Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 29 de xuño de 1995 Páx. 5.150

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de maio de 1995 pola que se adscriben á función inspectora funcionarios docentes.

Pola Orde do 14 de marzo de 1995 (DOG do 19 de abril) foi publicada a resolución definitiva do concurso de méritos para a provisión de postos de función inspectora educativa entre funcionarios de corpos docentes convocado por Orde do 10 de outubro de 1994 (DOG do 27).

Esta última orde establece no seu punto 6 que os concursantes preseleccionados realizarán un curso de formación de carácter selectivo, e no punto 7 sinala que os aspirantes preseleccionados que obteñan a cualificación de apto no dito curso serán nomeados e adscritos á función inspectora por un período de tres anos susceptibles de renovación por outros tres segundo establecen os artigos 27 e 28 do Decreto 135/1993.

Unha vez realizado polos concursantes preseleccionados o curso de carácter selectivo ó que se refire o artigo 2 da Orde do 14 de marzo de 1995 e trala avaliación levada a cabo pola comisión de selección correspondente, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Nomear e adscribir a postos de función inspectora educativa nos destinos que se sinalan os funcionarios que obtiveron a cualificación de «apto» no curso de especialización teórico-práctica e que se relacionan no anexo a esta orde.

Segundo.-O nomeamento e adscrición realízase por un período de tres anos renovables segundo o disposto nos artigos 28 e 29 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria da presente orde.

Terceiro.-Os funcionarios relacionados no anexo á presente orde cesarán nos seus destinos no prazo dos tres días hábiles seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O prazo de toma de posesión do novo destino obtido, que comezará a contarse desde o día seguinte ó do cesamento, será de tres días hábiles se o posto de traballo se atopa na mesma localidade, ou de un mes se radica en localidade distinta.

Disposición transitoria

De conformidade co disposto no artigo 32 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño, os funcionarios que resultando adscritos por esta orde cumpran no presente ano seis anos de exercicio continuado na función inspectora e desexan seguir por tempo indefinido no exercicio dela, farán a súa solicitude e presentarán a memoria a que fai referencia o apartado terceiro da Orde do 28 de febreiro de 1995 (DOG do 5 de abril), antes do 15 de agosto de 1995.

O exercicio da función inspectora será avaliado pola comisión prevista no apartado segundo da Orde do 28 de febreiro de 1995, pola que se establece o procedemento de adscrición indefinida á función inspectora de funcionarios docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria