Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 01 de decembro de 1995 Páx. 9.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de panaderías.

Visto o expediente do convenio colectivo panderías, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-9-1995 subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios Fabricantes de Pan e, da parte social por CC.OO., UGT e CIG o día 18-9-1995, e de conformidade co disposto no Art. 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscripción no libro rexistro de convenios de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 4 de outubro de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio de panaderías

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afectará a tódalas empresas de panadería e os seus traballadores, abranguidas dentro da provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá unha duración dun ano; entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1995 e finalizará o 31 de decembro de 1995.

Artigo 3º.-Prórrogas.

O convenio considerarase prorrogado por anos sucesivos se non fose denunciado por algunha das partes cunha antelación mínima de tres meses antes da data do seu vencemento. A denuncia terá que comunicárselle ó organismo competente da Administración e á outra parte interesada e comprometeranse as partes a inicia-la negociación do novo convenio no último trimestre de 1995, en concreto, a partir da primeira semana de novembro.

Artigo 4º.-Condicións económicas.

Acórdase un incremento do 5,3% sobre a táboa salarial do anterior convenio. O incremento mencionado non poderá ser absorbible en ningún caso e percibirase sobre os salarios reais devengados o 31 de decembro de 1994. Para o suposto de que o IPC, tomado desde o 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1995 constatado oficialmente, exceda no seu conxunto do 4,3%, aboarase de forma automática o exceso sobre a dita porcentaxe, e tomaranse como base de cálculo para o dito exceso as táboas de salarios vixentes a 31 de decembro de 1994, de xeito que se manteña un diferencial dun punto sobre o incremento do IPC real a 31-12-1995. Tal incremento aboarase con efectos do 1 de xaneiro de 1995.

Capítulo II

Artigo 5º.-Retribucións.

Nas táboas salariais anexas sinálanse as retribucións correspondentes ás distintas categorías de persoal, que son o resultado de aplica-lo incremento do 5,3% das táboas salariais do anterior convenio. As ditas retribucións son consideradas como base de cálculo para tódolos efectos.

Artigo 6º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 7.500 ptas ó mes para tódalas categorías. O incremento experimentado neste plus non poderá ser absorbible en ningún caso.

Artigo 7º.-Premio de fidelidade e xubilación voluntaria.

Todo traballador que se xubile antes da data indicada como data de xubilación voluntaria pola normativa laboral vixente percibirá en concepto de gratificación unha remuneración que se establece de acordo coas seguintes normas:

-De 35 a 40 anos de antigüidade, o 100% da seguinte táboa.

-De 30 a 35 anos de antigüidade, o 90% da seguinte táboa.

-De 25 a 30 anos de antigüidade, o 80% da seguinte táboa.

-De 20 a 25 anos de antigüidade, o 70% da seguinte táboa.

-De 15 a 20 anos de antigüidade, o 60% da seguinte táboa

-De 10 a 15 anos de antigüidade, o 50% da seguinte táboa.

Táboa:

-5 anos antes, 15 mensualidades.

-4 anos antes, 12 mensualidades.

-3 anos antes, 10 mensualidades.

-2 anos antes, 8 mensualidades.

-1 ano antes, 5 mensualidades.

Os traballadores que non acepten a dita fórmula e desexen xubilarse na data regulamentaria para a xubilación voluntaria percibirán unha mensualidade como gratificación. A forma de pagamento destas gratificacións pactarase entre a empresa e o traballador.

Independentemente do contido do anterior, sempre e cando exista acordo entre a empresa e o traballador, será de aplicación o Real decreto-Lei 14/1981, do 20 de agosto, sobre xubilación especial ós sesenta e catro anos na Seguridade Social.

Artigo 8º.-Antigüidade.

Manterase a mesma que dispón a regulamentación nacional de panadería, con data 12 de xullo de 1946, é dicir, dous bienios do 5% e catro quinquenios do 10% sobre retribución base.

Artigo 9º.-Nocturnidade.

O plus de nocturnidade queda establecido en 4.800 ptas. mensuais.

Artigo 10º.-Retribucións en especie.

Os traballadores de panaderías percibirán un quilo de pan diario, incluídos os períodos de vacacións e baixas por enfermidade ou accidente. O quilo de pan valórase en 50 ptas. para efectos de cotización á Seguridade Social.

Artigo 11º.-Vacacións.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán anualmente de trinta días naturais de vacacións. Durante o período de desfrute vacacional, o traballador percibirá o importe salarial nas mesmas condicións ca en calquera outro mes que estivese traballando, incluídos os pluses de transporte e nocturnidade. Igualmente aboaránselles durante o período de vacacións a aqueles productores ós que se lles veñen aplicando as cantidades ás que fai referencia o apartado 3 do artigo 19º do presente convenio, é dicir, aboaránselles en vacacións 30 días de salario completo, incluídos os pluses e, a maiores, un día máis de salario por cada sábado que coincida co período vacacional, ó que o teña así recoñecido.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores acollidos a este convenio percibirán tres gratificacións extraordinarias equivalentes a trinta días de salario, entendéndose por este o salario base e antigüidade, máis mecanización ou semimecanización ou demasías para os traballadores de obradoiro ou taller afectados polos artigos 14º e 15º. As ditas gratificacións aboaranse na festividade de San Hono

rato (16 de maio), 15 de xullo e Nadal (20 de decembro).

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

A fórmula para o cálculo das horas extras será a establecida no Decreto 2780/1973, do 17 de agosto, sobre ordenanza de salarios e Orde do 22 de novembro de 1973, que o desenvolveu e coas recargas establecidas no Estatuto dos traballadores, na súa versión anterior á reforma da Lei 11/1994, do 19 de maio. As anteriores referencias normativas e o prezo das horas extras resultante terá unha ultravixencia dun ano tralo remate da vixencia ordinaria do convenio, é dicir, ata o 31 de decembro de 1996.

Artigo 14º.-Mecanización e semimecanización.

Nas industrias mecanizadas e semimecanizadas aboaráselles ós traballadores de obradoiro ou taller o 20 e o 15 por cento, respectivamente dos salarios base sinalados no anexo deste convenio.

Ó resto dos traballadores, non incluídos no obradoiro ou taller, aboaráselle-lo 3% do salario base sinalado no anexo deste convenio. Este incremento dun 1% na porcentaxe terá unha ultravixencia dun ano tralo remate da vixencia ordinaria do convenio, é dicir, ata o 31 de decembro de 1996.

Artigo 15º.-Demasías.

Nas industrias a rendemento, é dicir, as non abranguidas no artigo 14º, aboaráselles ós traballadores de obradoiro ou taller o 10% dos salarios base sinalados no anexo que abrangue a táboa salarial deste convenio, nas mesmas condicións que, segundo o artigo 14º, o perciban os traballadores das outras industrias mecanizadas ou semimecanizadas. Ó resto dos traballadores, non incluídos en obradoiro ou taller, aboaráselle-lo 3% do salario base sinalado no anexo deste convenio. Este incremento dun 1% na porcentaxe terá unha ultravixencia dun ano trala terminación da vixencia ordinaria do convenio, é dicir, ata o 31 de decembro de 1996.

A toda industria que pase de semimecanizada a mecanizada deixará de aplicárselle o presente artigo.

Artigo 16º.-Días festivos.

Ós traballadores afectados polo presente convenio que teñan que traballa-los días festivos aboaráselle-lo citado día co 175%.

Artigo 17º

Consideraranse inhábiles dentro do ámbito provincial, para efectos de fabricación, distribución e venda de pan, o día 1 de xaneiro, o 1 de maio e o 25 de decembro.

Capítulo III

Artigo 18º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para tódalas empresas e traballadores afectados polo presente convenio será sempre a que en cada momento estableza a lexislación vixente, e contabilizarase o tempo de bocadillo , de traballo efectivo.

Artigo 19º.-Descanso dominical.

Sen prexuízo da liberdade das empresas de traballaren en domingo, os traballadores desta provincia gozarán do seu descanso semanal o citado día. Sen embargo, as empresas poderán pactar co traballador o seu traballo en domingo, sempre que se respecten as condicións seguintes:

1. Que o traballador, voluntariamente, acepte realiza-lo traballo no dito día.

2. O que traballe o mencionado día percibirá, ademais do salario/día normal, como mínimo un 100% deste, sen prexuízo do descanso semanal que lle corresponda.

Ademais do dito anteriormente, o traballador que realice a súa xornada completa o citado día, percibirá a cantidade de 1.167 ptas.

3. Respectaranse os dereitos adquiridos polos traballadores e os que realicen a prolongación de xornada nas mesmas condicións en que se vén realizando habitualmente, percibirán oito días de salario semanal, sempre que non renuncien á prolongación de xornada.

4. Exceptúanse do establecido neste artigo os traballadores que sexan contratados exclusivamente para realizaren a xornada do domingo.

Capítulo IV

Artigo 20º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por enfermidade común, debidamente comprobada, cunha duración superior a trinta días, a empresa complementará, a partir do día vinteún e ata un máximo de seis meses, as prestacións económicas aboadas pola Seguridade Social pola dita baixa, ata o 90% do salario de cotización real referido ó mes anterior á baixa.

A partir do sexto mes e durante seis meses, o complemento será ata o 100%. A situación de baixa debida a embarazo considerarase tal como determina a lexislación vixente, e non será aplicable esta cláusula en tal situación.

No suposto de que a incapacidade laboral transitoria sexa consecuencia dun accidente de traballo, a empresa complementará desde o primeiro día de baixa e ata un máximo dun ano, as prestacións económicas que aboe a Seguridade Social sobre o salario que sirva de base para a fixación das primas que se van ingresar nesta, ata o 100% do dito salario.

Artigo 21º.-Permisos.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a tres días de permiso non retribuídos por asuntos propios de acordo coa empresa.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Catro días nos casos de nacemento dun fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes de

ámbolos cónxuxes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto fóra da provincia, o prazo será de seis días.

c) Un día por falecemento de fillos políticos e cuñados de ámbolos cónxuxes.

d) Dous días por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó disposto en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade de prestación do traballo debido, en máis dun 20% das horas laborables en período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase sempre o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade. Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Capítulo V

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicárense libremente; admitirán que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra de horas de traballo e sen perturba-la actividade normal das empresas; non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco despedir un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma a causa da súa afiliación ou actividade sindical. Os sindicatos poderán remitir información a todas aquelas empresas nas que se dispoña de suficiente e apreciable afiliación, co fin de que esta sexa distribuída fóra das horas de traballo e sen que, en todo caso, o exercicio de tal práctica puidese interrompe-lo desenvolvemento do proceso

productivo. Nos centros de traballo que posúen un cadro de persoal superior ós cen traballadores, existirán taboleiros de anuncios nos que os sindicatos debidamente implantados poderán inserir comunicacións e, para o seu efecto, dirixirán copia destas previamente á dirección ou titularidade do centro.

A) Delegados sindicais.

Naqueles centros de traballo con cadro de persoal que exceda de douscentos traballadores e cando os sindicatos ou centrais posúan neles unha afiliación superior ó 15% daquela, a representación do sindicato ou central será ostentada por un delegado. O sindicato que alegue posuír dereito a atoparse representado mediante titularidade persoal en calquera empresa, deberá acreditalo ante esta dun xeito fidedigno, e esta recoñeceralle, acto seguido, ó citado delegado a súa condición de representante do sindicato para tódolos efectos. O delegado sindical deberá ser traballador en activo das respectivas empresas e designado de acordo cos estatutos da central ou sindicato ó cal represente. Será, preferentemente, membro do comité de empresa.

Funcións dos delegados sindicais:

1. Representar e defende-los intereses do sindicato ó cal represente e dos afiliados deste na empresa, e servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical ou sindicato e a dirección das respectivas empresas.

2. Poderán asistir ás reunións do comité de empresa comités de seguridade e hixiene no traballo e comités paritarios de interpretación, con voz e sen voto, e sempre que tales órganos admitan previamente a súa presencia.

3. Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa debe por a disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, e estarán obrigados a gardar sixilo profesional nas materias nas que legalmente proceda. Posuirán as mesmas garantías e dereitos recoñecidos pola lei e convenios colectivos ós membros do comité de empresa.

4. Serán oídos pola empresa no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afectan os traballadores en xeral e os afiliados ó sindicato.

5. Serán así mesmo, informados e oídos pola empresa con carácter previo:

a) Acerca dos despedimentos e sancións que afectan os afiliados do sindicato.

b) En materia de reestructuración do cadro de persoal, regulación de emprego, traslado de traballadores cando revista carácter colectivo, ou do centro de traballo xeral, e sobre todo proxecto ou acción empresarial que poida afectar substancialmente os intereses dos traballadores.

c) A implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo ou calquera das súas posibles consecuencias.

6. Poderán recadar cotas ós seus afiliados, repartir propaganda sindical e manter reunións con eles, todo isto fóra das horas efectivas de traballo.

Coa finalidade de facilita-la difusión daqueles avisos que puidesen interesarlles ós respectivos afiliados ó sindicato e ós traballadores en xeral, a empresa porá a disposición do sindicato, a representación do cal ostente o delegado, un taboleiro de anuncios que deberá establecerse dentro da empresa e en lugar onde se garanta, na medida do posible, un adecuado acceso a el por tódolos traballadores.

8. En materia de reunións, ámbalas partes, en canto ó procedemento se refire, axustarán a súa conducta á normativa legal vixente.

9. Os delegados cinxirán as súas tarefas á realización das funcións sindicais que lles son propias.

10. Cota sindical. A requirimento dos traballadores e afiliados ás centrais ou sindicatos que ostenten a representación á que se refire este apartado, as empresas descontarán da nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, sí como o número de conta corrente ou libreta da caixa de aforros á que debe ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións , salvo indicación en contrario, durante períodos dun ano.

11. A dirección da empresa entregaralle copia da transferencia á representación sindical da empresa, se a houber.

12. Excedencias. Poderá solicita-la situación de excedencia aquel traballador en activo que ostentase cargo sindical de relevancia provincial, a nivel de secretariado do sindicato respectivo, e nacional en calquera das súas modalidades. Permanecerá en tal situación mentres se atope no exercicio do dito cargo e reincorporaríase á súa empresa, se o solicitase, no termo dun mes ó finaliza-lo desempeño deste. Nas empresas con cadro de persoal inferior a cincuenta traballadores, os afectados polo termo da súa excedencia cubrirán a primeira vacante que do seu grupo profesional se produza no seu cadro de persoal de pertenza, salvo pacto individual en contrario.

13. Participación nas negociacións de convenios colectivos. Ós delegados sindicais ou cargos de relevancia das centrais recoñecidas no contexto do presente convenio, implantadas nacionalmente e que participan nas comisións negociadoras de convenios colectivos mantendo a súa vinculación como traballadores en activo dalgunha empresa, seranlles concedidos permisos retribuídos por elas, co fin de facilitárlle-lo seu labor como negociadores durante o transcurso da antedita negociación, sempre que a empresa estea afectada pola negociación en cuestión.

B) Dos comités de empresa.

Sen prexuízo dos dereitos e facultades concedidas polas leis, recoñéceselles ós comités de empresa as seguintes funcións:

a) Seren informados pola dirección da empresa:

1. Trimestralmente sobre evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a evolución dos negocios e a situación de producción e vendas da entidade, sobre o seu programa de producción e evolución probable do emprego na empresa.

2. Anualmente, coñece-lo balance, a conta de resultados, a memoria, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións de cantos documentos se lles dean a coñecer ós socios.

3. Con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre a reestructuración do cadro de persoal, peches totais ou parciais, definitivos ou temporais e as reduccións de xornada; sobre o traslado total ou parcial das instalacións empresariais e sobre os plans de formación profesional da empresa.

4. En función da materia da que se trata:

-Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias: estudio de tempos, establecemento de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

-Sobre a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa, cando iso supoña calquera incidencia que afecta o volume de emprego.

-O empresario facilitaralle ó comité de empresa o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice e o comité estará lexitimado para efectua-las reclamacións oportunas ante a empresa e, se é o caso, a autoridade laboral competente.

-Sobre sancións impostas por faltas moi graves e, en especial, en supostos de despedimento.

-No referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistrabilidade, o movemento de ingresos e cesamentos e os ascensos.

b) Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

1. Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o respecto dos pactos, condicións e usos de empresa en vigor, e formulación, se é o caso, das accións legais oportunas ante a empresa e os organismos tribunais competentes.

2. A calidade da docencia e da efectividade desta nos centros de formación e capacitación da empresa.

3. As condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo da empresa.

c) Participar, como regulamentariamente se determine, na xestión de obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores ou dos seus familiares.

d) Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo cumprimento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade da empresa.

e) Recoñéceselle ó comité de empresa a capacidade procesual, como órgano colexiado, para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito da súa competencia.

f) Os membros do comité de empresa e esta no seu conxunto observarán sixilo profesional en todo o referente ós apartados 1, 2 e 3 do punto a) deste artigo, aínda despois de deixaren de pertencer ó comité de empresa e, en especial, en todas aquelas materias sobre as que a dirección sinale expresamente o carácter reservado.

g) O comité velará, non só porque nos procesos de selección do persoal se cumpra a normativa vixente ou racionada, senón tamén polos principios de non discriminación, igualdade de sexos e fomento dunha política racional de emprego.

C) Garantía:

1. Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por revocación ou demisión, e sempre que o despedimento ou a sanción se baseen na actuación do traballador ou no exercicio legal da súa representación.

Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecesen a outra causa, deberá tramitarse expediente contradictorio, no que serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal e o delegado de sindicato ó que pertenza como tal na empresa.

Posuirán prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto ós demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas e económicas.

2. Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou en razón do desempeño da súa representación.

3. Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, e poderán publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicándolle todo iso previamente á empresa e exercendo tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

4. Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determina. Así mesmo, non se computará dentro do máximo legal de horas o exceso que sobre este se produza con motivo da designación de delegados de persoal ou membros de comités como compoñentes de comisións negociadoras de convenios colectivos nos que sexan afectados e, polo que se refire á celebración de sesións oficiais a través das

cales transcorren tales negociacións, se cando a empresa en cuestión se vexa afectada polo ámbito de negociación referido.

5. Sen supera-lo máximo legal, poderán ser consumidas as horas retribuídas das que dispoñen os membros de comités ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia destes a cursos de formación organizados por sindicatos, institutos de formación ou outras entidades.

6. O total de horas retribuídas dos membros do comité ou delegados a que se refire o apartado 4 poderá acumularse para seren desfrutadas por un ou varios dos seus compoñentes, sen supera-lo máximo total ó mes, sempre que medie acordo respecto do comité, debidamente comunicado á dirección da empresa con oito días de antelación, e non lle supoña alteración grave ó réxime laboral desta.

Capítulo VI

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

Tódolos traballadores terán dereito a roupas de traballo que consistirán en dous xogos de roupa de faena ó ano, como mínimo, e un par de zapatos para os choferes. As ditas pezas de roupa facilitaranse no mes de xaneiro de cada ano, agás para o persoal de novo ingreso, ó que se lle facilitarán na data de incorporación.

Artigo 25º.-Formación profesional.

A Asociación de Empresarios Fabricantes de Pan realizará as xestións oportunas co P.P.O. ou organismos que correspondan, para la celebración de cursos se formación profesional no sector e orientados ás especialidades deste.

A comisión paritaria do convenio controlará o cumprimento deste artigo e participará nas xestións pertinentes, co fin de que o pactado se leve á práctica.

Artigo 26º.-Seguro de accidentes.

As empresas virán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de dous meses desde a sinatura do presente convenio, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de falecemento ou invalidez total ou absoluta dos traballadores en caso de accidente durante as vintecatro horas do día, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa a percepción de dous millóns e medio de pesetas nos citados supostos. Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente do grao de invalidez será a que no seu día dictaminen os organismos laborais.

Estas compensacións son compatibles coas pensións e indemnizacións que puidesen corresponderlle ó traballador pola Seguridade Social ou Montepío.

O dito seguro vincularase á permanencia do asegurado na empresa. O cesamento nesta dará orixe á baixa do productor na póliza deste seguro sen que, polo tanto, este conserve dereito ningún a percibi-lo importe do capital no seu día garantido.

Entregaráselle copia da póliza onde figure o nome do asegurado a cada interesado.

Cada productor debe nomear un beneficiario para consignar na póliza no caso de falecemento.

Con independencia do anterior, en caso de falecemento dun traballador que está en activo na empresa, os herdeiros recibirán o importe dunha mensualidade.

Artigo 27º.-Seguro de roubo.

A todo o persoal de despacho e reparto que, con ocasión do seu traballo para a empresa, manexe cantidades de diñeiro, seralle subscrito cunha compañía de seguros, a cargo de cada empresa, un seguro de asalto e roubo por cantidade suficiente que cubra a substracción. Os beneficiarios do dito seguro terán en todo momento a obriga de cumpriren cantos requisitos lles sexan esixidos pola compañía de seguros, conducentes ó resarcimento ds cantidades substraídas.

Capítulo VII

Artigo 28º

No previsto e regulado neste convenio serán de aplicación as normas que sobre a materia veñan establecidas pola lexislación xeral como norma supletoria e Regulamentación nacional de traballo para a industria de panadería, aprobada por orde do Ministerio de Traballo, do 12 de xullo de 1946. No suposto de que fose derrogada a citada regulamentación durante a vixencia do convenio, as partes acordan mante-la regulación existente nesta nas materias non tratadas polo convenio e negocia-la súa substitución e incorporar ó presente convenio a regulación das materias que se acorden.

Artigo 29º.-Locais e taboleiro de anuncios.

Nas empresas ou centros de traballo, sempre que as características o permitan, porase a disposición dos delegados de persoal ou do comité de empresa un local adecuado no que poidan desenvolve-las actividades sen comunicárense cos traballadores, así como un ou varios taboleiros de anuncios. As posibles discrepancias resolveraas a autoridade laboral, logo de informe da Inspección de Traballo.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión paritaria para a vixilancia e interpretación do presente convenio, composta por seis membros da parte económica e seis membros da parte social.

A dita comisión será o órgano competente para a interpretación e control de tódolos temas relacionados co presente convenio, e especificamente está facultada para o seguimento de todo o relacionado co contido do convenio para evita-los prexuízos que poidan causárselles ós traballadores e empresarios por incumprimento deste e, para tal efecto, reunirase periodiamente e con carácter obrigatorio dentro dos quince días seguintes ó momento de recibir comunicación dunha das partes.

Artigo 31º.-Contrato de aprendizaxe.

As empresas poderán celebrar contratos de aprendizaxe para todos aqueles postos de traballo que requiran especialización, e excluiranse do dito contrato aqueles postos ou categorías nos que non sexa precisa a cualificación profesional.

Artigo 32º.-Cláusula de descolgamento salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulada no presente artigo, establécense os seguintes mecanismos:

1. Negociación coa representación legal dos traballadores.

2. Negociación en comisión paritaria do convenio.

3. Mecanismos da AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegaráselle-la seguinte documentación:

-Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios, nos que se demostre que durante eles se producen perdas reais.

-Plan de viabilidade para o período que se pretende a aplicación da dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Na súa aplicación poderán pactarse reduccións sobre as porcentaxes de incrementos negociados ou a súa total inaplicación polo período que se determine; neste último caso, aplicaranse os aspectos económicos nos mesmos termos que figuran no convenio anteriormente vixente.

Os representantes legais dos traballadores, así como os seus asesores, están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, e a observar, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Durante o tempo que dure o descolgamento salarial, as empresas comprométense a non reduci-lo cadro de persoal.

Igualmente páctase que nos dous anos seguintes, as empresas que se acollan a esta claúsula aboaranlles ós seus traballadores a porcentaxe deixada de percibir como consecuencia do descolgamento.

Artigo 33º.-Cláusula de adhesión á AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas na AGA nos propios termos nos que están formuladas. Igual sumisión se pacta respecto do AGA

II, referido a conflictos individuais, unha vez que se proceda á sinatura deste polas organizacións aludidas.

Disposición transitoria

No suposto de que fose derrogada a vixente regulamentación nacional para o sector antes de ser substituída polo correspondente convenio marco, as partes acordan mantela en vigor durante a vixencia normal do convenio naquelas materias que non fosen modi

ficadas por normativa estatal posterior, e obrigaranse a negociar estes aspectos co próximo convenio colectivo.

Queda derrogado na súa totalidade o convenio colectivo para o ano 1994.

O presente convenio expresará a libre vontade das partes negociadoras que, en proba de conformidade, o asinan na Coruña o 18 de setembro de 1995.

TÁBOA DE SALARIOS

Categorías profesionaisSalario anual/pesetas

MecanizaciónSemimecanizaciónA rendemento

Técnicos:
Xefe de fabricación1.681.9201.618.7401.555.560
Xefe de taller mecánico1.652.6701.590.7091.528.748

Administrativos:
Xefe de oficina e contabilidade1.409.5081.409.5081.409.508
Oficial administrativo1.289.8171.289.8171.289.817
Auxiliar administrativo1.210.8521.210.8521.210.852

Obreiros:
En panaderías totalmente mecanizadas:
Axudante de encargado1.495.906
Amasador1.493.722
Axudante de amasador1.470.790
Oficial1.470.790
Especialista1.470.790
Fogoneiro1.470.790
Gasista1.470.790
Encendedor1.470.790
Engraxador1.490.790
Mecánico de primeira1.484.986
Mecánico de segunda1.470.790
Mecánico de terceira1.463.692
Peón1.440.760

Nas restantes panaderías:
Mestre encargado1.535.7641.478.6841.421.605
Oficial de sala1.535.7641.478.6841.421.605
Oficial de masa1.486.0781.431.0691.376.059
Oficial de mesa1.469.1521.414.8481.360.544
Axudante1.387.6391.334.518
Aprendiz primeiro ano1.100.3751.059.743
Aprendiz segundo ano1.171.5371.127.811

Servicios complementarios:
Mordomo1.235.822
Chofer1.284.093
Vendedor/a de pan en despachos1.180.521
Transportista de pan a despachos1.235.822
Repartidor a domicilio1.180.521
Persoal de limpeza (por horas)734.366
Persoal de limpeza (xornada completa)1.180.521

TÁBOA DE SALARIOS

Categorías profesionais

Salario base

mensual/ptas.

Técnicos:
Xefe de fabricación84.240
Xefe de taller mecánico82.615

Administrativos:
Xefe de oficina e contabilidade

84.240
Oficial administrativo76.493
Auxiliar administrativo71.382

Obreiros
En panaderías totalmente

mecanizadas:

Diario/ptas.
Axudante de encargado2.436
Amasador2.432
Axudante de amasador2.390
Oficial2.390
Especialista2.390
Fogoneiro2.390
Gasista2.390
Encendedor2.390
Engrasador2.390
Mecánico de primeira2.416
Mecánico de segunda2.390
Mecánico de terceira2.377
Peón2.335

Nas restantes panaderías:
Mestre encargado2.509
Oficial de sala2.509
Oficial de masa2.418
Oficial de mesa2.387
Axudante2.335
Aprendiz primeiro ano1.786
Aprendiz segundo ano1.922

Servicios complementarios:
Mordomo2.406
Chofer2.509
Vendedora de pan en despachos2.288
Transportista de pan a despachos2.406
Repartidor a domicilio2.288
Persoal de limpeza (por horas)ptas./hora 334
Persoal de limpeza

(xornada completa)

2.288

7843