Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 20 de xullo de 1995 Páx. 5.819

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de xullo de 1995 pola que se establecen as condicións da emisión de bonos da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 21.000 millóns de pesetas.

De acordo co artigo 23.1º da Lei 6/1994, de 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 48/1995 do 16 de febreiro, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na devandita lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, ó conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións nas ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Obtida a autorización, establecida no artigo 14 apartado 3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros do 7 de xullo 1995, disponse a emisión de débeda pública interior por un importe de 21.000 millóns de pesetas.

Artigo 2º

Esta emisión realízase baixo a forma de bonos da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta, ó amparo do artigo 55 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, distribuirase en dous tramos A e B, que terán as características que se detallan a continuación:

CONDICIÓNS COMÚNS:

-Data da emisión: 26 de xullo de 1995.

-Data de desembolso: 26 de xullo de 1995.

-Prezo da emisión: á par libre de gastos para o subscritor.

-Nominal dos bonos: 100.000 pesetas.

-Subscrición: realizarase directamente polas entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas.

-Período de subscrición: do día 17 ó 26 de xullo de 1995.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 26 de xullo de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, pro- cederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG 8-11).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, lei de mercado de valores, e haberá que aterse ó establecido no Real decreto 505/1987, do 3 de abril e 1009/1991, do 21 de xuño, OO.MM. do 19 de maio de 1987 e 31 de decembro de 1991 e os demais preceptos legais que as desenvolven.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980 do 22 de setembro de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Reserva minorista: reservarase un 10% do importe total da emisión para investimentos non superiores a 5 millóns de pesetas.

CONDICIÓNS ESPECÍFICAS:

Tramo A:

-Importe: 10.000 millóns de pesetas.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós tres (3) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 11,15%

Tramo B:

-Importe: 11.000 millóns de pesetas.

-Amortización: dunha soa vez, á par, ós catro (4) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 11,30%

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 1995

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

95-4760