Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 29 de xuño de 1995 Páx. 5.166

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE TOMIÑO

BASES do concurso-oposición libre para a provisión en propiedade dunha praza de auxiliar administrativo de Servicios Sociais, incluída na oferta de emprego público para o ano 1995.

Convócase o concurso-oposición epigrafado de conformidade coas seguintes bases, aprobadas polo Pleno en sesión do quince de abril de 1995.

1. Obxecto da convocatoria.

Convócase concurso-oposición libre para cubrir, en réxime de contratación laboral fixa, unha praza de auxiliar administrativo afecto ó Servicio Social de Base, e dotada coas retribucións que figuran na relación de postos de traballo do orzamento do exercicio 1995.

2. Condicións dos aspirantes.

Para poderen tomar parte neste concurso-oposición libre, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos xerais:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade a non exceder daquela en que falten menos de 15 anos para a xubilación forzosa determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio ó Estado, Comunidade Autónoma ou entidade local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio da praza que se convoca.

3. Instancias e admisión.

Quen desexe tomar parte no presente concurso-oposición deberá presentar instancia conforme o modelo que se lle facilitará nas dependencias municipais, na que se manifesten que reúnen todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda e comprometéndose, en caso de obte-la praza, a presentar xuramento ou promesa conforme o Real decreto 70/1979, do 5 de abril. Ademais, no caso de alegar méritos recollidos na presente convocatoria, deberá xuntar orixinais ou copias debidamente acreditadas daqueles.

As solicitudes dirixiranse ó alcalde-presidente da corporación e presentaranse no rexistro xeral do concello no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que apareza o anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As instancias tamén poderán presentarse na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico, das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes deberán unir á solicitude e certificado dos méritos alegados, ademais da fotocopia do DNI, o resgardo acreditativo de ingresa-la cantidade de mil pesetas, en concepto de dereitos de exame. No caso de que este ingreso se fixera por xiro postal, ingreso en conta bancaria, etc., o xustificante de ingreso deberá ir acompañado das instancias presentadas.

Con respecto ós outros requisitos, bastará con que os aspirantes manifesten, na súa instancia, que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na base segunda da convocatoria referidas á data en que finalice.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a presidencia da corporación aprobará, mediante resolución, a lista de admitidos e excluídos, a designación do tribunal cualificador e a orde de actuación dos aspirantes, así como o lugar e data do comezo das probas ou exercicios, o que se publicará no BOP, e no taboleiro de edictos do concello, con indicación do prazo de corrección que, nos termos do artigo 71 da Lei de procedemento administrativo, se lles conceda ós excluídos.

A publicación da dita resolución no BOP será determinante nos prazos para efectos de posibles impugnacións, recusación ou recursos, segundo a invocada lei.

4. Tribunal cualificador.

Estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: o alcalde-presidente da corporación ou un membro dela en quen delegue.

Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Vocais:

Un técnico experto na materia, e designado pola alcaldía.

Un concelleiro do concello nomeado pola alcaldía.

Un funcionario de carreira.

Un representante do profesorado xeral básico.

De cada un dos anteriores membros nomearase así mesmo os correspondentes suplentes.

Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal, cando se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 21 da Lei de procedemento administrativo, e estes absteranse de formar parte del cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 20 da citada lei.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente.

5. Sistema de selección.

A selección dos aspirantes será polo procedemento de concurso-oposición libre, sendo a fase de oposición anterior á do concurso.

A) Fase de oposición. Consistirá nos seguintes exercicios:

De carácter obrigatorio para tódolos aspirantes:

Primeiro exercicio: consistirá nunha copia á máquina, durante dez minutos, dun texto que facilitará o tribunal a unha velocidade mínima de 250 pulsacións por minuto. Cualificarase tanto a velocidade como a limpeza e exactitude do copiado. A máquina será manual e terá que aportala o aspirante.

Segundo exercicio: consistirá en expoñer oralmente no tempo máximo de trinta minutos tres temas sacados ó chou de entre os que compoñen o programa anexo.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción dun texto en lingua castelá para o idioma galego, sen axuda de diccionario, durante un tempo máximo de media hora.

Este terceiro exercicio será de carácter obrigatorio e non eliminatorio de conformidade co establecido no artigo 5º do Estatuto de autonomía de Galicia.

B) Fase de concurso. Os aspirantes que superen os exercicios eliminatorios da fase de oposición serán considerados na fase de concurso conforme o seguinte baremo de méritos:

1. Por coñecemento acreditado do idioma galego:

-Por curso de iniciación: 1 punto.

-Por curso de perfeccionamento: 2 puntos.

2. Por servicios prestados na Administración local:

-0,75 puntos por mes de servicio.

3. Por coñecemento acreditado do programa de W.P. 5.1:

-Por curso de iniciación: 1 punto.

-Por curso de perfeccionamento: 2 puntos.

O apartado 2 valorarase ata un máximo de 27 puntos e os apartados 1 e 3 tanto os cursos de iniciación como perfeccionamento, só se valorarán unha vez, non podendo excede-la valoración conxunta dos apartados 1, 2 e 3 de 30 puntos.

Non se computarán os servicios inferiores a un mes, considerándose os meses de trinta días. Os méritos valoraranse con referencia á data en que finalice o prazo de presentación de instancias e acreditaranse documentalmente na solicitude de participación no concurso-oposición.

6. Cualificación dos exercicios.

Os exercicios da oposición cualificaranse da forma seguinte:

O primeiro e segundo, de carácter obrigatorio, terán carácter eliminatorio cada un deles. O primeiro e segundo exercicio cualificarase entre cero e dez puntos, sendo eliminados os aspirantes que non consigan un mínimo de cinco puntos en cada un deles.

As cualificacións obteranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal

e dividindo o total polo número de asistentes a aquel, sendo o cociente a cualificación definitiva.

O terceiro exercicio, e referente ó idioma galego, aínda sendo obrigatorio para tódolos aspirantes, non ten carácter eliminatorio. A súa cualificación será de 0 a 3 puntos e sumarase á puntuación total obtida polo aspirante, servindo só para efectos de puntuación final e determinación na proposta do tribunal, do número de orde na relación dos opositores aprobados.

Finalizado cada un dos exercicios obrigatorios da fase da oposición, o tribunal fará públicas no lugar de celebración das probas e naqueles outros que coide oportunos, a relación de aspirantes que superaron cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

Os opositores que non estean incluídos en tales relacións terán a consideración de non aptos.

A puntuación obtida na fase de oposición sumarase á puntuación obtida na fase de concurso, que, en ningún caso, poderá ser aplicada con fin de supera-los exercicios da fase de oposición, e o total da puntuación alcanzada por cada opositor determinará a orde de prelación para a proposta de cualificación final efectuada polo tribunal.

7. Relación de aprobados. Presentación de documentos e nomeamento.

Finalizadas as probas selectivas, o tribunal fará pública a relación de aspirantes aprobados, por orde de puntuación alcanzada, con indicación da puntuación obtida na fase de oposición e na fase de concurso e propoñerá, para o seu nomeamento, só o aspirante que teña conseguida a maior puntuación total, elevando a correspondente proposta de nomeamento ó alcalde-presidente da corporación.

O tribunal non poderá propoñer a máis aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

O aspirante proposto presentará na secretaría do concello, no prazo de vinte días naturais, desde que se faga pública a relación de aprobados, os documentos acreditativos das condicións de capacidade e demais requisitos esixidos na base 2ª da convocatoria.

Se dentro do prazo indicado, e salvo casos de forza maior, non presentase a documentación, non poderá ser nomeado, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puidera incorrer por falsidade na súa instancia.

Neste caso, a presidencia da corporación formulará proposta a favor do que, tendo aprobados os exercicios da oposición, tivese cabida no número de prazas convocadas, a consecuencia da referida anulación.

Unha vez presentada a documentación, o aspirante proposto será nomeado persoal laboral fixo deste concello, para cubri-lo posto denominado auxiliar administrativo afecto ó Servicio Social de Base, se a documentación presentada se atopa conforme co que se determina na base segunda da convocatoria, debendo tomar posesión do cargo no prazo de 30

días hábiles, contados a partir do seguinte a aquel en que lle sexa notificado o nomeamento.

No suposto de non facelo no prazo indicado, sen causa xustificada, entenderase que renuncia ó posto.

Así mesmo, o nomeamento publicarase no Boletín Oficial del Estado.

8. Incidencias.

A convocatoria, as dúas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados, nos casos, termos e formas previstas na Lei de procedemento administrativo.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se lle presenten e toma-los acordos precisos para a boa fin da oposición, e, en todo o non previsto por estas bases, rexerán como supletorios a Lei 7/1985, do 2 de abril; Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; Regulamento do 30 de maio de 1952 e demais disposicións concordantes.

ANEXO

Programa do exercicio teórico.

Administración xeral:

1. A Constitución española de 1978.

2. Dereitos e deberes fundamentais dos españois.

3. A Coroa. O poder lexislativo.

4. O administrado. Participación dos cidadáns nas funcións administrativas.

5. O acto administrativo. Principios xerais do procedemento administrativo.

Administración local:

1. O réxime local español: a súa regulación xurídica.

2. O municipio. O termo municipal. A poboación. O empadroamento.

3. Organización municipal: competencias.

4. Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases de procedemento de elaboración e aprobación.

5. Os contratos administrativos na esfera local. A selección do contratista.

Temas específicos:

1. Principais técnicas e instrumentos do traballo social.

2. Lei de servicios sociais da Xunta de Galicia.

3. O plan concertado.

4. Lei 26/1990, do 20 de decembro, pola que se establecen na Seguridade Social prestacións non contributivas.

5. Renda de Integración Social de Galicia (Risga). O seu trámite administrativo.

Tomiño, 4 de maio de 1995.

O alcalde

Rubricado