Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.172

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 176/1995, do 16 de xuño, polo que se sanciona o Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Social da Universidade da Coruña e se acorda a súa publicación.

A disposición adicional segunda da Lei 5/1987, do 27 de maio, reguladora do Consello Social da Universidade, dispón que, unha vez aprobado polo Consello Social da Universidade o seu Regulamento de organización e funcionamento interno elevarase á Xunta de Galicia para a súa sanción e publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Consello Social da Universidade da Coruña, en reunión celebrada o día 29 de decembro de 1994, aprobou o citado Regulamento de organización e funcionamento interno.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, (DOG nº 23, do 21 de marzo de 1983), reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro de 1988), e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Acórdase a sanción e a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Social da Universidade da Coruña que figura como anexo no presente decreto.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Social da Universidade da Coruña

Título I

Do Consello Social e as súas funcións

Artigo 1º

O Consello Social da Universidade é o órgano colexiado de goberno universitario que garante a participación da sociedade na universidade.

Artigo 2º

Son funcións do Consello Social:

1. Aproba-lo orzamento e a programación plurianual da universidade, por proposta da súa Xunta de Goberno.

2. Supervisa-las actividades de carácter económico da Universidade e o rendemento dos seus servicios.

3. Promove-la colaboración da sociedade no financiamento da universidade.

4. Propoñerlle á Xunta de Galicia, logo de informe do Consello de Universidades e do Consello Universitario de Galicia e logo de acordo do Claustro Universitario, a creación e supresión de facultades, escolas técnicas superiores, escolas superiores, escolas universitarias, escolas de especialización profesional e institutos universitarios, así como a aprobación dos convenios de adscrición á universidade dos diferentes centros.

5. Aproba-las normas que regulen a permamencia dos estudiantes na universidade.

6. Propoñe-la política de bolsas, axudas e créditos ós estudiantes e as modalidades de exención e bonificación de pagamentos das taxas académicas.

7. Acorda-la designación, con carácter individual, dos conceptos retributivos adicionais ó profesorado universitario, en atención a esixencias docentes e investigadoras ou a méritos relevantes, por proposta da Xunta de Goberno da Universidade.

8. Fixa-los prezos públicos correspondentes ós estudios conducentes a títulos non oficiais.

9. Acorda-las transferencias de gastos correntes a gastos de capital.

10. Acorda-las transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo, logo de autorización da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Apoia-lo desenvolvemento das manifestacións culturais que se produzan no seo da universidade, así como fomenta-las relacións e procura-lo seu enraizamento e vinculación coa sociedade galega.

12. Aproba-los suplementos de créditos extraordinarios, oída a proposta da Xunta de Goberno.

13. Acorda-la adquisición, por parte da universidade, de bens de equipo necesarios para o desenvolvemento dos seus programas de investigación, polo sistema de adxudicación directa, e determinar cada ano, ó mesmo tempo que se aproba o orzamento, o límite do importe a partir do que será necesario un acordo explícito para que o rector ou vicerrector en que delegue ou, se e o caso, o xerente, proceda a unha contratación polo dito sistema.

14. Propoñe-lo establecemento de convenios con empresas, sindicatos e outras entidades, públicas e privadas, que contribúan a perfeccionar e completa-la formación dos membros da comunidade universitaria.

15. Ser oído sobre o nomeamento, por parte do rector, do xerente da universidade.

16. Ratifica-lo Regulamento de desenvolvemento da xestión orzamentaria e o Regulamento de contratación de obras, servicios e subministracións.

17. Aproba-la memoria económica anual.

18. Exercer directamente a auditoría e o control interno das contas da universidade e en xeral o exame dos procedementos de xestión orzamentaria, da exe

cución do orzamento e dos custos e rendemento dos diferentes servicios, así como solicitar auditoría externa.

19. Calquera outro que se lle atribúa polo ordenamento xurídico.

Artigo 3º

O Consello Social, para o correcto exercicio das súas funcións e competencias, poderá concluír acordos e convenios, solicitar canta información coide oportuna, encargar informes e realizar rogos e suxerencias ós demais órganos de goberno da universidade.

Título II

Da composición do consello

Artigo 4º

O Consello Social da Universidade da Coruña está composto por vintecinco conselleiros, dez en representación da Xunta de Goberno da Universidade e quince en representación dos intereses sociais de Galicia.

Artigo 5º

1. Os representantes da Xunta de Goberno da Universidade serán os seguintes:

a) O rector.

b) O secretario xeral.

c) O xerente.

d) Sete vocais elixidos pola universidade de entre os seus membros, de conformidade cos seus estatutos.

2. Os quince conselleiros representantes dos intereses sociais no Consello Social designaranse do xeito seguinte:

a) Seis polo Parlamento de Galicia, por proposta dos grupos parlamentarios e por maioiría de tres quintos dos deputados que forman a cámara.

b) Cinco designados pola Xunta de Galicia.

c) Dous designados polos sindicatos que teñan consideración de máis representativos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, de conformidade coa normativa vixente.

d) Dous designados polas organizacións empresariais, de maior implantación en Galicia.

Artigo 6º

O presidente do Consello Social será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia de entre os conselleiros representantes dos intereses sociais, por proposta do conselleiro de Educación.

Artigo 7º

1. O presidente do Consello Social ostenta para tódolos efectos a representación legal del.

2. Son funcións do presidente:

a) Convocar e presidi-las reunións do pleno e das comisións.

b) Fixa-la orde do día.

c) Coordina-la actividade dos conselleiros e dos órganos do consello.

d)Velar polo cumprimento dos acordos adoptados polo consello.

e) Nomear e separa-lo secretario do consello.

f) Presentar mocións, dentro do ámbito das funcións do consello, para que sexan debatidas no seo del.

g) Abrir e levanta-las sesións, dirixi-la deliberación, conceder e denega-la palabra, determinar, se é o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto os empates.

h) Invitar ó pleno, con voz pero sen voto, todas aquelas persoas que considere oportuno en razón dos temas que se traten.

i) Delegar, en caso de ausencia, vacante ou enfermidade no conselleiro que designe de entre os conselleiros que representan os intereses sociais.

j) Reclamar das autoridades académicas, administracións públicas ou de calquera outra entidade privada, cantos informes, estudios e dictames considere oportunos.

k) Dirixi-lo funcionamento dos servicios do Consello Social e a execución do seu orzamento.

l) Calquera outra que lle atribúan as disposicións reguladoras, os estatutos da universidade, o presente regulamento e cantas poidan resultar útiles para o bo funcionamento do consello.

Artigo 8º

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do presidente, este será substituído provisionalmente polo conselleiro en que delegase formalmente e, no seu defecto, polo conselleiro de máis idade, sempre dentro dos representantes dos intereses sociais.

Artigo 9º

1. O secretario do consello é nomeado e separado polo presidente.

2. A condición de secretario é incompatible coa de conselleiro e a pertenza a calquera órgano de goberno da Universidade da Coruña ou de algún dos seus centros. Así mesmo, o secretario está suxeito ás incompatibilidades previstas no artigo 13º 1 do presente regulamento.

Artigo 10º

Correspóndelle ó secretario:

a) Asistir con voz e sen voto ás sesións do Pleno, da Comisión Permanente e das Comisións do Consello Social, levantando acta delas e dos acordos adoptados e certificando e notificando estes ós organismos e órganos competentes ou interesados en cada caso.

b) Exerce-la xefatura directa e organización dos servicios administrativos internos do consello, sen prexuízo da superior autoridade do presidente.

c) Leva-lo rexistro do Consello Social.

d) Distribuír entre os conselleiros os documentos e información necesarios para o exercicio das súas funcións.

e) Elabora-lo anteproxecto de memoria das actividades do consello.

f) Calquera outra función que lle sexa encomedada polo consello ou o seu presidente para a boa marcha dos asuntos daquel.

Artigo 11º

1. Son dereitos dos conselleiros:

a) Asistir con voz e voto ás reunións dos órganos de que formen parte.

b) Coñecer e recibir información de canto aconteza no Consello Social.

c) Ter acceso ós datos e documentos necesarios para o exercicio dos seus cometidos, tanto da universidade como da Administración educativa. A secretaría de Consello Social proverá os medios necesarios para o desenvolvemento deste dereito.

d) Presentar propostas ó pleno ou ás comisións para a adopción dos correspondentes acordos.

2. Son deberes dos conselleiros:

a) Asistir ás sesións do pleno, así como ás das comisións das que forman parte.

b) Cumprir cantos cometidos lles sexan encomendados.

c) Gardar segredo das deliberacións internas, así como das xestións que leve a cabo por encargo do pleno ou da comisión pertinente.

Artigo 12º

O cargo de conselleiro do Consello Social é honorífico, non obstante os conselleiros do Consello Social poderán percibir unha compensación económica, en concepto de axudas de custo pola súa asistencia ás reunións do pleno e das comisións. A contía destas axudas de custo, se é o caso, será fixada polo pleno do propio Consello ó inicio de cada exercicio económico.

Artigo 13º

1. A condición de conselleiro en representación dos intereses sociais é incompatible coa de membro da comunidade universitaria, agás para quen se atopase en situación de excedencia voluntaria ou xubilación con anterioridade á data da súa designación.

2. A condición de conselleiro é incompatible co desempeño, por si ou por persoa interposta, de cargos directivos en empresas ou sociedades que contraten coa universidade, obras, servicios ou subministración, así como coa participación superior ó 10% no capital delas.

Artigo 14º

Perderase a condición de conselleiro do Consello Social por algunha da seguintes causas:

a) Por cumprimento do prazo polo que foron elixidos.

b) Falecemento.

b)Incapacidade física, notoria e permanente ou incapacidade declarada por resolución xudicial firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión por cargos públicos.

d) Renuncia.

e) Substitución por reiterado e grave incumprimento das obrigacións propias do cargo.

f) Respecto dos vocais natos, o cesamento no respectivo cargo.

g) Os vocais designados polos sindicatos e asociacións empresariais poderán ser substituídos en todo momento polo sindicato ou asociación que os designou.

Artigo 15º

O mandato do presidente e dos demais conselleiros do Consello Social representantes dos intereses sociais será de catro anos, renovables por unha soa vez.

Artigo 16º

O pleno, poderalle propoñe-lo cesamento dun conselleiro á autoridade ou órgano que o designou nos supostos seguintes:

a) Se no prazo de tres meses desde que concorra nun conselleiro unha causa de incompatibilidade, e este non elixise un posto ou outro no dito prazo.

b) Por incumprimento reiterado dos deberes inherentes ó seu cargo.

Artigo 17º

A substitución dos conselleiros levarase a cabo seguindo o procedemento previsto no artigo 3 da Lei do 21 de marzo de 1985 para os representantes dos intereses sociais. No caso dos representantes da Xunta do Goberno da Universidade terase en conta o establecido nos estatutos da Universidade da Coruña.

Artigo 18º

A sede do Consello Social será a mesma que a do resto dos órganos de goberno da universidade.

Título III

Da organización do consello

Artigo 19º

Os órganos do Consello Social son:

a) O presidente.

b) O Pleno.

c) A Comisión Permanente ou outras comisións se as houbese.

Artigo 20º

O Pleno integrado por tódolos conselleiros, é o máximo órgano de deliberación do consello, correspondéndolle tódalas atribucións previstas no artigo 2º do presente regulamento.

Artigo 21º

1. Pleno do Consello Social, se o volume de traballo así o aconsella, poderá constituír, por acordo de dous tercios dos seus conselleiros, unha Comisión Permanente, delegada do pleno, na forma prevista no artigo seguinte, para o despacho ordinario dos asuntos da súa competencia. A súa presidencia corresponderalle ó presidente ou conselleiro no que el delegue de entre os de representación social.

2. No acordo de constitución deberá facerse constar expresamente cales son as materias obxecto de delegación.

3. Non poderán ser obxecto de delegación as competencias previstas nos apartados 1, 4, 7, 9, 10, 14, 18 e 19 do artigo 2 do presente regulamento.

4. O Pleno poderá solicitar, sempre que o coide necesario, calquera das competencias delegadas na Comisión Permanente. Esta, cando a importancia do tema así o aconselle, poderá remiti-la aprobación dun asunto ó pleno.

Artigo 22º

1. O Pleno do Consello Social poderá constituír comisións temporais ou permanentes para o estudio e seguimento eficaces dos temas que así o aconsellen.

2. As comisións estarán compostas por cinco conselleiros como mínimo, tres en representación dos intereses sociais e dous da Xunta de Goberno, salvo que na súa constitución se determine o contrario. Estarán presididas polo presidente ou persoa que este designe. As comisións constituiranse respectando, dentro do posible, os criterios de representatividade que inspiran a composición do Consello Social.

3. Nas comisións poderán participar, con voz e sen voto, aquelas persoas que, sen seren vocais do Consello, se coide conveniente por razón da materia obxecto de estudio ou seguimento.

4. Tanto a Comisión Permanente como o resto das comisións darán periodicamente conta ó pleno das súas actividades.

Título IV

Do funcionamento do Consello

Artigo 23º

O Consello Social funciona en pleno e en comisións.

Artigo 24º

1. As sesións do pleno poderán ser ordinarias e extraordinarias.

2. O pleno reunirase en sesión ordinaria para o despacho de asuntos da súa competencia, polo menos catro veces ó ano. Ó inicio de cada ano, o presidente dará a coñece-lo calendario de sesións ordinarias para dito exercicio.

3. Son sesións extraordinarias as que convoque o presidente fóra do calendario establecido.

4. Procederá, en todo caso, a celebración de sesión extraordinaria cando esta sexa solicitada por escrito dirixido ó presidente por oito ou máis conselleiros, con expresión do tema ou temas que deban de ser tratados, ou cando así o acorde a Comisión Permanente, debendo reunirse o pleno neste caso nun prazo máximo de 15 días.

Artigo 25º

1. O presidente convocará as sesións ordinarias mediante comunicación escrita que dirixirá a tódolos vocais cunha antelación mínima de dez días á celebración da sesión, salvo que razóns de urxencia ou gravidade non o permitan. Nestes casos o prazo da convocatoria será de 24 horas, como mínimo.

2. Xunto coa convocatoria da sesión deberalles ser notificada ós conselleiros a orde do día, que será fixada polo presidente, tendo en conta as suxerencias do resto dos conselleiros do consello. O presidente

deberá, en todo caso, incluír na orde do día as peticións que lle formulen por escrito, polo menos, cinco conselleiros.

3. O Consello en Pleno non poderá tomar acordos, aínda que si deliberar, logo de decisión adoptada pola maioría dos seus conselleiros, sobre asuntos que non fosen previamente fixados na orde do día. Non obstante, excepcionalmente, estando presentes tódolos conselleiros do consello e valorada a urxencia dun asunto polo voto favorable da maioría, poderán adoptarse acordos que non figuren incluídos na orde do día.

Artigo 26º

Para tomar acordos en primeira convocatoria será necesaria a asistencia á reunión de 13 conselleiros. En segunda convocatoria será suficiente cun tercio dos conselleiros do consello. Entre a primeira e segunda convocatoria deberá transcorrer polo menos unha hora.

Artigo 27º

1. As sesións do pleno serán presididas polo presidente do consello ou, no seu defecto, por quen corresponda segundo o previsto no artigo 8º do presente regulamento.

2. A ausencia do secretario non obstará á válida constitución do pleno, exercendo en tal caso as súas funcións un vocal que designe o presidente.

Artigo 28º

1. As decisións do consello adoptaranse por maioría dos conselleiros presentes, agás nos supostos en que se esixa unha maioría cualificada. No caso de empate decidirá o voto do presidente.

2. Esixirase maioría absoluta dos conselleiros que compoñen o consello para adopta-las seguintes decisións:

a) Aprobación do orzamento e da programación plurianual.

b) Aprobación do requirimento e da proposta de cesamento dun conselleiro a que se refire o artigo 16 do presente regulamento.

c) Solicitar auditoría, externa.

d) Aprobación das normas que regulan a permanencia dos estudiantes na universidade.

e) A reforma do regulamento.

Nos demais casos que o pleno, por maioría simple dos asistentes, así o decida.

Artigo 29º

Os acordos poderán adoptarse por votación pública ou secreta. Serán secretas cando así o decida o presidente, par iniciativa propia ou a petición dalgún dos conselleiros, e, en todo caso, nos supostos previstos polo artigo 16º do presente regulamento.

Artigo 30º

1. De cada sesión redactarase acta, que conterá, como mínimo, as circunstancias de lugar e tempo no que se celebrou, número e identificación das persoas que asistiron, os puntos principais da deliberación, a forma e resultado da votación e o contido dos acordos.

2. Os conselleiros do Consello Social presentes na votación poderán facer constar na acta o seu voto contrario ó acordo adoptado e os motivos que o xustifiquen, así como calquera outra circunstancia que coiden pertinente.

3. A elaboración da acta corresponderalle ó secretario do consello. En caso de ausencia deste, a elaboración correspóndelle, con carácter excepcional, ó conselleiro máis novo do consello.

Artigo 31º

As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente, e aprobaranse, se procede, na seguinte sesión ordinaria do pleno. As actas serán remitidas xunto coa orde do día da sesión en que deban ser aprobadas.

Artigo 32º

O presidente poderá convocar ás reunións do consello a aquelas persoas que coide conveniente cando a natureza dos temas a tratar así o aconselle. Estas comparecencias terán carácter meramente informativo e limitaranse ó tema ou temas que xustifiquen a convocatoria.

Artigo 33º

As comisións fixarán as súas normas internas de funcionamento. As ditas normas, en todo caso, deberán axustarse ás establecidas, con carácter xeral, para o Pleno.

Artigo 34º

Os distintos órganos universitarios deberán remiti-las informacións que lles sexan requiridas dentro da súa competencia polo Consello Social, así como realiza-los trámites necesarios para o exercicio das funcións deste coa maior celeridade posible.

Artigo 35º

1. Os acordos que adopte o Consello Social serán notificados ó interesado ou interesados na forma pertinente e serán inmediatamente executivos.

2. As resolucións do Consello Social esgotan a vía administrativa e contra elas poderase recorrer directamente ante os tribunais de xustiza.

Título V

Do réxime económico e financeiro

Artigo 36º

O Consello Social elaborará anualmente o seu orzamento, que se incluirá no orzamento da Universidade da Coruña.

Artigo 37º

Os gastos que puidesen ocasionarse ós conselleiros do consello, así como ó seu secretario, no exercicio das súas funcións, debidamente autorizados e sempre que estean xustificados, serán satisfeitos con cargo ó orzamento do consello.

Artigo 38º

O Consello, Social disporá dunha secretaría na que a dirección e o bo funcionamento serán competencia do secretario do consello.

Título VI

Da reforma do regulamento

Artigo 39º

1. A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo presidente do consello ou mediante unha proposta asinada por oito conselleiros do Consello Social.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Recibida a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración polo Pleno do Consello.

3. Para que a reforma sexa adoptada será necesario que reciba o voto da maioría absoluta do Pleno do Consello. De non ser así, a proposta de reforma considerarase rexeitada e non poderá interpoñer unha reforma idéntica ata que transcorra un prazo de dous anos, agás que medie acordo dos 2/3 dos conselleiros do consello.

4. Á reforma do regulamento deberáselle tamén aplica-la disposición adicional segunda, punto 2, da Lei 5/1987, no relativo á súa sanción pola Xunta de Galicia e á súa publicación no DOG.

Disposición adicional

O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos estatutos da Universidade da Coruña, e das normas legais e regulamentarias de ensinanza universitaria da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como do resto do ordenamento xurídico que fose de aplicación.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor a partir da data da súa publicación no DOG.