Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 27 de novembro de 1995 Páx. 8.660

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 1995 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 1995 polo que se aproban as relacións de postos de traballo da Administración da Xunta de Galicia.

Aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia, por acordo do 2 de xuño de 1994, as relacións de postos de traballo correspondentes á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, considérase necesario actualiza-los devanditos instrumentos técnicos, previstos no artigo 25 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública, de acordo coa nova

redacción que lle deu a Lei 4/1991, do 8 de marzo, para adaptalos ás necesidades da Administración existentes na actualidade, así como ás novas competencias asumidas pola Comunidade Autónoma de xeito que garantan unha eficaz prestación dos servicios encomendados ós distintos órganos administrativos.

Así, incorpóranse os postos de traballo dos servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cámaras agrarias, de defensa contra fraudes e calidade agroalimentaria, de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza e de cultura (reais decretos 2164, 2165, 2166, 2167, 2168 e 2169, todos eles do 4 de novembro de 1994, DOG nº 246, do 23 de decembro).

Por último, e unha vez realizada a reestructuración dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o previsto no Decreto 237/1992, do 30 de xullo, procede integrar, nas ditas relacións de postos, as do persoal que presta os citados servicios, que fosen aprobados polo acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de novembro de 1992 (DOG nº 243, do 15 de decembro).

Na súa virtude, por proposta das consellería da Presidencia e Administración Pública, de Economía e Facenda, de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de Educación e Ordenación Universitaria, de Industria e Comercio, de Agricultura, Gandería e Montes, de Cultura, de Sanidade e Servicios Sociais, de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e de Familia, Muller e Xuventude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación e logo do informe da Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de novembro de mil novecentos noventa e cinco adoptou o seguinte,

ACORDO:

Primeiro.-Aproba-las relacións de postos de traballo do persoal funcionario e laboral da Administración da Xunta de Galicia.

Segundo.-Ordena-la publicación das relacións de postos de traballo no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte a ela.

Terceiro.-Quedan sen efecto as relacións de postos de traballo da Administración da Xunta de Galicia, aprobadas con anterioridade, que estean afectadas polas incluídas no presente acordo.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 23 de novembro de 1995, relativo á aprobación das relacións de postos de traballo referentes ó persoal da Administración da Xunta de Galicia, coa finalidade de cumpri-lo dito acordo, dispoño que se publiquen as devanditas relacións no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública