Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 29 de novembro de 1995 Páx. 9.070

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia.

Galicia veu creando e estructurando as súas institucións desde a promulgación do seu Estatuto, ó abeiro do artigo 2 e consonte o dereito recoñecido no artigo 137, inciso segundo, da Constitución, de acordo co principio de autogoberno consagrado no seu artigo 148.1.1, e ata o punto de que pode considerarse practicamente culminado, desde a perspectiva da súa estructura orgánica, o seu proceso de autoorganización, cumprindo a previsión contida nos artigos 27.1 e 39 do seu Estatuto.

Establecida pola Constitución unha modalidade de Goberno e Administración propia dun Estado de dereito, esta concretarase non só no control posterior das súas normas e actuacións, xa for a través dos órganos xurisdiccionais ordinarios, xa for, se é o caso, polo Tribunal Constitucional, senón mediante un sistema de consulta previa a un órgano cualificado naquelas actuacións e disposicións do Goberno, central ou autonómico, que pola súa transcendencia ou complexidade así o requiran, como garantía do sometemento pleno deles á lei e ó dereito, amparados no artigo 130.1 da Constitución. Resolta xa pola sentencia do Tribunal Constitucional do 26 de novembro de 1992, na súa condición de órgano supremo de interpretación da Constitución, a consecuencia de que a capacidade autoorganizativa das comunidades autónomas lles recoñece facultades para a constitución dos seus propios órganos superiores consultivos, e promulgada a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, que recoñece expresamente a posibilidade de creación de consellos consultivos superiores autonómicos, especialmente os seus artigos 102 e 103 e disposición derrogatoria 2.b), parece chegado o momento oportuno para a creación, que se fai por esta lei, do Consello Consultivo de Galicia.

Este Consello terá por obxecto constituírse como superior órgano consultivo do Goberno de Galicia de carácter técnico-xurídico, con ánimo de mellora-la actuación administrativa, en canto que aumentará a garantía de legalidade das decisións que se poidan adoptar no marco do Estado social e democrático de dereito que proclama a Constitución no seu artigo 1.1.

Axilizará, así mesmo, o actuar administrativo, ó contar cun organismo consultivo propio que evite a necesidade de acudir ante o Consello de Estado nos supostos en que as leis requiren un preceptivo dictame e que garanta a legalidade e xuricidade dos acordos e actos administrativos que se sometan ó seu dictame.

A lei consta de seis títulos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria e outra derradeira.

No título primeiro, das disposicións xerais, trátase do seu carácter e fins, recoñecendo a súa autonomía orgánica e funcional, como garantía da súa obxectividade e independencia, do carácter das consultas

que se lle formulen e do carácter estrictamente xurídico dos seus dictames, agás petición expresa.

No título segundo, da composición, dado o seu carácter e ámbito, optouse por un número reducido de conselleiros, cinco, designados directamente polo presidente da Xunta; da duración do seu mandato, seis anos; do seu presidente, elixido polos propios conselleiros; da súa condición e incompatibilidades.

No título terceiro, da competencia, enuméranse os casos en que o seu dictame é preceptivo, a forma de o solicitar, a posibilidade de solicitude de dictame facultativo e a elaboración dunha memoria anual.

No título cuarto, do seu funcionamento, regúlase a posibilidade de actuar en Pleno e en seccións, fixando os respectivos asuntos, así como a forma de deliberar e tomar acordos, con carácter xeral.

No título quinto, do procedemento, sinálanse os prazos, ordinario e urxente, para a emisión de dictames e a posibilidade de solicita-la súa información complementaria.

No título sexto, finalmente, faise referencia ó persoal, e ten como principal característica a creación dun corpo de letrados propio do Consello Consultivo.

Considérase, por último, a redacción polo propio Consello Consultivo dun regulamento de organización e funcionamento, que lle propoñerá á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Autonomía e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Consello Consultivo de Galicia.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Natureza e sede.

1. Créase o Consello Consultivo de Galicia, como órgano superior consultivo da Xunta de Galicia.

2. A súa sede radicará na cidade de Santiago de Compostela, sede das institucións autonómicas.

Artigo 2.-Autonomía.

1. No exercicio das súas funcións, o Consello Consultivo de Galicia velará pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía e do resto do ordenamento xurídico.

2. O Consello Consultivo de Galicia, no exercicio das súas funcións, gozará de plena autonomía orgánica e funcional, en garantía da súa obxectividade e independencia.

3. Os asuntos dictaminados polo Consello Consultivo de Galicia non lle poderán ser remitidos, para informe ulterior, a ningún outro órgano ou organismo da Comunidade Autónoma.

Artigo 3.-Consultas e dictames.

1. A consulta ó Consello Consultivo de Galicia será preceptiva cando así o estableza esta lei ou outra norma de igual rango, e facultativa no resto dos casos.

2. Agás que por lei se dispoña expresamente o contrario, o seu dictame será non vinculante e de carácter estrictamente xurídico, sen entrar en valoracións de oportunidade ou conveniencia, a non ser que así lle sexa solicitado expresamente polo órgano consultante.

3. As disposicións e resolucións sobre asuntos dictaminados polo Consello Consultivo de Galicia cando sexa preceptiva a súa intervención nelas, se se tomaren de acordo co seu dictame, expresaranse coa fórmula «... de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia», e se non se tomaren de acordo co dictame daquel, coa de «... oído o Consello Consultivo de Galicia».

Título II

Composición

Artigo 4.-Número e nomeamento.

1. O Consello Consultivo de Galicia estará integrado por cinco conselleiros nomeados por decreto do presidente da Xunta, oído o Consello da Xunta, entre as seguintes persoas:

a) Xuristas de recoñecido prestixio con máis de dez anos de experiencia profesional efectiva.

b) Xuristas de recoñecido prestixio que formasen parte da Mesa do Parlamento.

c) Altos cargos ou funcionarios, licenciados en dereito, con máis de dez anos de experiencia na Administración.

2. Serán nomeados por un período de seis anos, poderán ser reelixidos unha soa vez e durante o seu mandato serán inamovibles.

3. Terán dereito ós honores e preeminencia que regulamentariamente se sinalen e ás remuneracións que para tal fin se fixen nos presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 5.-Elección de presidente e designación de secretario.

1. O Consello Consultivo de Galicia terá un presidente elixido entre os conselleiros en votación secreta e por maioría absoluta, na forma prevista no artigo 10. O presidente terá a súa representación para tódolos efectos.

2. Estará asistido por un secretario xeral, con voz pero sen voto, pertencente ó corpo de letrados do propio Consello. Exercerá as funcións que lle atribúa o regulamento orgánico.

Artigo 6.-Perda da condición.

Os conselleiros perderán a condición de tales:

a) Por renuncia.

b) Por extinción do seu mandato ó expira-lo prazo.

c) Por incapacidade permanente declarada por resolución xudicial firme.

d) Por incompatibilidade sobrevida.

e) Por inhabilitación xudicial para o exercicio de cargo público declarada en sentencia firme.

f) Por condena por delicto doloso en sentencia firme.

g) Por incumprimento grave das obrigas de conselleiro.

h) Por falecemento.

Artigo 7.-Procedemento e vacantes.

1. O cesamento será dictado polo presidente da Xunta. Nos supostos previstos nos apartados d) e g) do artigo anterior será preciso o acordo favorable do Consello tomado por maioría absoluta dos seus membros, logo de audiencia do interesado.

2. As vacantes cubriranse consonte o previsto no artigo 4.1 e polo tempo que reste de mandato.

Artigo 8.-Suspensión.

Os conselleiros poderán ser suspendidos nas súas funcións en caso de inculpación ou procesamento por delicto doloso, atendendo a gravidade dos feitos, por acordo da maioría absoluta dos membros do Consello.

Artigo 9.-Incompatibilidades.

1. A condición de conselleiro será incompatible con:

a) A de deputado do Parlamento de Galicia.

b) A de membro do Congreso dos Deputados ou do Senado.

c) A de maxistrado do Tribunal Constitucional.

d) A de defensor do pobo,valedor e vicevaledor do pobo ou cargos homónimos dunha Comunidade Autónoma.

e) A de membro do Consello de Contas.

f) A de calquera cargo político ou administrativo do Estado, comunidades autónomas ou entidades locais.

g) Funcións directivas en partidos políticos, sindicatos de traballadores ou asociacións de empresarios.

h) Cargos de toda índole en empresas concesionarias, contratistas, arrendatarios ou administradores de obras ou servicios públicos, calquera que sexa o seu ámbito territorial.

i) A de membro de calquera órgano asesor da Xunta.

j) O exercicio das carreiras xudicial ou fiscal ou da avogacía.

k) Calquera actividade profesional ou mercantil.

2. Será compatible co exercicio da actividade docente ou investigadora, logo de expresa declaración de compatibilidade polo presidente do Consello.

3. Se concorrese algunha causa de incompatibilidade en quen sexa designado conselleiro antes de tomar posesión do cargo e non constase a súa renuncia no que motivase a incompatibilidade, entenderase que renuncia ó posto de conselleiro se non toma unha decisión no prazo de dez días, o que así decretará o presidente, cumpríndose o disposto no artigo 7.1 para tal evento. En ámbolos casos procederase a unha nova designación consonte o artigo 7.2.

Artigo 10.-Elección do presidente e substitucións.

1. Na primeira reunión do Consello, cando estea vacante a presidencia, os seus membros procederán á elección do seu presidente de entre eles, mediante votación secreta e por maioría absoluta. En caso de

non obterse esta, procederase a unha segunda votación entre aqueles conselleiros máis votados e será elixido o que obteña maior número de votos. A proposta comunicaráselle ó presidente da Xunta, que procederá ó seu nomeamento mediante decreto por un período de seis anos, ó termo dos cales só poderá ser reelixido para un novo mandato.

2. En caso de ausencia ou enfermidade, ou mentres dure a vacante por cesamento do presidente, exercerá as súas funcións o conselleiro máis antigo, e se a antigüidade fose a mesma, o de máis idade.

Título III

Competencia

Artigo 11.-Consultas e dictames preceptivos.

O Consello Consultivo de Galicia será consultado preceptivamente nos supostos seguintes:

a) Proxectos de reforma do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Proxectos de lexislación delegada a que se refire o artigo 10.1.a) do Estatuto de autonomía de Galicia.

c) Convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas, consonte os artigos 145.2, inciso primeiro, da Constitución e 35.1 e 2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

d) Regulamentos que se dicten en execución de leis, así como as súas modificacións.

e) Conflictos de atribucións que se susciten entre as diversas consellerías e entre outros altos organismos e institucións da Comunidade Autónoma.

f) Recursos administrativos de revisión.

g) Revisión de oficio ou por petición do interesado dos actos administrativos na forma establecida na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

h) Nulidade, interpretación e resolución dos contratos administrativos na forma establecida na Lei de contratos do Estado e de réxime local.

i) Nulidade, interpretación, modificación e extinción de concesións administrativas calquera que sexa o seu obxecto, nos casos en que así o esixan as normas aplicables.

j) Reclamacións que en concepto de indemnización de danos e perdas se formulen contra a Comunidade Autónoma.

k) A creación ou supresión de municipios, así como a alteración de termos municipais.

l) Cesamento dos seus membros, en todo caso.

m) En xeral, en todos aqueles supostos en que así o estableza unha lexislación específica.

Artigo 12.-Solicitude de dictames.

1. En asuntos de competencia da Xunta de Galicia o dictame do Consello Consultivo de Galicia será solicitado polo presidente da Xunta.

2. Corresponderalles ós presidentes das entidades locais solicita-lo dictame do Consello Consultivo de Galicia naqueles supostos en que a lexislación o requira.

Artigo 13.-Dictames facultativos.

O presidente da Xunta, o Consello, os conselleiros e os presidentes dos organismos e entes públicos poderán solicitar dictame do Consello Consultivo de Galicia sobre aqueles asuntos non incluídos no artigo precedente cando a especial transcendencia do asunto así o requira.

Artigo 14.-Memoria anual.

O Consello Consultivo de Galicia elevará anualmente unha memoria de actividades ó Consello da Xunta na que se expresará a actividade desenvolvida no período anterior, así como as suxerencias que se coiden oportunas, tendentes a mellora-la actuación administrativa da Comunidade Autónoma.

Título IV

Funcionamento

Artigo 15.-Atribucións do Pleno e das seccións.

1. O Consello Consultivo de Galicia actuará en Pleno e en seccións.

2. Correspóndelle ó Pleno emitir dictame sobre os asuntos comprendidos nas letras a), b), c), d), e), k) e l) do artigo 11, e ás seccións sobre os restantes.

3. No caso de dictames facultativos, a competencia atribuiráselle á sección correspondente por razón da materia. Non obstante, cando a importancia do asunto o requira, o presidente da Xunta poderá requiri-lo dictame do Pleno.

Artigo 16.-Número e composición das seccións.

1. O Consello Consultivo de Galicia, agás para os asuntos que son competencia do Pleno, funcionará a través de seccións.

2. Regulamentariamente, determinarase o número de seccións e a distribución dos asuntos entre elas procurando a homoxeneidade das materias atribuídas a cada unha.

3. Cada sección contará, polo menos, con tres conselleiros e estará presidida por un deles, coa asistencia dun letrado.

Artigo 17.-Adopción de acordos.

1. Nas reunións do Pleno do Consello Consultivo de Galicia requirirase, para a validez das deliberacións e dos acordos, a presencia do presidente ou de quen legalmente o substitúa, dun número de membros que co presidente constitúan maioría absoluta e a do secretario xeral ou de quen faga as súas veces.

2. Os acordos tomaranse por maioría absoluta dos membros que constitúan o Consello; en caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

3. En caso de discrepancias co acordo adoptado, o ou os conselleiros discrepantes poderán formular por escrito, no prazo que regulamentariamente se

determine, o seu voto particular razoado, que se xuntará ó dictame.

Título V

Procedemento

Artigo 18.-Prazos para a emisión de dictames.

1. O Consello Consultivo deberá emiti-los seus dictames no prazo de un mes a partir do momento da recepción da solicitude; transcorrido este prazo, entenderase que non existe ningunha obxección á cuestión suscitada.

2. Cando na orde de remisión do expediente se fixer constar motivadamente a urxencia do dictame, o prazo será de quince días, agás que o presidente da Xunta, atendendo a materia e urxencia do asunto, fixase outro menor, que nunca será inferior a dez días.

Artigo 19.-Documentación.

1. O órgano consultante deberalle facilitar ó Consello canta documentación precise para dictaminar sobre a cuestión suscitada.

2. O Consello, a través do seu presidente, e por acordo daquel, poderá solicitarlle ó órgano ou á institución consultante que se complete a documentación con cantos antecedentes, informes e probas coide necesarios, mesmo co parecer dos organismos ou persoas que tivesen competencia nas cuestións relacionadas co asunto obxecto do dictame; neste suposto interromperanse os prazos previstos no artigo 18 ata que sexa cuberta a solicitude.

Artigo 20.-Audiencias e informes.

1. Poden ser oídos ante o Consello os directamente interesados nos asuntos motivadores da consulta, ben por acordo do Consello por petición deles, ben de oficio.

2. Por conducto do órgano consultante, ou directamente, pode o Consello solicitar informe, oral ou escrito, daqueles organismos ou persoas que tivesen notoria competencia técnica nas cuestións solicitadas nas materias relacionadas co obxecto da consulta.

Título VI

Persoal

Artigo 21.-Dos letrados e das súas funcións.

1. O Consello Consultivo estará asistido polo seu propio corpo de letrados.

2. Os letrados do Consello terán como misión o estudio, a preparación e a redacción dos proxectos de dictame sobre os asuntos sometidos á consulta del, así como daqueles que, sendo adecuados ó seu carácter, se determinen no regulamento.

3. O Consello elixirá entre os letrados un secretario xeral, que será nomeado polo seu presidente e terá a xefatura do persoal, sen prexuízo das facultades daquel, e será substituído, en caso de ausencia, por outro letrado designado polo presidente.

4. Os letrados terán as incompatibilidades establecidas con carácter xeral para os funcionarios das administracións públicas e non poderán exercer función

ningunha, agás a docencia ou investigación que se consideren compatibles e cando non prexudiquen a boa marcha do Consello e sempre logo de autorización do seu presidente.

Artigo 22.-Selección de letrados.

Os postos de traballo de letrados serán cubertos na forma seguinte:

a) Dúas terceiras partes, por oposición libre, na forma que regulamentariamente se determine, entre licenciados en dereito.

b) Un tercio, por concurso entre funcionarios da escala de letrados da Xunta de Galicia, así como xuristas funcionarios de carreira que exerzan a súa actividade sometidos a unha relación de dereito público.

Artigo 23.-Da adscrición doutro persoal.

O resto das prazas do persoal serán cubertas por funcionarios da Administración da Comunidade, de acordo co cadro de persoal que o Consello Consultivo lle propoña á Xunta.

Disposicións adicionais

Primeira.

O Consello Consultivo dispoñerá de seis letrados en tanto que a Xunta, por proposta daquel, estableza o definitivo cadro de persoal orgánico.

Segunda.

1. No prazo de catro meses, seguintes ó da entrada en vigor desta lei, procederase ó nomeamento dos conselleiros, así como á constitución do Consello Consultivo de Galicia.

2. Os conselleiros prestarán xuramento ou promesa de acordo coa seguinte fórmula: «Xuro (ou prometo) cumpri-las obrigas do meu cargo de conselleiro do Consello Consultivo de Galicia e gardar e facer garda-la Constitución e o Estatuto de autonomía».

Terceira.

Consonte os principios desta lei, o Consello Consultivo elaborará o seu regulamento de organización e funcionamento e a Xunta procederá á súa aprobación no prazo de seis meses seguintes ó da constitución do Consello Consultivo de Galicia.

Disposición transitoria

O Consello da Xunta habilitará os créditos necesarios para a entrada en funcionamento do Consello Consultivo de Galicia ata que este dispoña da súa propia sección nos presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

7795