Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 1995 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración en tarefas de estudio sobre a linguaxe administrativa galega.

Conforme ós fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a convocatoria, de dúas bolsas de colaboración en tarefas de estudio sobre a linguaxe administrativa galega, que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a adxudicación de dúas bolsas de colaboración en tarefas de estudio sobre a linguaxe administrativa galega.

Segunda.-Dotación.

A dotación de cada bolsa consistirá na percepción de 145.000 pesetas mensuais como máximo, desde o día 1 de setembro ata o 31 de decembro de 1995, sen prexuízo de que sexa prorrogada por un período de doce meses, en función do aproveitamento dos adxudicatarios, das necesidades de asistencia e colaboración nas tarefas encomendadas, e das dispoñibilidades orzamentarias.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán español, con veciñanza en Galicia.

-Te-lo título de licenciado en filoloxía galega.

Cuarto.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo que figura ó final desta convocatoria, enviaranse á EGAP, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela, conforme ós requisitos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

-Currículum vitae.

-Memoria descritiva do proxecto de estudio e colaboración en materia de linguaxe administrativa galega nun centro de formación de funcionarios públicos.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación de instancias é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinta.-Selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido polo secretario xeral da EGAP, do que formarán parte, como vocal, un experto en filología galega. Actuará como secretario, o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

O tribunal estudiará, avaliará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O tribunal poderá convoca-los candidatos a unha entrevista persoal e/ou a unha proba obxectiva, orientada a verifica-lo coñecemento dos interesados sobre o obxecto en que se centra esta convocatoria.

O correspondente tribunal está clasificado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Na hipótese de que a persoa renunciase á bolsa, a súa adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Sexta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas asignadas dentro dos dez días seguintes ó da notificación do outorgamento. De non facelo así, sen causa abonda a xuízo do director, a EGAP poderá chama-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo de luns a venres, en sesións de mañá e/ou de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación

ten habilitadas a EGAP; horario que determinará o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

3. Atende-las instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co estudio obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por ela.

5. Cubri-los informes ou partes de actividade que se lle requiran.

Sétima.-Dereitos dos bolseiros.

1. A perceción mensual na súa conta corrente, do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade íntegra de 145.000 ptas. a retención fiscal que proceda.

2. Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos propios dela, conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

Xaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública