Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 01 de marzo de 1996 Páx. 1.689

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO PARA AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 213/1996, do 9 de febreiro, sobre ampliación de servicios e medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro (Inserso).

A Constitución española resérvalle ó Estado, no artigo 149.1.17ª, a competencia exclusiva en materia de lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos seus servicios polas comunidades autónomas.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma, no seu artigo 33.2º, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado, agás as normas que configuran o réxime económico dela.

Polo Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios do Instituto Nacional de Servicios Sociais (Inserso) da Seguridade Social.

A comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade coas disposicións citadas e de acordo co establecido no Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, polo que se determinan as normas e o procedemento que han de se axusta-las transferencias de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, adoptou, na súa reunión do día 25 de xaneiro de 1996, un acordo de ampliación de servicios e medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto

258/1985, do 23 de xaneiro (Inserso), a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro para as Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día nove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta previsto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado na súa reunión do 25 de xaneiro de 1996 polo que se amplían os servicios

e medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro, e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os servicios, medios persoais e créditos orzamentarios que se relacionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos alí especificados.

Artigo 3º

Os traspasos a que se refire este real decreto terán efectividade a partir do día sinalado no acordo da mencionada comisión mixta, sen prexuízo de que o Instituto Nacional de Servicios Sociais ou demais órganos competentes produzan, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia seguirán o mesmo réxime orzamentario ó establecido no Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro.

Disposición derradeira

Única.

O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, nove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Xoán Carlos R. Juan Lerma Blasco

Ministro para as Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da comisión mixta, celebrada o día 25 de xaneiro de 1996, se adoptou acordo polo que se amplían os servicios e medios do Inserso traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro, nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia a normas consititucionais e estatutarias nas que se ampara a ampliación do traspaso.

O presente acordo ampárase, dunha parte, no disposto no artigo 149.1.17ª da Constitución española e no Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 33.2º e 4º; e, por outra parte, no Real decreto 258/1986, do 23 de xaneiro, que traspasa funcións e servicios encomendados ó Instituto Nacional de Servicios Sociais (Inserso) da Seguridade Social.

Na actualidade procede efectuar unha ampliación dos servicios e medios que foron obxecto de traspaso no Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro.

B) Identificación dos servicios do Inserso que son obxecto de ampliación.

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os seguintes servicios do seu ámbito territorial:

Residencia de maiores de Vigo.

CAMP de Redondela.

CAMP de Sarria.

A xestión destes centros realizarase de acordo coa lexislación básica do Estado, en especial, o relacionado á determinación de beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora, réxime económico financeiro e réxime económico-administrativo da Seguridade Social.

En relación cos CAMP de Sarria e Redondela, entre o Inserso e a Xunta de Galicia buscaranse fórmulas de cooperación para unha maior eficacia na xestión destes centros, ata que, de conformidade co establecido no apartado G) do presente acordo, o traspaso deles sexa efectivo.

C) Bens, dereitos e obrigas do Estado que se traspasan.

1. Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigas do Estado que se recollen no inventario detallado da relación adxunta co número 1.

2. No prazo dun mes, desde a publicación do real decreto que aprobe este acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

D) Medios persoais adscritos ó Instituto Nacional de Servicios Sociais que asume a Comunidade Autónoma e que se traspasan a esta.

Amplíanse os medios persoais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto

258/1985, do 23 de xaneiro, para o efecto do cal se lle traspasan á Comunidade autónoma os medios

persoais que quedan identificados na relación número 2 deste acordo.

A Secretaría Xeral do Instituto Nacional de Servicios

Sociais notificaralle ó interesado o traspaso e a súa nova situación administrativa tan pronto como o Goberno aprobe o presente acordo por real decreto.

Así mesmo, remitiráselles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada do expediente de persoal, así como certificado de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 1995.

O persoal que ó longo de 1996 sexa destinado as CAMP de Sarria e Redondela, o traspaso do cal non será efectivo ata o 1 de xaneiro de 1997, segundo se establece no apartado G), será identificado na correspondente relación de persoal que se publicará con antelación á data de efectividade mencionada.

E) Réxime orzamentario das cargas financeiras correspondentes á ampliación de medios.

O réxime financeiro do custo deste traspaso, que se contén na relación adxunta número 3, someterase ós mesmos criterios de valoración cós previstos no apartado E) do anexo do Real decreto 258/1985, do 23 de xaneiro.

F) Documentación e expedientes necesarios para a xestión dos medios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes necesarios realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo que se aproba este acordo.

G) Data de efectividade.

A ampliación de servicios e medios obxecto deste acordo terán efectividade nos seguintes termos:

Residencia de Vigo: partir do 1 de marzo de 1996.

CAMP de Sarria e Redondela: a partir do 1 de xaneiro de 1997.

E para que conste, expiden a presente certificación en Madrid o 25 de xaneiro de 1996. Os secretarios da comisión mixta. Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín.

Rubricado.

RELACIÓN NÚMERO 3 VALORACIÓN DO CUSTO DOS SERVICIOS

ORZAMENTO 1995

Capítulo I:

R.A. de Vigo ...................................... 653.843.876

CAMP de Sarria................................. 207.000.000

CAMP de Redondela ......................... 220.000.000

Total capítulo ......................... 1.080.843.876

Capítulo II:

R.A. de Vigo ...................................... 216.000.000

CAMP de Sarria................................... 81.864.000

CAMP de Redondela ........................... 81.864.000

Acción concertada............................. 138.052.125

Total capítulo II ........................ 517.780.125

Total................................... 1.598.624.001

Ingresos por servicios prestados:

R.A. de Vigo.................................... 192.627.763*

CAMP de Sarria................................... 42.440.000

CAMP de Redondela ........................... 42.440.000

Total ........................................ 277.507.763*

Total neto ......................... 1.321.116.238*

* Estas variacións en caso de que resulte necesario, adecuaranse, unha vez que se faga efectivo o traspaso, de conformidade co previsto no apartado G) do acordo.

NOTA: as relacións números 1 e 2 publicaranse posteriormente.

1519