Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 1996 Páx. 1.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 48/1996, do 1 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica a 15/20 kV ó C.T. proxectado na Graña-Postemirón, no concello de Vilaboa (Pontevedra). (Expediente número 45/1992 A.T.).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 1.024 m de lonxitude, conductor LA-30, apoios de formigón e metálicos e tomas de terra, con orixe no apoio nº 48 da L.M.T. Pontesampaio-Marín e remate no C.T. de 25 kVA proxectado na Graña-Postemirón, no concello de Vilaboa (Pontevedra). (Expediente nº 45/1992 A.T.).

A dita instalación foi autorizada, declarada de utilidade pública, e aprobado o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 17-6-1985 e 14-2-1994, as que foron obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 8-6-1994, no BOP de Pontevedra do 5-5-1994, e no BOE do 21-4-1994.

A solicitude de urxente ocupación fíxose segundo o disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no xornal diario Atlántico Diario do 6-7-1995, no BOP de Pontevedra do 20-6-1995, no DOG do 10-7-1995, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Marín e nos da delegación provincial referida; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ós titulares dos predios números 7/1 e 23, que resultaren descoñecidos, polo que se lle deu traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa devandita Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu ó trámite de información pública non se formularon alegacións nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para ós efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración as ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. da liña eléctrica aérea a 15/20 kV ó C.T. da Graña-Postemirón.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Vilaboa (Pontevedra), e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, un de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

790