistas, os técnicos-ades

tradores, os xuíces-árbitros e outros colectivos, se os houber.

Os clubs deportivos non poderán ser membros da asembla xeral, se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 17º

A asemblea xeral está integrada por vinte (20) membros, e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas: (70%). Correspóndelles 14 membros.

-Deportistas: (máximo 20%). Correspóndelles 4 membros.

-Adestradores-técnicos: (máximo 5%). Correspóndelles 1 membro.

-Xuíces-árbitros: (máximo 5%). Correspóndelles 1 membro.

Artigo 18º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e o de cada un dos estamentos.

Artigo 19º

Os membros da asemblea xeral e da comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foi elixido.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 20º

As vacantes que se produzan na asemblea antes das seguintes eleccións xerais a ela, serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a realización de eleccións parciais, sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocupa-las vacantes ás que se refire o apartado anterior ostentarán o seu mandato polo

tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

1. Competencias

Artigo 21º

A asemblea xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Hockey.

2. A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Hockey, así como o cesamento e a moción de censura ó presidente.

3. Aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Hockey.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que vai desenvolve-la Federación Galega de Hockey a das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación da creación de órganos territoriais da Federación Galega de Hockey.

6. Aprobación do Regulamento de eleccións á asemblea, presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Hockey.

7. Aprobación do Regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

9. Calquera outra competencia da federación que non lle estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

2. Convocatoria.

Artigo 22º

A asemblea xeral será convocada polo presidente da Federación Galega de Hockey, cun mínimo de 10 días hábiles de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Hockey, e das delegacións respectivas, debendo incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar, ademais da notificación individual a cada un dos membros ó enderezo, que deberá constar na federación 30 días antes da data da convocatoria; a notificación remitirase por calquera medio que permite ter constancia da recepción cunha antelación mínima de corenta e oito horas. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea, sempre e cando os membros desta recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito,

sempre que concorran a totalidade dos membros dela.

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, a petición fundada dunha quinta parte dos membros da asemblea xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea xeral, mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Hockey cunha antelación mínima de 3 días á data de celebración.

Artigo 23º

O presidente da Federación Galega de Hockey deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente antes do inicio da nova tempada deportiva para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva ou do presidente.

Tódalas demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Hockey sempre que considere oportuno, ou a petición dun número de membros que integran a asemblea non inferior ó 25%. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ó presidente da federación, indicando os puntos que compoñerán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada da petición no rexistro da Federación Galega de Hockey deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, e celebrar nun prazo non superior a 20 días naturais desde a convocatoria. Caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados 10 días desde que a solicitude fose efectuada sen ser respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a

Secretaría Xeral para o Deporte para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno.

Cando o presidente da federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningunha agás a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso, a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. En todo caso, nunha asemblea convocada desta forma, non poderán modificarse os estatutos.

3. Constitución

Artigo 24º

A asemblea quedará validamente contituída en primeira convocatoria cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

En segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

4. Adopción de acordos

Artigo 25º

Non será admisible en modo ningún para a formación da vontade dos órganos colexiados da federación nin para o establecemento do seu quórum, o voto por correo nin a delegación de voto sendo, por tanto, necesaria a presencia física dos seus membros. Exceptúanse as eleccións dos membros da asemblea xeral, se así se aprobase no Regulamento electoral.

Con carácter excepcional os clubs deportivos poderán estar representadas de conformidade ós seus propios estatutos, pero o representante non poderá ser membro da asemblea xeral.

Ningún poderá ostentar na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 26º

As votacións no seo da asemblea xeral realizaranse na forma e pola orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas. Cando polo menos o vintecinco por cento dos asistentes solicite unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral.

Artigo 27º

A asemblea xeral será presidida polo presidente da federación e o seu voto será de calidade en caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioria simple dos asistentes.

Para os efectos de cómputo de quórums e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asambleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 28º

De tódolos acordos adoptados na asemblea xeral e comisión delegada, levantará acta o secretario delas, especificando o nome das persoas que interviñeron e as demais circunstancias que se consideran oportunas, contido dos acordos adoptados, resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas, eximirán a quen os emitan de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 29º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada, serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a federación e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 30º

A asemblea xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da federación.

En caso de dúbida a petición dun 5% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable, por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Da comisión delegada

Natureza, constitución, composición e funcionamento

Artigo 31º

1. No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da federación.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral, na primeira reunión que esta celebre despois da súa constitución, mediante sufraxio entre os membros dela. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3. O número de membros da comisión delegada será o 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

4. O presidente da federación convocará a comisión delegada, que se reunirá como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia, e polo menos, para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

5. Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión delegada correspóndelle ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 32º

O presidente da federación é o órgano de goberno e representación que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos destes. O presidente poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola asemblea xeral, que actuarán seguindo as instruccións daquel e por delegación nas funcións que se lle encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente segundo o seu criterio.

a) O cargo do presidente da Federación Galega de Hockey poderá ser remunerado.

O acordo para esa precisión e para determina-la contía da posible retribución ó presidente deberá adoptarse pola asemblea xeral da Federacion Galega de Hockey en asemblea extraordinaria e requirirá o voto favorable da metade máis un dos membros presentes na dita sesión.

En todo caso, a remuneración do presidente da Federación Galega de Hockey concluirá ó remate do seu mandato, sen que tal remuneración poida estenderse máis alá da duración deste.

b) O presidente elixirá a súa xunta directiva e poderá incluír nela a membros electos da asemblea.

Artigo 33º

A duración do cargo do presidente será de 4 anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que trascorra o prazo para o que foi elixido, considérase demisionaria toda a xunta directiva, e constituirase a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a asemblea xeral, e esta acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, haberá que aterse ó disposto no artigo 36º destes estatutos.

Artigo 34

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas; exceptúase a federación española da mesma modalidade deportiva.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na federación.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da federación, deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 35º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso disporá dun prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente.

Artigo 36º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan polo menos un 25% da mesma mediante escrito presentado no Rexistro da Federación. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día e propoñer un candidato alternativo á presidencia.

No caso de prospera-la moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, e deberá alcanza-la maioría absoluta de membros que compoñen a asemblea na primeira ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia, o candidato quedará investido cun mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria á que se refire este artigo, haberá que aterse ó disposto no artigo 22º destes estatutos. A sesión da asemblea na que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Para presentar unha nova moción deberán temporalizar entre unha e outra moción, un espacio dun ano e seis meses.

TÍTULO III

Órganos complementarios de goberno e representación

Artigo 37º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da federación para asisti-lo presidente:

a) A xunta directiva.

b) O secretario xeral.

c) O tesoureiro.

Artigo 38º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da federación e os seus membros son designados e revogados libremente polo presidente.

O número de membros será establecido pola asemblea xeral e non poderá ser inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá entre os membros da súa xunta directiva un vicepresidente que o será tamén da federación, quen substituirá o presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario que, a súa vez, o será da federación, así como o tesoureiro. Tales cargos, en canto baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere conveniente, dando conta das variacións ás súas delegacións.

Os membros da xunta directiva que non sexan da asemblea xeral, terán acceso ás sesións desta, con dereito a voz pero sen voto.

Tódolos cargos son honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos seus membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2. O presidente da federación nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis específicamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da federación, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultados das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración, así como as convocatorias destas.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

3. O tesoureiro da federación é o órgano de administración desta.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentalle informes á comisión delegada do estado contable da federación.

Artigo 39º

Para ser membro da xunta directiva non será necesario formar parte da asemblea xeral, pero si da federación.

Artigo 40º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia na presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causas de inelixibilidade, ou incompatibilidade.

e) Apartados directamente polo presidente en cumprimento das comunicacións ás que se refiren os presentes estatutos.

Artigo 41º

A xunta directiva, como órgano colaborador do presidente, non terá competencias propias e exercerá por delegación, as que lle encomende o presidente que poderá avogar e revogar en calquera momento.

Artigo 42º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

TÍTULO IV

Dos órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comisións en xeral

Artigo 43º

1. A federación poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precisa, ademais das seguintes:

a) Os comités de disciplina deportiva: comité de competición ou xuíz único e comité de apelación.

b) Comité de xuíces árbitros.

c) A dirección técnica (é opcional).

Tódalas comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da federación española da mesma modalidade, pola lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes estatutos.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da federación. O secretario da federación intervirá como secretario de tódolos comités sen voz e sen voto, salvo que fose membro deles.

Capítulo II

Comité de xuíces-árbitros

Artigo 44º

No seo da federación constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros, no cal o presidente será designado polo presidente da federación.

Este comité poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, os xuíces ou árbitros, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, propoñéndolle á xunta directiva a adscrición

ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle a asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitrase, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación.

TÍTULO V

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 45º

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da federación que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no Regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 46º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o Regulamento electoral que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral; circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O termo para a presentación de candidatos a presidente e membros da asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

6. Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e situación das mesas electorais.

9. Elección do presidente.

10. Elección da comisión delegada.

O Regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

A comisión xestora

Artigo 47º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o Regulamento electoral, o presidente procederá no prazo sinalado neste á convocatoria de eleccións á asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o Regulamento electoral á ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como do Regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita modificación. Deberá expoñerse o Regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase nuingunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 48º

A circunscrición electoral será en Ourense.

Capitulo V

Xunta electoral

Artigo 49º

1. A xunta electoral estará composta por tres membros titulares e tres suplentes, que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta. Aprobados pola asemblea xeral en sesión extraordinaria, ratificados pola Secretaría Xeral para o Deporte.

2. De entre os membros designados, o presidente será o de maior idade, e actuará como secretario o que o sexa da federación, con voz pero sen voto.

3. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada e do presidente da federación, así como a decisión doutras cuestións que afecten directamente á celebración das eleccións e ós seus resultados. Unha vez finalizada a votación, levantará acta da votación e o reconto e remitirá a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de 3 días.

4. As decisións da xunta electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. En caso de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

5. Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da federación e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Mesas electorais

Artigo 50º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada, constituiranse unha ou varias mesas electorais na forma establecida no Regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezan no Regulamento electoral.

Capitulo VII

Recursos

Artigo 51º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo, caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva, contra tódolos actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 52º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno mediante sufragio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas pola mesma que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establecerán no regulamento electoral, que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación quen a asinará.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, de acordo co disposto no artigo 47º dos presentes estatutos.

Artigo 53º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 14º.5 destes estatutos.

Os requisitos esixidos para seren electores ou elixibles deberán estar cumpridos no día no que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 54º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos

integrantes dela, de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 55º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro público da federación e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións e estivesen igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou pola federación española da mesma modalidade coa aprobación ou intervención daquela.

Artigo 56º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola federación no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, polo menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións, ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou pola federación española da mesma especialidade, coa aprobación ou intervención daquela.

Artigo 57º

Os representantes dos técnicos-adestradores e dos xuíces-árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria de eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en competición ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou federación española da mesma modalidade, coa aprobación ou intervención daquela.

Capítulo IX

Elección de presidente

Artigo 58º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo de acordo desta, procederá inmediatamente a convocatoria da dita asemblea para elixi-lo presidente e a comisión delegada da federación.

O presidente será elixido para un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral, logo da presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas, polo menos, polo 10% dos membros da asemblea xeral. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 59º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría, procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación, e será proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 60º

Para poder ser candidato a presidente da federación, haberán de reunirse as condicións seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da federación ou polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) Non estar condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 61º

A votación será libre, igual, secreta e directa, non se admitirá o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo X

Elección da comisión delegada

Artigo 62º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por 4 membros, e ademais o presidente da federación, que será o presidente da dita comisión.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos hasta cubri-lo número de membros correspondente á comisión delegada.

TÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 63º

A federación está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e

gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que deberá serlle notificado a Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A federación elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos a desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e contribucións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmovilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

6. As variacións en relación co orzamento aprobado, cando estas superen o 10%, será aprobado pola comisión delegada, e/ou pola asemblea xeral cando supere o 25% do orzamento de partida.

Artigo 64º

Constitúen os ingresos da federación:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as provenientes, se é o caso, da federación española da mesma modalidade deportiva.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan, autorizados pola comisión delegada.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 65º

A federación destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 66º

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobros e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente ou coa do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros de contabilidade. Formulará os balances anualmente que deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

TÍTULO VII

Réxime documental

Artigo 67º

O réxime documental da federación comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs no que constará a denominación destes, domicilio social e número de isncricións no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais así como os domicilios para citacións e comunicacións.

Artigo 68º

O réxime documental da federación estará a cargo do secretario, ó que lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remiti-las certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da federación ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO VIII

Réxime disciplinario e xurisdiccional

Artigo 69º

A federación, en materia de disciplina deportiva, ten potestade sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros e, en xeral, todas aquelas persoas ou entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 70º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeira instancia, un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

Ámbolos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O comité de competición ou xuíz único de competición estará integrado por un número de membros entre 1 e 3 nomeados pola asemblea xeral de entre membros da federación. O comité de apelación estará integrado por 3 membros, así mesmo nomeados pola asemblea xeral entre os membros da federación.

A duración do cargo coincidirá coa da asemblea xeral que os nomease e durante o dito período só cesarán por renuncia ou demisión, falecemento, incapacidade física ou psíquica, perda da condición de membro da federación e sanción que o inhabilite para o seu cargo.

Unha vez elixidos os membros dos comités, estes designarán os seus presidentes nas primeiras reunións que celebren.

A composición destes comités seralle comunicada á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 71º

As resolucións dictadas polo comité de apelación, dentro das súas competencias, terán carácter definitivo no ámbito da federación e poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva conforme a lexislación vixente.

a) A Federación Galega de Hockey en materia disciplinaria, seguirá os mesmos principios que a Real Federación Española de Hockey, que ten acordado nos seus estatutos e están comprendidos entre os artigos 74 e 167, ambos inclusive.

b) As inhabilitacións e sancións por un período de tempo determinado ou a perpetuidade, impostos pola Real Federación Española de Hockey, fanse extensivas ó ámbito galego autonómico no seu cumplimento e nos mesmos termos.

TÍTULO IX

Da modificación dos estatutos e da disolución da Federación Galega de Hockey

Artigo 72º

Os estatutos da federación só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido nos presentes estatutos.

Artigo 73º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou comisión delegada da federación, nomeándose seguidamente por ela unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentarlle á asemblea o novo texto que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral, deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 74º

A federación extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da asemblea refrendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da federación a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase ós fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte.

1499