O Concello de Monforte de Lemos (Lugo), en sesión celebrada o día 31 de xaneiro de 1994, aprobou o proxecto de dotación de servicios na rúa de Sarria, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de abril de 1995 baixo o número 3694.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Con
sellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de xuño de 1995.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a obra está incluída no Plan Provincial de Cooperación, e porque esta rúa está situada en solo urbano e constitúe unha arteria fundamental consolidada, pero que carece de servicios e ó non se acadar por via amigable a disposición dos correspondentes terreos. A rúa ten moitas edificacións, incluso de varias plantas, e carece de servicios esenciais; sen ocupa-los terreos incluídos nos proxectos de expropiación non se poden acomete-los servicios, porque é imposible a conexión cos sistemas xerais, posto que esta conexión hai que efectuala polos terreos particulares. Hai que ter en conta a importancia da execución desta obra polo ben do interese público, cara á xeneralidade do vecindario porque esta rúa transcende do interese circunscrito á mesma, para incidir no proveito xeral dos habitantes do concello.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación, forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Monforte de Lemos (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de dotación de servicios na rúa de sarria.
Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais