Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Martes, 12 de setembro de 1995 Páx. 6.917

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio regulador das condicións de traballo do persoal laboral ó servicio do Concello do Barco de Valdeorras desde o ano 1995 ó ano 1998.

Visto o texto do convenio regulador das condicións de traballo do persoal laboral ó servicio do Concello do Barco de Valdeorras (código nº 3200612), desde o ano 1995 ó ano 1998, con entrada na Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de xuño do ano en curso, subscrito, en representación da parte económica, pola empresa e da parte social, polo comité da mesma, en xuntanza celebrada o día 6 de xuño de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo,

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro de rexistro desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Realcións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 22 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio regulador das condicións de traballo para o persoal laboral ó servicio do Concello do Barco de Valdeorras

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

As normas contidas no presente acordo aplicaranse ó persoal laboral, eventual ou interino do Concello do Barco de Valdeorras, independentemente da súa relación fixa ou temporal. Non amparará aqueles contratos subvencionados que teñan as prestacións económicas prefixadas.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio regulador terá unha vixencia desde o 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1995, agás na táboa salarial definida no anexo, que estará en vigor ata o 31 de decembro de 1998 e prorrogarase automaticamente ata ser sustituído por outro novo convenio.

Capítulo II

Garantías

Artigo 3º

As condicións recollidas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados global e conxuntamente, quedando subordinados a calquera disposición xeral de rango superior que puidera ter efectos máis favorables para os empregados públicos. As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas en cómputo anual con aqueloutras melloras iguais ou equivalentes que dentro do seu ámbito temporal puideran establecerse por disposición legal.

Artigo 4º

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas materias que directa ou indirectamente afecten ás condicións de traballo do persoal deste concello, particulamente: as retribucións, oferta de emprego, sistemas de selección, promoción e provisión de postos de traballo, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión de servicios e métodos de traballo, seguridade e hixiene e dereitos sindicais e de participación.

Artigo 5º.-Comisión de control.

Despois da súa aprobación, no prazo máximo de 30 días constituirase unha comisión de control para seguimento do convenio composta por 4 membros; 2 en representación do concello e outros 2 dos representantes legais dos traballadores.

Cando se trate de asuntos relativos ó fondo social, a reunión será conxunta para o convenio e o acordo.

A comisión deberá estar presidida por quen designen as partes de mutuo convenio, sendo designado polo mesmo procedemento o secretario. Cada unha das partes pode estar asistida polos seus asesores. Cada unha das partes poderá presentar perante a comisión de control do convenio os diferentes conflictos e irregularidades que poidan xurdir da interpretación e aplicación do convenio, co fin de que a comisión emita o dictame e, consecuentemente, utiliza-las medidas legais que procedan. Esta comisión reunirase a petición de calquera das partes dentro das 48 horas seguintes á comunicación da reunión.

As súas funcións consistirán na emisión de dictames sobre os seguintes temas:

a) Interpretación dos artigos ou cláusulas deste documento.

b) Vixilancia do cumprimento do convenio.

c) Actualización das normas do convenio e ordenanzas, estudiando a necesidade da súa incorporación, e procederase en consecuencia.

d) Cantas outras actividades leven á eficacia práctica do convenio.

e) Cadros de persoal e postos de traballo.

As funcións ou actividades desta comisión non impedirán en ningún caso o libre exercicio da xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lexislación vixente.

A comisión de control elaborará as súas propias normas de funcionamento interno e o seu calendario de reunións. Os acordos tomaranse por unanimidade ou por acordo conxunto de ámbas-las partes.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigo 6º

A organización práctica do traballo será competencia do alcalde, a quen corresponde a iniciativa con suxeición á lexislación vixente. Cando diso se deriven repercusións sobre as condicións de traballo dos empregados públicos, procederá á negociación cos representantes dos traballadores de conformidade cos artigos 30 e 31 da Lei 9/1987. O alcalde está facultado para delega-las súas competencias.

Artigo 7º.-Clasificación profesional.

A clasificación profesional ten por obxecto a determinación, ordenación e definición das diferentes categorías que poidan ser asignados ós empregados públicos.

Artigo 8º.-Traballos de superior categoría.

A realización de traballos de superior e inferior categoría responderá a necesidades excepcionais, imprevisibles e perentorias e durará o mínimo tempo imprescindible.

a) A adscrición dun traballador laboral a un posto de superior categoría farao a alcaldía, con comunicación ós delegados sindicais dos traballaodres. Cando a ocupación no posto de traballo sexa superior a 10 días, a percepción das retribucións complementarias farase efectiva desde o primeiro día.

O máximo de tempo en que un traballador poida estar nesta situación é de seis meses, transcorridos os cales outro traballador ocupará o seu lugar. Non se aplica esta regra ós postos reservados a traballadores con habilitación de carácter nacional.

b) Ningún traballador poderá realizar traballos de categoría inmediatamente inferior durante un período superior a quince días, tendo en conta ademais o establecido no apartado 4º, artigo 23 do Estatuto dos traballadores. Transcorrido o período citado, o traballador non poderá volver ocupa-lo posto de categoría inferior ata transcorrido un ano, en ningún caso poderán diminuí-las retribucións.

c) Os postos cubertos por estes sistemas incluiranse obrigatoriamente na seguinte oferta de emprego.

Artigo 9º.-Segunda actividade.

A corporación e os representantes legais dos traballadores concretarán dentro das medidas de reorganización, os postos de traballo que poden ser considerados aptos para a creación dunha escala auxiliar dentro da relación de postos de traballo. Trala aprobación do presente convenio formarase tal escala auxiliar, definindo as funcións que deban ser realizadas polo persoal que se adscriba a tales postos. A ela tamén se adscribirá o persoal que teña minguadas as súas facultades e fora considerado así polos servicios médicos competentes e os maiores de 55 anos. O persoal pasará a escala auxiliar no caso seguinte: por incapacidade para o exercicio da súa función habitual.

Todo o persoal que pase á escala auxiliar conservará o total de retribucións que viña percibindo.

Artigo 10º

No caso de que un traballador presente incapacidade manifesta para o exercicio das súas funcións poderá solicita-la súa xubilación por invalidez ou ben o concello tramitala de oficio, sen prexuízo de situacións de segunda actividade. Neste caso o concello farase cargo da diferencia que exista entre a súa pensión e o que viña cobrando. Esta cantidade será fixa e non terá ningunha revalorización e aboarase ata que o traballador reúna os requisitos para a xubilación forzosa. Caso de que se lle denegue a xubilación polos organismos competentes, o empregado poderá solicita-la xubilación voluntaria, producíndose os mesmos efectos económicos que os sinalados anteriormente. Para evitar fraudes, o traballador que se queira acoller a estes dereitos pasará as probas e axames que o concello estime convenientes, e con cargo ó propio concello.

Artigo 11º

A empregada pública embarazada terá dereito a que se o posto de traballo que desempeña é prexudicial para o seu estado se lle encomenden funcións de acordo coas súas circunstancias.

Capítulo IV

Ingreso, promoción e provisión de postos

Artigo 12º.-Ingreso.

1. Logo de negociación cos representantes legais dos traballadores, o concello aprobará no prazo de un mes desde a aprobación dos orzamentos municipais, a súa oferta de emprego público, que conterá obrigatoriamente tódalas prazas vacantes e que será convocada durante o primeiro trimestres do ano.

A oferta de emprego público reservará:

a) A porcentaxe mínima que a lei prevé par a incorporación dos diminuídos ó emprego público.

b) Un 20% para a mobilidade de traballadores doutras administracións locais de Galicia, que a título de reciprocidade teñan recoñecido tal dereito, agás do establecido sobre mobilidade entre policías locais de Galicia (LCPLG).

c) A procentaxe máxima para a promoción interna.

2. A oferta de emprego público será negociada cos representantes legais dos traballadores, os cales participarán na elaboración e redacción das bases reguladoras de cada convocatoria. Os procedementos de selección, contratación, promoción e provisión realizaranse mediante convocatoria pública e baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade.

3. O ingreso no Concello do Barco de Valdeorras realizarase por calquera dos sitemas establecidos na lexislación vixente.

4. A contratación laboral en réxime de duración temporal responderá a necesidades conxunturais e puntuais. Os sitemas de ingreso e selección serán os establecidos con carácter xeral no presente convenio, aténdose ó establecido no artigo 12.2º e 12.3º.

Artigo 13º

Os delegados sindicais dos empregados designarán un vocal nos tribunais de selección, que actuará con voz e voto, debendo ser de igual ou superior categoría á da praza convocada.

Artigo 14º.-Promoción interna.

O concello comprométese a reserva-la porcentaxe máxima de prazas que a lei prevé para a promoción interna. O sistema de promoción será o concurso-oposición, no cal a fase do concurso será valorada co 45% da puntuación total do concurso-oposición.

Nestes casos, non se esixirán os coñecementos previamente acreditados en probas anteriores de ingreso ou outras posibles promocións internas.

Os delegados sindicais dos traballadores participarán de igual maneira á sinalada nos artigos 12 e 13.

Artigo 15º.-Provisión de postos.

O sistema de provisión de postos de traballo será o seguinte:

a) Mediante concurso ou concurso-oposición segundo a lei, que será o sistema normal de provisión. As escalas destes concursos serán aprobadas polo órgano competente, despois da elaboración, con participación dos delegados sindicais dos empregados, e deberá conte-los seguintes criterios: nivel de complemento de destino, méritos académicos, antigüidade e méritos profesionais.

b) Mediante libre designación: proveranse mediante este sistema os postos de traballo vinculados dunha maneira directa á alcaldía.

Artigo 16º

En todo caso, estas escalas e probas serán elaboradas conxuntamente cos delegados sindicais que formarán parte dos comités de avaliación, designando a un representante. Estes comités de avaliación terán a seguinte composición: presidente: o alcalde ou membro da corporación en quen delegue; vocais: concelleiro responsable do réxime interior ou membro da corporación en que delegue; concelleiro delegado da área ou persoa en que delegue, xefe administrativo

da área da praza que é obxecto de concurso ou funcionario en quen delegue e un funcionario elixido polos delegados sindicais dos traballadores; secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Capítulo V

Vacacións, permisos, licencias e excedencias

Artigo 17º.-Vacacións.

As vacacións anuais retribuídas terán unha duración de un mes natural e desfrutaranse preferentemente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, coa única excepción da policía local que serán os meses de xuño, xullo e agosto.

Se por necesidade do servicio o traballador non puidera desfruta-las súas vacacións nos meses sinalados, terá dereito a fixar estas á súa elección, agás casos de forza maior, e a desfrutar de 37 días naturais.

Non obstante, o traballador poderá solicitar da alcaldía desfruta-las súas vacacións nun mes diferente ós sinalados no parágrafo primeiro. Poderase acceder ó solicitado, sen que iso produza dereito a disfrutar dos días adicionais, sempre e cando as necesidades do servicio o permitan.

O plan de vacacións elaborarase antes do día un de abril de cada ano para a súa negociación cos delegados sindicais.

Artigo 18º.-Permisos.

Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Por nacemento ou adopción de fillos: catro días. En caso de adopción soamente un dos cónxuxes poderá desfruta-lo permiso.

b) Por morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: catro días se o suceso se produce na mesma localidade e cinco se se produce en localidade distinta. Se o parentesco é de segundo grao terase dereito a dous días menos que os sinalados anteriormente.

c) Por traslado de domicilio: dous días.

d) O funcionario cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia do traballo. Este período de tempo poderase dividir en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada en media hora.

e) Quen por garda legal teña ó seu cargo algún menor de seis anos ou un diminuído físico, psíquico nun tercio ou na metade, con deducción proporcional de retribucións. Tamén poderán acollerse a este dereito os empregados públicos que teñan ó seu cargo familiares en primeiro grao que por razóns de enfermidade precisen asistencia continuada.

f) Para concorrer a exames ou probas de avaliación en centros oficiais: o día da súa celebración e o necesario para concorrer ó mesmo xustificadamente.

g) Durante o tempo que duran os congresos ou reunións de carácter profesional ou sindical, coa debida

xustificación e ata un máximo de 8 días ó ano, en función das necesidades do servicio.

h) Por asuntos propios, sen xustificación: 9 días ó ano, nos termos previstos na lexislación vixente.

i) Para o cumprimento dun deber público de carácter ineludible: o tempo mínimo imprescindible.

j) Previo aviso e posterior xustificación o funcionario terá dereito ó tempo necesario para asistir a consulta médica.

Artigo 19º.-Licencias.

Concederanse as seguintes licencias:

a) Por matrimonio, licencia de 15 días naturais ininterrompidos.

b) En caso de enviuvar, o empregado público que teña fillos menores de 6 anos ou diminuídos que non desempeñen actividade retributiva ningunha terá dereito a 1 mes natural de licencia.

c) Licencia por parto ou adopción, nos casos previstos na lexislación xeral.

d) Por asuntos propios, como se determina no artigo 68.3º da Lei da función pública galega.

Artigo 20º.-Excedencias.

Regularanse de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 21º.-Despedimentos.

No caso de despedimento declarado improcedente por órganos competentes, será o traballador quen opte entre a indemnización legal ou a súa readmisión.

Capítulo VI

Xornada, descanso

Artigo 22º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 37 horas e media semanais, e desenvolverase preferentemente en cinco días a resultas do cadro horario que se negocie cos distintos servicios, de convenio coa natureza das súas funcións. O persoal laboral municipal que curse estudios terá preferencia a elixir tanda de traballo, se tal é o sistema que se segue no seu servicio. Este dereito está suxeito á acreditación dos mesmos e á obtención duns rendementos que avaliará a comisión de control.

Artigo 23º.-Descansos.

O persoal laboral municipal que teña xornada continuada terá dereito a desfrutar dun descanso de 30 minutos durante a súa xornada diaria que se computará para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

O descanso entre xornada e xornada será como mínimo de 12 horas, desfrutándose preferentemente entre a tarde do sábado e do domingo.

Capítulo VII

Réxime de retribucións

Artigo 24º

Os empregados de carreira só poderán ser remunerados polos conceptos establecidos na lei e nas contías que se determinen na L.P.X.E.

Pagas extraordinarias de productividade: serán dúas ó ano e terán a seguinte configuración: ás retribucións básicas sumaráselle o importe do complemento de destino e do complemento específico.

Serán satisfeitas conxuntamente coas nóminas de xuño e decembro.

Artigo 25º

O persoal laboral contratado a tempo parcial será retribuído proporcionalmente baseándose nas horas traballadas.

Artigo 26º.-Gratificacións.

Establécese a prohibición como norma xeral, de realizar traballos extraordinarios fóra da xornada normal agás as excepcións que sexan necesarias e cun tope máximo equivalente a 70 horas extraordinarias anuais. Só se retribuirán aqueles traballos extraordinarios que foran antes autorizados pola alcaldía ou concelleiro delegado de persoal. Quedan exceptuados da regra anterior os traballos necesarios para previr ou amañar sinistros e autros danos extraordinarios e urxentes, tendo que xustificarse neste caso, unha vez realizados, nun prazo non superior a 5 días hábiles. Cando exista a necesidade de realizar traballos extraordinarios repartiranse, se é posible, de maneira equitativa entre o colectivo afectado.

Mensualmente informarase ós representantes dos empregados de todo o que afecte ás gratificacións.

O importe de hora extraordinaria será o resultante da fórmula seguinte:

(Salario bruto anual/xornada anual) x 1,75

Se tales traballos se realizan en horario nocturno ou festivo, as cantidades sinaladas incrementaranse nun 20%.

Artigo 27º.-Plus de nocturnidade.

O persoal laboral que realice a súa tarefa en horario nocturno percibirá por cada hora de traballo efectivo o seguinte plus:

(Retribución anual/xornada anual) x 0,25

Entenderase como hora nocturna a comprendida entre as 22 horas e as 7 horas do día seguinte.

Artigo 28º.-Plus de festividade.

Se se traballa en domingo ou festivo, o persoal laboral municipal será recompensado cun plus equivalente ó da nocturnidade.

Artigo 29º.-Traballos para outros concellos.

Se se traballa para outros concellos, recibirase o seguinte plus:

(Soldo máis trienios anual/xornada anual) x 0,25

Artigo 30º.-Revisión salarial.

A revisión salarial fixarase de forma que o incremento das retribucións dos empregados públicos, unha vez engadida a devandita revisión, manteña a mesma diferencia en puntos respecto do IPC rexistrado que a orixinal incluída na Lei de presupostos xerais do

Estado en relación co IPC previsto, sempre que a Lei de presupostos do Estado ou norma análoga non o prohiba expresamente.

Artigo 31º.-Retribucións en caso de baixa.

1. As enfermidades ou accidentes non laborais que impidan a normal realización da función darán dereito a licencia con plenitude de dereitos económicos. O persoal laboral terá a obrigación de someternse ós controles médicos que se estimen convenientes por parte da corporación e a facilita-las visitas médicas.

2.-Accidente laboral. O traballador nesta situación cobrará a totalidade dos conceptos que lle corresponderían tal como se realizase a súa xornada normal, ou, en caso de non estar previsto, a media das cantidades percibidas ó longo do ano.

Capítulo VIII

Dereitos sociais

Artigo 32º

Créase un fondo social único tanto para o acordo como para o convenio, dotado inicialmente cunha cantidade anual de 3.000.000 de ptas. non acumulables para o exercicio seguinte. A cuantía do dito fondo ampliarase ata os 4.000.000 de ptas. como máximo, no caso de que os gastos sociais imputables ó dito fondo así o demanden.

Para a solicitude das axudas sociais abrirase un período comprendido entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano facéndose efectivas durante o primeiro trimestre do ano seguinte.

A contía da axuda do fondo social será proporcional ó tempo traballado durante o ano; en caso de que as axudas solicitadas superen a contía do fondo este repartirase proporcionalmente.

Non se cargará neste fondo social as contías por anticipos, primas de seguros e xubilacións anticipadas.

Artigo 33º

O concello designará ó seu cargo a defensa do traballador que como consecuencia do exercicio das súas funcións sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo as custas e gastos que se deriven de actuacións fronte a terceiros, incluídas fianzas, menos nos casos en que se recoñeza na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe.

O tempo que o persoal laboral empregue nas actuacións xudiciais derivadas da súa función fóra da xornada laboral será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

O concello garantirá a adscrición do persoal laboral público que presete os seus servicios como conductor a un posto de traballo axeitado ós seus coñecementos, en caso de retirada temporal ou definitiva do carné de conducir, cando a mesma se derive do exercicio das súas funcións e non exista dolo ou culpa do persoal laboral.

Artigo 34º

A pedimento do interesado e logo de informe da comisión de control, o concello concedera ós seus

empregados anticipos de ata 4 mensualidades, cun tope máximo de 500.000 ptas., devolvéndose estes mediante deducións mensuais en nómina, sen xerar xuro ningún. O prazo para a devolución será fixado polo interesado dentro dos seguintes máximos: 14 meses para os anticipos de 1 mensualidade; 24 meses para os anticipos de 2 mensualidades; 36 meses para os de 3; e 48 meses para os anticipos de 4 mensualidades. A cancelación dun anticipo antes da data de remate de devolución implicará para o interesado unha espera de 6 meses antes da concesión doutro novo anticipo.

Todo iso enténdese en función das posibilidades orzamentarias e tralo preceptivo informe da intervención municipal. A partida que o concello asignará para anticipos fíxase en 1.500.000 ptas. anuais.

Artigo 35º

Establécese unha axuda por natalidade (ou adopción legal) e nupcialidade na contía de 15.000 ptas.

Tamén se establece unha axuda por defunción do traballador en servicio activo, na contía de 100.000 ptas., que aboará á presentación da solicitude.

Estas axudas son independentes das que poidan conceder outros organismos.

Establécese unha axuda para o empregado municipal, cónxuxe e fillos, para gastos de odontoloxía, consistente no 50% do importe da factura oficial, sen que a dita axuda poida supera-la contía de 20.000 ptas. ó ano por beneficiario.

Establécese unha axuda para o empregado municipal, cónxuxe e fillos, para gastos de oftalmoloxía (lentes ou lentiñas graduadas) consistente no 50% do importe da factura oficial, sen que a dita axuda poida supera-la contía de 20.000 ptas. por beneficiario. Esta axuda só se percibirá unha vez cada dous anos por beneficiario, se só se aboará cando os gastos se deriven de modificacións das condicións oculares, debidamente acreditadas e non cando se deriven de perdas ou deterioro.

Establécese unha axuda para o empregado municipal, cónxuxe e fillos, para gastos de adquisición e implantación de próteses ortopédicas, auditivas, etc., que non sexan cubertas pola Seguridade Social ou seguro de accidente. Dita axuda será do 50% da factura oficial e non poderá supera-la contía de 20.000 ptas./ano por beneficiario.

Artigo 36º

O concello formalizará un seguro de cobertura das posibles responsabilidades civís de todo o persoal que preste os seus servicios, polos actos que realicen por razón do seu traballo. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na determinación del será oída a comisión de control.

Artigo 37º

Establécese unha axuda para os empregados públicos que cursen estudios en centros de ensinanza oficial

consistente no 80% do importe da matrícula. En caso de materias repetidas non asistirá tal dereito. Esta axuda é incompatible con calquera outra que teña a mesma finalidade. Así mesmo establécese unha axuda de escolaridade que percibirá o persoal laboral público en servicio activo e por cada fillo matriculado en centro de ensinanza oficial e polas contías seguintes: ensino infantil, primario e EXB: 15.000 ptas./ano; BUP, COU, FP e acceso á universidade: 25.000 ptas./ano; universidade ou escola técnica: 50.000 ptas./ano.

Tamén se establece unha axuda para sufraga-los gastos de fillos menores de 4 anos de 3.000 ptas./mes.

Artigo 38º

O persoal laboral público con cónxuxe ou fillo en situación de minusvalidez, incapacidade absoluta ou parcial superior ó 33% e non realice traballos retribuídos, percibirá mensualmente a cantidade de 15.000 ptas. salvo que perciba pensión de minusvalidez ou incapacidade de organismo oficial, superior ó 75% do S.M.I.

Artigo 39º

O concello subscribirá un seguro coas seguintes coberturas: morte ou invalidez por calquera causa, durante as 24 horas do día. Capital asegurado: 5.000.000 de ptas. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na determinación del será oída a comisión de control.

Artigo 40º

O concello garantirá, en todo caso, o quebranto de moeda, sempre que non exista dolo ou culpa grave no traballador.

Artigo 41º

Todo aquel traballador que prestase servicios no Concello do Barco durante 25 anos percibirá ó cumprimento destes e por una soa vez e en concepto de premio á constancia a cantidade 600.000 ptas. e 15 días de licencia.

Calquera empregado que se xubilara antes dos 25 anos de servicios pero teña máis de 20 traballados neste Concello do Barco precibirá polo mesmo concepto e no momento de xubilarse a cantidade de 350.000 ptas.

Artigo 42º.-Xubilación anticipada.

Os empregados municipais terán dereito a percibir unha prima por xubilación voluntaria anticipadas de acordo coa seguinte escala: ós 60 anos: 1.000.000 de ptas.; ós 61 anos: 850.000 ptas.; ós 62: 700.000 ptas; ós 63: 550.000 ptas.; ós 64: 400.000 ptas.

Esta prima poderá ser efectiva a pedimento do solicitante nun ou varios prazos.

Capítulo IX

Seguridade e hixiene

Artigo 43º

O concello dotará esta entidade dun servicio de medicina de empresa e dun comité de seguridade e hixiene.

Artigo 44º

O servicio de medicina de empresa, nunha primeira fase, estará constituído por un médico que controle as baixas por enfermidade e todo o relacionado coas condicións médico-sanitarias dos empregados públicos, colaborando directamente co comité de seguridade e hixiene. Este tipo de asistencia poderá ser concertada.

Artigo 45º

Con carácter xeral, anualmente efectuarase un recoñecemento médico a tódolos empregados públicos, do que se lles deberá dar coñecemento. Quedará a xuízo do servicio médico o tipo de recoñecemento a que deba someterse o persoal laboral. Este recoñecemento, que será obrigatorio, realizarase preferentemente na xornada laboral.

Poderanse realizar tamén revisións periódicas e específicas ó persoal que realice unha actividade que a faga conveniente.

Ademais do recoñecemento obrigatorio, os maiores de 50 anos poderán solicitar, con carácter voluntario, a realización dun exame cardiovascular.

Artigo 46º

O comité de seguridade e hixiene é o instrumento legal ó servicio do concello para o cumprimento das prescricións legais nesta materia.

Artigo 47º

Estará constituído por dous representantes do grupo de goberno e dous dos traballadores (un funcionario e un laboral) e como presidente o concelleiro de réxime interior ou persoa en quen delegue.

Artigo 48º

As súas funcións serán:

a) Promove-lo coñecemento e a observancia da normativa desta materia.

b) Coñecer e recibir información dos riscos profesionais.

c) Estudia-las situacións de perigosidade, accidentes ocorridos, analiza-las súas causas e realizar propostas motivadas de prevención.

d) Confeccionar un ficheiro de locais do concello e estudia-las súas condicións de seguridade e salubridade, para o que deberá contar cun máximo apoio da corporación.

e) Realizar campañas de mentalización e prevención de accidentes.

f) Poñer en coñecemento dos órganos competentes as situacións de perigosidade e risco que se produzan de xeito eventual e con carácter de urxencia.

g) Promove-la paralización profesional de traballos ante a presencia dun risco grave e inminente.

h) Realizar planos de evacuación.

i) Estudio do tipo e número de uniformes.

Artigo 49º

A competencia do comité de seguridade e hixiene acada a tódolos centros de traballo propios ou dependentes do concello.

As conclusións deste comité trasladaranse á comisión de control.

Artigo 50º

O concello proporcionará uniformes de traballo en concordancia co posto e a función que se realice. O comité de seguridade e hixiene informará antes esta materia. Só terán dereito a uniforme os postos de traballo que esixan un vestiario especial.

Artigo 51º

Cada centro de traballo contará imperativamente cos medios precisos de primeiros auxilios en perfectas condicións de utilización en todo momento.

Artigo 52º

Os membros do comité de seguridade e hixiene disporán do tempo necesario para asistir ás reuniósn ou para realiza-los cometidos sinalados polo propio comité. O réxime de control será o mesmo que para o comité de empresa ou delegado de persoal.

Capítulo X

Dereitos sindicais

Artigo 53º

A corporación e os representantes legais dos empregados comprométense a desenvolve-las condicións que permitan o pleno exercicio da liberdade sindical.

Artigo 54º

A representación do persoal desenvolverase de conformidade coa Lei 9/1987 e a Lei orgánica de liberdade sindical e cantas disposicións desenvolvan esta materia.

Artigo 55º

É competencia dos representantes dos empregados a defensa dos intereses xerais e específicos dos empregados públicos e en particular a negociación das súas condicións salariais, sociais e sindicais. Os representantes dos empregados deberán ser informados:

a) Das cuestións que afecten ó persoal e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal. Enviarase orde do día e acta da reunión anterior. Permitirase na devandita comisión a presencia dos representantes legais dos empregados, para que expoñan as súas opinións, pero non estarán presentes na deliberación e votación.

b) Darase audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios.

c) Informarase dos contratos de conformidade coa lexislación vixente.

d) Da asignación de complementos, gratificacións, honores e distincións.

Artigo 56º

Os representantes dos empregados terán a capacidade xurídica que o ordenamento xurídico lles outorga para o exercicio das accións administrativas ou xudiciais que proceda, no ámbito das súas competencias.

Artigo 57º

Os representantes dos empregados deberán ser consultados preceptivamente en relación cos cambios de horarios e quendas, agás modificación transitoria, así como na reestructuración do cadro de persoal e reorganización do mesmo.

Artigo 58º

Recoñécese o dereito de folga, de conformidade coa constitución e a súa normativa de desenvolvemento, se ben as partes se comprometen a exercelo en último caso.

Artigo 59º

Os representantes legais dos empregados non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún deles pode ser trasladado nin sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, por motivos sindicais.

Cada un dos membros dos órganos de representación, así como o secretario xeral da sección respectiva e os delegados sindicais, disporán de 18 horas mensuais para realización das súas actividades, coas seguintes especificacións:

a) Quedan fóra de cómputo as empregadas en negociación colectiva ou a proposta da Administración.

b) A comunicación do seu uso realizarase con 24 horas de antelación, 48 horas se se ten traballo a quenda, ante o servicio de réxime interior e no propio servicio. No caso de que non poida facerse así respectaranse as necesidades do servicio, pasando posteriormente notificación a réxime interior.

c) Tamén, coa antelación que sexa posible, os membros de comisións negociadoras comunicarán nos seus servicios as devanditas ausencias.

d) Mensualmente poderanse acumula-las horas dos empregados presentes nos distintos órganos de reprensetación, así como as do delgado da sección sindical, en un ou varios dos compoñentes das seccións sindicais, dando coñecemento diso con antelación suficiente á dirección de persoal, con expresión de quen acumula, de quen proceden e sempre por decisión do sindicato ó que pertenzan.

Artigo 60º

As reunións nos centros de traballo autorizaranse fóra da xornada laboral, agás acordo en contrario. Neste caso concederanse autorizacións ata un máximo de 36 horas anuais; destas, 15 horas corresponderán ás seccións sindicais e o resto á xunta de persoal. En calquera caso, a celebración de reunións non prexudicará a prestación dos servicios públicos e pro

curarase que coincida coa entrada ou saída dos empregados.

Artigo 61º

Os representantes dos empregados públicos deste concello obríganse expresamente a:

a) Cumprir e respecta-lo pactado e negociado coa corporación.

b) Desenvolver labores de estudio e asistencia ó labor sindical.

c) Notificarlle á corporación calquera cambio de membros que se produza no seu seo.

Artigo 62º

Calquera conflicto colectivo que xurda no ámbito deste convenio requirirá para a súa consideración de licitude o previo coñecemento da comisión de control, a que deberá arbitra-la solución do conflicto. Caso de que non se chegue a unha solución a comisión poderá determina-las condicións e persoas que someterán a arbitraxe a cuestión controvertida. Tamén se poderá acudir ás vías da Lei 7/1990 e outras vías legais que poidan ser de aplicación.

Capítulo XI

Formación profesional

Artigo 63º

O persoal laboral público poderá acceder á realización de calquera curso relacionado co seu posto de traballo convocado polo concello ou claquera outro organismo, respectándose o principio de igualdade de oportunidades. A asistencia ós cursos terase en conta para a promoción profesional, sempre e cando se expida certificación que amose o aproveitamento das materias impartidas. Anualmente elaborarase un programa destinado á formación permanente do persoal laboral público pola comisión de control.

Cláusula adicional

a) O concello comprométese a realizar unha clasificación de postos de traballo ó longo da vixencia deste convenio regulador.

b) Este convenio entrará en vigor para o grupo de empregados con efecto retroactivo a primeiro xaneiro de 1995.

c) O persoal adscrito ó conservatorio do Barco de Valdeorras rexerase polo convenio do ensino privado e o calendario laboral será o relativo ó dito convenio.

ANEXO DE RETRIBUCIONES

Cláusula primeira.

1. As retribucións do persoal laboral do Concello do Barco de Valdeorras experimentarán con efectos do 1-1-1995 un incremento do 3,5%.

2. Táboa retributiva para o ano 1995.

CATEGORÍASALARIO/MESPAGA EXTRATOTAL ANO 1995

Peón120.476120.4761.686.664

Limpador/a120.476120.4761.686.664

Conserxe120.476120.4761.686.664

Peón especializado120.476120.4761.686.664

Oficial 1ª132.059132.0591.848.826

Oficial 2ª125.456125.4561.756.384

Oficial 3ª121.693121.6931.703.702

Aux. Admvo.125.456125.4561.756.384

Aux. biblioteca125.456125.4561.756.384

Encargado146.732146.7322.054.248

C. Cultural259.548259.5483.633.672

3. Será de aplicación a cláusula de revisión salarial contida no artigo 30º.

Cláusula segunda.

Para os anos 1996, 1997 e 1998 as retribucións experimentarán os incrementos determinados na LPXE ou normativa análoga para a función pública, sendo de aplicación a cláusula de revisión salarial contida no artigo 30º.

Cláusula terceira.

1. Na perspectiva de acada-la equiparación entre o persoal laboral e funcionario créase para os anos 1996, 1997 e 1998 un fondo adicional de aproximación retributiva calculado en función da diferencia individual entre postos análogos tomando como referencia as retribucións do 1995.

2. O fondo adicional de aproximación retributiva aplicarase incrementando as retribucións do ano precedente a razón de 1/3 anual actualizado respecto do 31-12-95, cos incrementos que experimenten as retribucións da función pública nas leis de orzamentos do Estado, normativas análogas e cláusulas de revisión salarial.

3. Táboas de aproximación retributiva.

POSTO LABORALPOSTO

FUNCIONA.

RETRIBUCION BASE 1995FONDO ADICIONAL APROXIMACION

PeónLimpadora1.990.640303.976

Limpador/aLimpadora1.990.640303.976

ConserxeNiv. Limpa+12.011.612324.948

Peón especializadoNiv. Limpa+12.011.612324.948

Oficial 1ªCondut./Elect.2.220.047371.221

Oficial 2ªCondut./Elect.2.220.047463.663

POSTO LABORALPOSTO

FUNCIONA.

RETRIBUCION BASE 1995FONDO ADICIONAL APROXIMACION

Oficial 3ªCondut./Elect.2.220.047516.345

Aux. bibliotecaCondut./Elect.2.220.047463.663

Aux. Admvo.Aux. Admvo.2.303.725547.341

EncargadoAux. Admvo.2.303.725249.477

C. CulturalTesoureiro3.633.673

Cláusula cuarta.

A vixencia temporal do presente anexo de retribucións prolóngase desde o 1-1-1995 ata o 31-12-1998.

95-5910