O Concello de Dodro considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme ás normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspondelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto no artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecias na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.d. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992 do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Dodro, que quedará organizado do seguinte xeito: de ouro e sobre ondas de azur e prata, un piñeiro da súa cor, froitado do mesmo; bordura de gules, con oito vieiras de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
4554