Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 18 de agosto de 1995 Páx. 6.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 241/1995, do 28 de xullo, polo que se concede autorización á entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), para implanta-los estudios correspondentes ó título Bachelor of Commerce conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

A Constitución española do 27 de decembro de 1978, (BOE do 29 de decembro de 1978), no seu artigo 27.6º recoñece ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes dentro do respecto ós principios constitucionais.

No ámbito da Administración estatal e polo que afecta ós estudios universitarios, regúlase esta materia a través do Real decreto 557/1991, do 12 de abril,

(BOE nº 95, do 20 de abril), desenvolvido pola Orde do 26 de maio de 1993, (BOE nº 130, do 1 de xuño).

Pola súa banda, os artigos 9 e 10 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo (DOG do 16 de agosto de 1994), polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorizacións de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia, recollen a posibilidade de concede-la autorización para o establecemento dun centro estranxeiro e a autorización de estudios de nivel universitario conducentes á obtención de títulos conforme a sistemas vixentes noutros países e non homologados cos títulos do sistema educativo español.

Para concede-la autorización para implantar estes estudios, comprobouse que o expediente presentado pola entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), cumpre os requisitos precisos esixidos polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo, comprobándose, en particular, que a citada entidade garante e xustifica eses requisitos e os niveis de calidade esixibles respecto da ratio profesor/alumno, dos espacios, e da continuidade dos estudios, comprometéndose a aportar antes do comezo do curso, cada ano, a relación do profesorado cos

requisitos esixibles, sendo posible, por tanto, considerar que o nivel de cumprimento neste expediente é suficiente para os efectos de concede-la autorización para implanta-los estudios solicitados.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, (DOG nº 23, do 21 de marzo de 1983), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, (DOG nº 208, do 28 de outubro de 1988), por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Universitario de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º. Autorización de implantación de estudios.

Concédese autorización á entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), domiciliada no Colexio Obradoiro, r/ Feáns nº 152 da Coruña, para que ó abeiro do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, de acordo co convenio de compromiso académico asinado pola entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), e a University College Dublin, se implanten desde o curso 1995-1996, na cidade da Coruña e dentro dos locais establecidos para o efecto no domicilio da entidade promotora, os estudios correspondentes ó título Bachelor of Commerce, conforme o sistema educativo vixente noutro país e que conduce á obtención de título superior non homologado academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Artigo 2º. Validez dos estudios.

Tal como consta no convenio de compromiso académico asinado entre a entidade promotora Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), e a University College Dublin, os estudios autorizados terán a validez académica da citada universidade. O título de Bachelor of Commerce que se obteña non terá nin o carácter oficial nin a validez en todo o territorio nacional que o artigo 28.1º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, atribúe ós títulos universitarios españois establecidos polo Goberno por proposta do Consello de Universidades.

Artigo 3º. Implantación progresiva e efectiva impartición.

A efectiva impartición do primeiro e dos sucesivos cursos dos que constan os estudios ós que se refire o artigo 1º deste decreto, esixirá antes do comezo do respectivo curso, a autorización correspondente mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para este fin, a entidade promotora deberá xustificar e especificar previamente, ante a consellería, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade e de profesor/alumno a que se comprometeu no expediente así como os requisitos relativos ós espacios. A implantación dos cursos farase progresivamente, ano a ano.

Artigo 4º. Tempo de funcionamento.

A entidade promotora, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), deberá manter en funcionamento o programa de estudios aprobado pola University College Dublin, polo menos durante o período mínimo necesario que permita remata-los seus estudios ós alumnos que, con aproveitamento normal, iniciaran o Bachelor of Commerce ó abeiro desta autorización.

Artigo 5º. Inspección.

1. Para os efectos previstos no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inspeccionará o cumprimento, por parte da entidade promotora, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), das normas que sexan de aplicación e das obrigas que teñen que asumir.

2. A entidade promotora, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), colaborará cos órganos competentes da devandita consellería na tarefa de inspección, facilitando a documentación e o acceso ás súas instalacións que lle sexan requiridos.

3. A entidade promotora, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), comunicará e solicitará da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a autorización para todas cantas modificacións puideran producirse respecto dos estudios autorizados, nas normas de organización e funcionamento ou na súa situación patrimonial, respecto do establecido no expediente de solicitude. Asemade, a entidade comunicará a regulamentación específica de bolsas de investigación e o estudio que poña en marcha.

4. Se pola súa conta, logo do inicio das ensinanzas autorizadas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apreciara que a entidade promotora, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), incumpre os requisitos esixidos polo ordenamento xurídico, e en especial polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo, ou os compromisos adquiridos ó solicita-la autorización, requirirá á entidade promotora, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (CESUGA), para que se normalice a situación. Transcorrido o prazo concedido sen que a devandita entidade promotora atenda o requirimento, e logo de audiencia á entidade, logo do informe do Consello Universitario de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá revoga-la autorización.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

5088