Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 07 de novembro de 1995 Páx. 8.162

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de novembro de 1995 pola que se nomea con carácter provisional o padroado da fundación Manuel Ventura Figueroa.

A fundación Manuel Ventura Figueroa foi instituída no ano 1784 polso testamenteiros de Manuel Ventura Figueroa, patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castela.

Como consecuencia do falecemento do patrón de sangue e do seu apoderado e administrador xeral da fundación, e o obxecto de que non fose interrompida a actividade asistencial dela, por resolución da Dirección Xeral de Acción Social do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 10 de abril de 1985, encomendouse con carácter provisional o seu padroado á Dirección Provincial do antedito ministerio de Madrid.

Feita a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións que viña desenvolvendo a Administración do Estado en relación coa fundación Manuel Ventura Figueroa, mediante Real decreto 2170/1994, do 4 de novembro, sobre ampliación do traspaso á antedita comunidade autónoma en materia de servicios e asistencias sociais e asumida a dita transferencia por Decreto 396/1995, da Xunta de Galicia, polo que se lle asigna, ademais á Consellería da Presidencia e Administración Pública, procede a designación dun novo padroado en canto non se estableza á súa regularización de conformidade co previsto na lei e a vontade do fundador, por todo o que,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.-De conformidade co disposto no artigo 22 f) da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei de Galicia 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 9.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e co obxecto de restablece-la actividade fundacional, procédese ó nomeamento, con carácter provisional, do padroado da fundación benéfica instituída en Santiago de Compostela por Manuel Ventura Figueroa, da seguinte forma:

Presidente: conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Vocais:

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Rector da Universidade de Santiago de Compostela.

Un representante do Consello da Cultura Galega.

O patrón de sangue da fundación.

Secretario: nomeado por acordo do padroado, con voz pero sen voto.

2.-Os membros do padroado poderán nomear un suplente, dendo conta diso á protectoría.

Artigo 2º

Unha vez constituído o padroado, este procederá mediante convocatoria pública á determinación do parente máis próximo do fundador, no que recaerá a condición de patrón de sangue dela.

Artigo 3º

O padroado procederá á adecuación da carta fundacional á normativa vixente en materia de fundacións de interese galego.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase á protectoría e á secretaría xeral desta consellería para que dicten as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7199