Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 23 de novembro de 1995 Páx. 8.606

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 3 de novembro de 1995 pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Pontevedra e Tui.

A empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo en Santiago de Compostela, rúa A Rosa, 16-3º B, solicitou concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural

para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Pontevedra, Marín e Tui.

Resultando que a rede básica de distribución terá a súa orixe na rede industrial de Enagás, S.A., a través das correspondentes estacións de regulación e medida. Desta rede básica partirán as redes secundarias e ramificacións precisas para atende-los diferentes puntos de consumo.

Resultando que, as características principais das instalacións son as seguintes:

A rede de distribución primaria, cunha lonxitude de 6.755 m, operará a unha presión máxima de 4 bar efectivos e a rede secundaria, cunha lonxitude de 41.546 m, unha parte, á presión máxima de 4 bar e outra á presión máxima de 0,4 bar, en función dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos poboacionais e dos condicionantes das vías públicas e de edificación.

O caudal máximo que hai que vehicular será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados dos termos municipais obxecto da concesión. Con base nos cálculos previstos, calcúlase en 2.350 m3(n)/h o caudal máximo que hai que vehicular (1ª fase).

O orzamento total calculado ascende a novecentos cincuenta e seis millóns quiñentas oitenta e cinco mil seiscentas cincuenta pesetas (956.585.650 ptas.).

Resultando que, en tanto non estea dispoñible o gas natural, Gas Galicia SDG, S.A. atenderá a demanda de subministración mediante instalacións centralizadas de propano.

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continuará en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento desta,

Considerando que, dentro do ámbito concesional outorgado a Enagás, S.A. por orde desta consellería do 12 de marzo de 1993 non se encontra íncluído o termo municipal de Marín, polo que a subministración de gas natural ó dito termo municipal non se encontra garantido, non podendo outorgarse un dereito concesional condicionado a un feito futuro e incerto.

Considerando que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa conforme o Estatuto de autonomía de Galicia; ó Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; ó Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; ó Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo

Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Pontevedra e Tui, desconsiderando a solicitude de concesión no termo municipal de Marín, ante a falta do orzamento básico para o seu outorgamento, como é a inexistencia de conexión física das instalacións comprendidas no proxecto de concesión e a rede de transporte de gas natural.

A presente concesión outorgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia SDG, S.A. constituirá nun prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 19.131.713 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7º, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-A presente concesión outórgase deixando a salvo os dereitos concesionais recoñecidos con anterioridade a Enagás, S.A. para a subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais, entre os que figuran Pontevedra e Tui, por Orde do 12 de marzo de 1993, sen prexuízo dos acordos que se establezan entre Gas Galicia SDG, S.A. e Enagás, S.A. para a subministración ós mercados industriais e en orde a conseguir unha utilización óptima dos recursos e unha rápida penetración do gas natural.

A Consellería de Industria e Comercio reserva para si a aprobación ou arbitraxe, se é o caso, dos correspondentes criterios de ordenación do mercado de gas natural para usos industriais, en aras dunha utilización máis racional dos recursos e mellor calidade do servicio público.

Terceira.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do prazo de un año, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia SDG, S.A. solicitará da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado nestas.

Cuarta.-Na instalación e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento xeral do

servicio público de gases combustibles, aprobado polo R.D. 2913/1873, do 26 de outubro e normas complementarias; Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984.

Estas instalacións preveranse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O troco das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8º, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-lo disposto no Regulamento de instalacións de gas en locais destinados a usos domésticos, colectivos ou comerciais e normas complementarias.

Quinta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha axeitada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento destes.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado regulamento xeral e a cantas outras disposicións foran dictadas ou se dicten polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Sexta.-A determinación das tarifas de aplicación ás subministracións de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sétima.-A presente concesión outorgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Oitava.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Novena.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra cuidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor teñan que realizarse nas instalacións obxecto da concesión serán comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Décima.-En casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público e ó de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios deste, a Xunta

de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Undécima.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7º da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na presente resolución e na autorización para a montaxe destas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde; Gas Galicia SDG, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e na mesma data de reversión cás instalacións sustituídas, ou ben,

2. O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que estas supoñan, non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Duodécima.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares.

Décimo terceira.-Esta concesión outórgase sen prexuízo e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á publicación desta, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, na súa nova redacción dada pola disposición adicional undécima da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

6685