Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 1996 Páx. 765

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 1996 pola que se convocan actividades de formación para o persoal da Administración autonómica.

Conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, anúnciase a convocatoria das actividades que figuran no anexo I, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas actividades deberá presentar, cuberta en tódolos epígrafes que lles corresponda, a instancia e o currículo segundo o modelo anexo II.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática da actividade e á imposibilidade de participar en ningún outra actividade neste ano.

3. O prazo de presentación de instancias será o que se sinala para cada actividade no anexo I.

4. A correspondente documentación dirixirase á EGAP, rúa de Madrid, nº 2-4 (polígono das Fontiñas), 15703 Santiago de Compostela, e presentarase no rexistro da EGAP, das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ás actividades.

1. Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada actividade. Nas actividades que se celebren en distintas localidades terá preferencia o persoal dos servicios respectivos.

2. A lista dos seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios da EGAP.

Terceira.-Certificacións de participación.

1. É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións das actividades. Toda inasistencia á clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, sen exceder do 15% das horas lectivas programadas para a actividade unha inasistencia superior ó 20%, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do certificado.

2. Para coñecemento e constancia no seu expediente, o interesado deberá facilitarlles unha copia ós servicios de persoal do seu centro directivo.

Cuarta.-Modificacións.

A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e os contidos das actividades anunciadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 1996.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

CURSOS DE ÉTICA PÚBLICA E DEREITOS FUNDAMENTAIS

1. Obxectivos.

Situa-lo administrador-funcionario no escenario do noso tempo; afondar na responsabilidade do servicio que presta no seno da sociedade; describi-las novas demandas e ofertas sociais e formula-lo o desenvolvemento activo e pasivo dos dereitos e deberes dos funcionarios e dos cidadáns.

2. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración autonómica.

3. Criterios de selección.

Os criterios selectivos a ter en conta serán os que se fan públicos no apartado A) do anexo á resolución do 27-6-1994 (DOG nº 149, do 3-8-1994).

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 25 horas.

4.2. Horarios: de 17 a 20 horas.

4.3. Prazas: limitadas.

4.4. Lugares, datas e fin do prazo de presentación de instancias.

LugaresFechasFin del plazo

Ferrolmarzo 22-2-96

Pontevedraabril 26-2-96

Santiagomaio 26-2-96

Lugoxuño 26-2-96

Ourensesetembro 6-5-96

Vigooutubro 3-6-96

A Coruñanovembro 3-6-96

5. Contido básico.

Ética. A modernización. A organización social. A Administración pública. Os dereitos e os deberes.

CURSO DE INGLÉS ELEMENTAL

1. Obxectivos.

Proporcionar uns coñecementos básicos da lingua inglesa.

2. Destinatarios.

Persoal de Administración dos diferentes grupos das administracións autonómica, local, universitaria, parlamentaria e do Consello de Contas. Para a selección terase en conta en primeiro lugar a utilidade do idioma para o traballo do solicitante, circunstancia que se acreditará presentando certificación do superior xerárquico das tarefas do posto de traballo para as que é imprescindible coñecemento do idioma solicitado.

3. Desenvolvemento do curso:

3.1. Duración: 120 horas, distribuídas en dúas sesións por semana (martes e xoves) de dúas horas cada día.

3.2. Lugar: EGAP. Santiago de Compostela.

3.3. Datas: de febreiro a novembro de 1996.

3.4. Horarios: de 17 h. a 19 h.

3.5. Prazas: 7 como mínimo e 20 como máximo, das que 11 serán para a Administración autonómica, 4 para a local, 2 para a universitaria, 2 para a do Parlamento e 1 para o Consello de Contas. En caso de reiterada inasistencia a clase, de falta de nivel ou rendemento adecuado para segui-lo curso, poderá

darse de baixa a un alumno para ocupa-la praza por outro que reúna as condicións esixidas de nivel, etc.

4. Contido.

Vocabulario. Pronunciación. Estructuras gramaticais. Comprensión básica. Formular e contestar preguntas. Análise de situacións concretas da vida corrente.

5. Prazo.

O prazo de presentación de instancias será de 20 días contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución no DOG.

CURSO DE INGLÉS MEDIO

1. Obxectivos

Consolida-los coñecementos do inglés básico e proporcionar uns coñecementos da lingua inglesa a un nivel medio que permitan establecer contactos esporádicos na lingua estranxeira e conseguir unha comunicación e comprensión con certo grao de eficiencia.

2. Destinatarios.

Persoal de Administración dos diferentes grupos das administracións autonómica, local, universitaria, parlamentaria e Consello de Contas. Absteranse de solicitalo os participantes na edición anterior destes cursos. A selección dos participantes efectuarase logo das probas escrita ou oral de nivel que permitan formar un grupo homoxéneo para o axeitado desenvolvemento do curso. A proba escrita terá lugar na EGAP o xoves seguinte ó día da finalización do prazo de presentación de instancias, ás 19 horas.

3. Desenvolvemento do curso.

3.1. Duración: 120 horas, distribuídas en dous sesións por semana (martes e xoves) de dúas horas cada día.

3.2. Lugar: EGAP. Santiago de Compostela.

3.3. Datas: de febreiro a novembro de 1996.

3.4. Horarios: de 19 h. a 21 h.

3.5. Prazas: 7 como mínimo e 20 como máximo, nunha proporción similar á establecida no curso elemental, sempre que reúnan os requisitos de nivel medio resultantes das probas escritas e orais.

4. Contido.

Solicitar ou dar información. Expresión e comprensión de pensamento obxectivo e subxectivo. Persuasión. Usos sociais da lingua. Descrición. Emprego de estructuras temporais.

5. Prazo.

O prazo de presentación de instancias será de 20 días contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución no DOG.

96-536