Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Mércores, 06 de setembro de 1995 Páx. 6.824

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de rematantes e aserradores de madeiras.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector rematantes e aserradores de madeira, da provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-6-1995, subscrito en representación da parte económica polo Grupo Provincial de Ramatantes e Aserradores de Madeira, e da parte social polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, con data do 1-6-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980 do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta

nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, vintenove de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo do Grupo Provincial de Rematantes e Aserradores de Madeiras da provincia de Pontevedra.

Disposicions xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial: o presente convenio é de aplicación en toda a provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito funcional: o convenio afectará a tódalas industrias de serradoiros e rematantes de madeiras establecidas na actualidade na provincia de Pontevedra e a todas aquelas que poidan establecerse durante a vixencia deste.

Artigo 3º.-Ámbito persoal: o presente convenio afectará á totalidade do persoal ó servicio dos serradoiros e rematantes de madeiras do ámbito abranguido naquel.

Artigo 4º.-Efectos económicos: con independencia da data de publicación do texto deste convenio no BOP, os efectos económicos deste terán vixencia desde o 1º de xaneiro de 1995.

Artigo 5º.-Duración: o presente convenio terá unha duración de un ano, desde o 1º de xaneiro ó 31 de decembro de 1995.

Artigo 6º.-Compensacións: as condicións económicas establecidas no presente convenio absorberán as que anteriormente rexían en virtude de disposición legal, convenio colectivo sindical, pactos, usos, costumes e calquera outra causa, mesmo a do incremento legal do salario mínimo interprofesional en contía non superior ás retribucións pactadas.

Artigo 7º.-condicións máis beneficiosas: Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores serán respetadas individualmente, agás a revisión automática das retribucións por incremento do salario mínimo interprofesional, que só terá lugar no suposto previsto no parágrafo final do artigo anterior.

Réxime de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo: a xornada de traballo será de 40 horas semanais.

Os días 24 e 31 de decembro terán a consideración de festivos aboables e non recuperables.

Tódolos traballadores que teñan xornada intensiva desfrutarán de media hora de descanso para toma-lo bocadillo.

Artigo 9º.-Salarios: a partir do 1º de xaneiro de 1995, todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa de salarios anexa, incrementadas, se é o caso, co premio de antigüidade que corresponda.

Artigo 10º.-Antigüidade: o premio de antigüidade será o establecido na vixente ordenanza laboral para a industria da madeira, consistente nun 5% cada quinquenio e calculado sobre o salario base pactado neste convenio.

Artigo 11º.-Revisión salarial: no caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1995 un incremento respecto do do 31 de decembro de 1994, superior ó do 4,3% , incrementarase na táboa salarial no que exceda da dita porcentaxe, con efectos a partir do 1º de xaneiro de 1996.

Artigo 12º.-Plus de transporte: a partir do 1º de xaneiro de 1995, as empresas aboaranlles ós seus traballadores un plus de transporte en contía de 325 ptas por cada día de asistencia ó traballo.

O devandito plus non incrementará nin as pagas extraordinarias de xullo, Nadal e festividade patronal, nin o premio de antigüidade.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias: por este concepto, os traballadores afectados polo presente convenio percibirán, incluída a antigüidade quen a tiver, 30 días de salario como paga extraordinaria de xullo e de Nadal, que se farán efectivas os días 24 de xullo e 22 de decembro, respectivamente. Tamén percibirán a paga extraordinaria que establece a vixente ordenanza laboral para a industria da madeira, consistente en 15 días, calculada sobre o salario base da táboa salarial anexa, incluída a antigüidade correspondente, e que será aboada o día anterior á festa do patrón, que se celebra o 19 de marzo.

Artigo 14º.-Vacacións: o persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días naturais de vacacións.

Artigo 15º.-Axudas de custo por desprazamento: os traballadores afectados polo presente convenio que, por razóns de traballo, deban desprazarse fóra do termo municipal no que se atope situado o centro de traballo, percibirán, salvo que entre a empresa e o traballador exista outro tipo de acordo, axudas de custo na seguinte contía:

Completa2.588 ptas.

Media1,035 ptas.

Artigo 16º.-Aprendices: a partir da entrada en vigor do presente convenio, o período de aprendizaxe computarase para efectos da antigüidade na empresa.

Artigo 17º.-Incapacidade laboral por accidente de traballo: as empresas afectadas polo presente convenio aboaranlles a aqueles traballadores que se atopen en incapacidade laboral transitoria por causa de accidente laboral, exclusivamente durante a permanencia

destes nun sanatorio ou hospital, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador reciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 18º.-Indemnización por accidente laboral: tendo en conta que as actividades que abrangue o presente convenio se poden considerar de certa perigosidade, que deron lugar a varios accidentes e, a consecuencia destes, deriváronse amputacións que determinaron situacións de invalidez, tódalas empresas afectadas por este subscribirán, con efectos desde o día 1º de xaneiro de 1995, unha póliza cunha compañía ou mutua de seguros que garanta, en caso de accidente e atendendo ó grao de invalidez determinado pola comisión cualificadora correspondente, unha indemnización consistente na seguinte contía:

Morte1.500.000 ptas.

Invalidez total2.500.000 ptas.

Invalidez absoluta3.000.000 de ptas.

Gran invalidez3.500.000 ptas.

Estas indemnizacións serán totalmente independentes daquelas ás que os traballadores teñan dereito en virtude da lexislación laboral vixente.

Artigo 19º.-Revisión médica: as empresas afectadas polo presente convenio solicitarán unha revisión médica anual para todo o cadro de persoal.

O tempo que o traballador empregue para a dita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 20º.-Rotura de lentes: o persoal que, por ter deficiencias na vista, tivese que empregar lentes para o desenvolvemento da súa actividade laboral e, como consecuencia diso, e por causa accidental, lle rompesen ou lle quedasen inutilizados, a empresa aboaralle o importe destes ó traballador afectado.

Artigo 21º.-Promoción do persoal: para o ascenso e promoción do persoal afectado polo presente convenio, determínase como preferente a capacidade deste, é dicir, o conxunto de aptitudes mínimas para a ocupación dos distintos postos de traballo.

Sen embargo, dentro das condicións de aptitude ás que se refire o apartado anterior, a igualdade de condicións, será factor decisivo para cubri-la vacante a maior antigüidade entre o persoal da categoría inferior e, no seu defecto, das demais categorías.

As vacantes que se produzan cubriranse conforme ás normas que a continuación se expresan:

Persoal técnico.-Será de libre designación da empresa entre o persoal desta ou alleo a ela.

Persoal administrativo.-As vacantes de xefe proveranse libremente pola empresa, e as correspondentes ó resto das categorías, por concurso-oposición entre as de categoría inferior e puntuará a antigüidade.

Nas vacantes que correspondan a quenda de concurso-oposición, se este fose declarado deserto por non presentarse concursante ou non merece-la apro

bación ningún dos presentados, poderán ser cubertos libremente pola empresa con persoal alleo a esta.

Persoal de fábrica ou obradoiro.-As vacantes que se produzan na categoría de encargado xeral, encargado de sección e capataces cubriranse mediante libre designación da empresa. As que se produzan de oficial de 1ª, 2ª e de especialistas, cubriranse exclusivamente por concurso-oposición. Poderán optar a estas aqueles productores de categoría inferior con coñecementos suficientes da especialidade da que se trate, presumibles polo seu historial dentro da empresa e puntuará a antigüidade. Tamén poderán optar a estas vacantes aqueles productores de categoría inferior que presten servicios na mesma máquina ou posto de traballo onde quede vacante, ou noutras máquinas ou postos de traballo iguais ou similares, se existisen na empresa. Se os concursos-oposición previstos para cubrir vacantes de oficiais de 1ª e 2ª e especialistas fosen declarados desertos, ben por non presentarse candidato ou por non demostrar este a aptitude esixida, a empresa poderá cubri-los postos libremente con

traballadores alleos ó seu cadro de persoal. As vacantes de axudantes cubriranse por antigüidade entre os aprendices de cuarto ano.

As vacantes de peóns especialistas cubriranse por peóns despois dun período de adaptación ou prácticas de dous meses, e daráselles preferencia ós máis antigos.

No caso de que a ordenanza laboral para a industria da madeira sexa anulada, haberá que aterse ó que, sobre promoción de persoal, determine a norma que o substitúa.

Artigo 22º.-Pagamento de salarios: os salarios dos traballadores afectados polo presente convenio serán aboados por mensualidades vencidas, empregándose o modelo oficial de recibo establecido ou o que, mediante autorización, teña concedido a empresa polo organismo correspondente. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os traballadores poderán solicitar da empresa anticipos quincenais ou semanais e esta quedará obrigada a aboalos con cargo á corresponente nómina.

Artigo 23º.-Pezas de traballo: as empresas facilitaranlles ós seus traballadores as pezas de traballo que lles sexan necesarias e que, como mínimo, consistirán en: duás fundas de traballo; luvas axeitadas para tódolos traballadores; botas ou calzado de seguridade nos postos de traballo onde sexan necesarios. A non entrega de fundas de traballo dará lugar ó pagamento de 3.312 ptas. como compensación de cada unha das pezas non entregadas.

Artigo 24º.-Partes asinantes: o presente convenio foi subscrito polos representantes do Grupo Provincial de Rematantes e Serradores de Madeiras de Pontevedra, como parte empresarial, e os representantes das centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, polos traballadores.

Artigo 25º.-Comisión paritaria: créase para interpretar e resolver cantas dúbidas se presenten na interpretación do presente convenio, unha comisión pari

taria que estará composta por un presidente, que terá o cargo designado polo delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais de entre os inspectores pertencentes a esta delegación provincial, seis vocais en representación dos empresarios e seis vocais en representación dos traballadores.

No non previsto no presente convenio, haberá que aterse ó establecido na vixente ordenanza laboral para a industria da madeira no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións legais vixentes.

ANEXO I

Táboa de salarios

Salario por categoría profesional:

Persoal de monte:

Encargado de monte2.740 ptas./día.

Xefe do grupo e conductor de camión2.664 ptas./día.

Talador2.492 ptas./día.

Tronzador mecánico e tractorista2.580 ptas./día.

Persoal de fábrica ou taller:

Encargado ou contramestre2.740 ptas./día.

Encargado de sección2.684 ptas./día.

Medidor, fogueiro, especialista de secadoiro e peón especializado2.472 ptas./día.

Afiador, serrador de 1ª e galerista de 1ª2.664 ptas./día.

Serrador de 2ª, motoserrista, galerista de 2ª, conductor de camión e tractorista2.580 ptas./día.

Axudante de afiador, axudante de serrador e serrador de serra circular2.492 ptas./día.

Peón ordinario2.472 ptas./día.

Aprendiz de 1º e 2º ano e pinche de 14 e 15 anos1.699 ptas./día.

Aprendiz de 3º e 4º ano e pinche de 16 e 17 anos2.338 ptas./día.

Persoal administrativo:

Xefe de oficina89.874 ptas./mes.

Oficial de primeira83.953 ptas./mes.

Oficial de segunda79.322 ptas./mes.

Auxiliar administrativo74.166 ptas./mes.

Aspirante maior de 18 anos73.522 ptas./mes.

Aspirante menor de 18 anos59.405 ptas./mes.

Telefonista e mecanógrafa73.522 ptas./mes.

Viaxante e corredor de praza77.767 ptas./mes.

95-05718