Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 1996 Páx. 1.292

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de febreiro de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 291/1995, do 3 de novembro, relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais.

En cumprimento do disposto no artigo 32.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, polo Decreto 95/1994, do 8 de abril, reguláronse os rexistros de entidades prestadoras de servicios

sociais dependentes das consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e Familia, Muller e Xuventude.

O posterior desenvolvemento normativo da Lei galega de servicios sociais requiriu a modificación dos devanditos rexistros co fin de axustarse ás novas esixencias legais, o que se realizou polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Ante a nova organización rexistral, considérase necesaria unha norma que regule polo miúdo os seus instrumentos materiais así como as correspondentes solicitudes normalizadas relativas ós procedementos rexistrais.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Para a inscrición dunha entidade no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o titular ou o seu representante legal deberá presentar solicitude normalizada conforme o modelo establecido no anexo I acompañada da documentación referida no artigo 14 do Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

2. Para os efectos de dar cumprimento á obriga establecida no artigo 17 do Decreto 291/1995, o titular ou o representante legal da entidade deberá presentar solicitude normalizada de modificación segundo modelo do anexo II, xunto coa documentación acreditativa dela.

3. Para obte-la cancelación da inscrición a petición da entidade, o seu titular ou representante legal presentará solicitude normalizada conforme o anexo III, acompañada de certificación expresiva do correspondente acordo adoptado pola entidade, cando se trate de persoas xurídicas.

4. Tódalas solicitudes se dirixirán á Dirección Xeral de Servicios Sociais que resolverá o expediente, podendo presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou en calquera dos establecementos ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-O rexistro constará materialmente de libro diario, libro de rexistro de entidades, ficheiro auxiliar de centros e arquivo de documentación. O libro de rexistro e o ficheiro auxilar levaranse simultaneamente sobre soportes escritos e informáticos.

Artigo 3º

1. O libro diario e o de rexistro constarán de 500 follas útiles, máis a portada e unha final en branco. Tódalas follas estarán seladas e numeradas correlativamente no ángulo superior dereito.

Na parte superior da folla de portada estamparanse as seguintes palabras: libro diario ou libro rexistro, segundo corresponda, seguido de Rexistro de Enti

dades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e debaixo tomo nº...

Na parte media da dita folla estenderase certificación, selada e firmada polo secretario xeral ou persoa en quen delegue, expresiva de que o libro reúne o número de follas esixidas, que estas están numeradas, a circunstancia de non estar ningunha delas riscada ou utilizada e a data da súa apertura.

2. Os tomos de ámbolos dous libros numeraranse por orde de antigüidade.

Artigo 4º.-No libro diario farase o correspondente asento de todo escrito ou documentación que afecte a este rexistro.

Os asentos anotaranse respectando a orde temporal de recepción e indicarán a súa data, sen deixar claros entre eles.

Este libro levarase exclusivamente en soporte escrito.

Artigo 5º

1. No libro rexistro inscribiranse as entidades prestadoras de servicios sociais, e deberán anotarse, así mesmo, os seus centros autorizados.

2. A anotación dos centros realizarase de oficio trala concesión do correspondente permiso de inicio de actividades.

3. Este libro constará de follas móbiles, numeradas e seladas, estendendo o secretario xeral dilixencia de apertura, nos termos establecidos no artigo 3º.1 da presente orde.

4. Cada entidade abrirá folio no rexistro e concederáselle un número diferente e correlativo, reservando o encargado do rexistro o número de follas que considere oportuno, do que deixará constancia. Completadas estas, e cando sexa preciso engadir novos datos da entidade, acudirase a un libro rexistro complementario que terá as mesmas garantías formais que o principal. O responsable do rexistro identificará, ó pe da páxina da última folla reservada á entidade, o libro complementario onde se recollen os posteriores datos relativos á mesma.

A primeira anotación que se fará no libro rexistro complementario será a referencia ó tomo e folla na que está inscrita a entidade.

Artigo 6º

1. No libro rexistro reflectiranse, entre outros, os seguintes datos da entidade:

a) Denominación.

b) Número de rexistro asignado.

c) Data de resolución da inscrición.

d) Código ou número de identificación fiscal.

e) Categoría.

f) Ámbito xeográfico de actuación.

g) Áreas de actuación dos servicios sociais nas que incide a súa actividade.

h) Domicilio social.

i) Datos identificativos do representante legal.

2. Igualmente, deberán facerse constar no devandito libro os centros de que dispón cada entidade, dándolles un número de identificación a cada un deles e anotando os seguintes datos relativos a eles:

a) Denominación e tipoloxía.

b) Data de concesión do permiso de inicio de actividades.

c) Data de concesión do permiso de cesamento total e definitivo das actividades do centro e da correspondente cancelación.

d) Data de concesión da acreditación, se é o caso.

Artigo 7º

1. O ficheiro auxiliar de centros configúrase como instrumento de apoio ó rexistro, e nel farase constar por extenso os datos máis relevantes dos centros autorizados de que dispoña cada entidade.

2. Levarase unha ficha de cada centro, que deberá actualizarse periodicamente, e na que figurará o seu número de identificación, e os seguintes datos:

a) Denominación.

b) Entidade da que depende.

c) Número de identificación.

d) Tipoloxía.

e) Área de actuación.

f) Beneficiarios.

g) Enderezo.

h) Datos identificativos do director responsable.

i) Datas de autorización, acreditación e peche.

j) Número total de prazas.

k) Número de prazas concertadas ou convidas.

l) Cadro de persoal.

ll) Custo da praza no centro.

m) Outras prestacións ou servicios.

n) Subvencións percibidas e convenios asinados coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

ñ) Outros datos de interese.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o seguinte día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1996.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

95-0891