Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 13 de outubro de 1995 Páx. 7.595

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de setembro de 1995 pola que se fixan as datas de celebración de eleccións dos membros do consello directivo nos centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios.

O apartado 5 da Orde do 31 de maio de 1993 (DOG do 22 de xuño ), pola que se regula a composición, elección e constitución do consello directivo dos centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios, establece que o procedemento de elección dos membros do consello directivo se desenvolverá no primeiro trimestre do curso académico que como corresponda, e dentro do período lectivo, e que a data de celebración das eleccións será fixada, polo menos con un mes de antelación pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Como corresponde no curso 1995-1996 a constitución dos consellos directivos dos centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-A elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello

directivo dos centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios celebrarase entre os días 27 de novembro e 1 de decembro de 1995, ambos inclusive.

Segundo.-A xunta electoral regulada no apartado 6 da citada Orde do 31 de maio, que se encargará da organización e supervisión do procedemento de elección dos membros do consello directivo, constituirase no prazo dos 10 días seguintes ó da publicación desta orde.

Actuará como presidente da citada xunta a persoa directora do centro de formación continuada do profesorado.

Terceiro.-De conformidade co establecido no apartado 7 da Orde do 31 de maio, é competencia da xunta electoral concreta-lo calendario electoral. En todo caso, o prazo de admisión de candidatos e candidatas será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ó da data límite de constitución da citada xunta electoral.

Cuarto.-Pechado o prazo de admisión de candidatos/as a que se refire o apartado anterior, a xunta electoral procederá a facer pública a proclamación dos candidatos e candidatas polos distintos sectores. De acordo co apartado 11 da Orde do 31 de maio, na representación do profesorado especificarase, ademais dos apelidos e nome, o nivel educativo no que imparte docencia.

Quinto.-De acordo co apartado 28 da Orde do 31 de maio o consello directivo constituirase logo da convocatoria dos seus membros feita polo director ou directora do centro de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios no prazo máximo de 15 días naturais seguintes ó da proclamación dos candidatos electos.

Sexto.-Ós membros integrantes da xunta electoral que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 70.2º da Lei 4/ 1988, do 26 de maio (DOG do 1 de xuño), da Función Pública de Galicia. Non obstante, os días en que se celebren as eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

95-06299