Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 14 de agosto de 1995 Páx. 6.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 237/1995, do 28 de xullo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo sito na parroquia de Torás, termo municipal de Laracha (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario.

O Pleno da Corporación Municipal de Laracha, en sesión celebrada o 23 de decembro de 1993, acordou a cesión á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun terreo para a construcción dun centro de ensino secundario.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma Lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Laracha acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta do terreo, pertencente ó Concello de Laracha, sito na parroquia de Torás, termo municipal de Laracha, denominado das Corredoiras, Zamorranes, Leira de Abaixo e Chousa da Agra, prado, labradío e monte, cunha superficie dunha hectárea e vinte áreas, que linda ó norte, monte Agra deste lugar e labradío de Manuel Carracedo; ó sur, resto da leira matriz de María Mercedes Piñeiro Caramés; ó leste, José Zás, Josefa Berdía e camiño público; e ó oeste, camiño público e leiras de Fernando Mallo e herdeiros de Piña Varela.

O inmoble descrito constitúe unha parcela que hai que segregar doutro inscrito no Rexistro da Propiedade de Carballo, no tomo 968 do arquivo, libro 126 do Concello de Laracha, folio 115, leira nº 15.724.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destina o inmoble cedido á construcción dun centro de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

95-5562