Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 25 de outubro de 1995 Páx. 7.901

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 1995 pola que se convocan dous cursos sobre dereito procesual básico dirixidos ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre dereito procesual básico, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos: os cursos teñen por obxectivo principal dota-lo policía dun coñecemento teórico-práctico nos temas de dereito procesual, que lle poida ser eficaz no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios: os cursos van dirixidos ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia.

Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas: o número de prazas que se ofertarán por curso será de 40.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas das seguintes datas:

-Ferrol: o día 15 de novembro de 1995.

-Santiago de Compostela: o día 22 de novembro de 1995.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración: os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) O proceso penal e o dereito procesual penal. b) A xurisdicción penal. c) Acción penal e acción civil. Actos do proceso penal. d) Actuacións sumariais. e) A sentencia e a cousa xulgada penal. f) Os recursos. g) O proceso penal abreviado. O xuízo de faltas. h) O procedemento de Habeas Corpus. i) A execución penal.

Datas: os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-Ferrol: do 27 de novembro ó 1 de decembro de 1995.

-Santiago de Compostela: do 11 ó 15 de decembro de 1995.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos: a relación de admitidos publicarase nos seguintes días:

-Ferrol: o día 20 de novembro de 1995.

-Santiago de Compostela: o día 27 de novembro de 1995, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar: os cursos celebraranse nos seguintes locais:

-Ferrol: locais da policía local.

-Santiago de Compostela: sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de asistencia e aproveitamento: ó remate de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, e non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

95-6827