Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 29 de xuño de 1995 Páx. 5.136

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio do sector de chocolates e caramelos.

Visto o expediente do convenio colectivo, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 8-5-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Fabricantes de Chocolates e Caramelos e, da parte social, comisións obreiras, o día 17-4-1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 11 de maio de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Texto do convenio colectivo para as empresas de chocolates e caramelos da provincia da Coruña.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo aplicarase a partir da data da súa entrada en vigor, ás empresas e traballadores dedicados á actividade de chocolates e caramelos, con centro de traballo na Coruña e a súa provincia.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e revisión.

A totalidade das cláusulas tanto económicas como sociais, pactadas no presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1993 ata o 31 de decembro de 1995.

As retribucións para o ano 1993 terán un incremento dun 4,90% sobre a táboa de 1992. Para 1994 dun 4,30% sobre a táboa de 1993 e para 1995 dun 3,50% sobre a táboa de 1994. Os acordos pactados no presente convenio terán efectos desde o mesmo día da súa publicación no BOP.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo INE rexistrase un incremento anual ó 31 de decembro de 1995 superior ó 3,5% efectuarase unha revisión salarial polo exceso da dita cifra.

Este convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes, que haberá de realizarse cunha antelación mínima de dous meses á finalización do período de vixencia de calquera das súas prórrogas.

Artigo 3º

En cumprimento do disposto no Estatuto dos traballadores establécese, segundo o seu artigo 85, unha comisión paritaria que estará formada por catro representantes sociais e catro representantes empresariais das asociacións patronais e centrais sindicais que interviñeron nas negociacións do presente convenio. A comisión negociadora será a mesma cá comisión paritaria e estará formada do seguinte xeito:

Pola parte económica: Luis Fernández Ruenes e Aurelio Fernández Ruenes.

Pola parte social: Rogelio Sancho Varela e José Huertas Pozurama.

Artigo 4º.-Respecto de dereitos, compensación e absorción.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas, en canto determinen maiores dereitos dos concedidos neste convenio respecto das materias da súa regulación. Sen prexuízo de que poidan estenderse a calquera situación as melloras establecidas neste convenio, nin a facultade de amplialas ás empresas que veñan aboando ó seu persoal salarios superiores ós regulamentarios esixidos, non estarán obrigadas, a aplica-las elevacións que polas presentes estipulacións se fixan, agás a contía necesaria para suplir diferencias.

Artigo 5º.-Asignacións económicas.

Fíxanse como mínimas as retribucións que figuran na táboa de salarios que se xunta.

Artigo 6º

Establécese un plus de transporte de carácter inabsorbible, na contía de 346 ptas. diarias. Este plus que percibirán os traballadores aboarase unicamente os días traballados e non terá repercusión en ningunha outra retribución.

Artigo 7º

Os traballadores afectados por este convenio percibirán en cada exercicio anual o nove por cento do salario base e maila antigüidade en concepto de beneficio, o seu importe non poderá ser inferior á mensualidade que sinala o artigo 46 da vixente ordenanza laboral para as industrias de alimentación. Esta paga de beneficios aboarase no mes de marzo.

Artigo 8º

As pagas extraordinarias de xullo e Nadal aboaranse a razón de trinta días de salario real que o traballador veña percibindo no mes da paga. As ditas pagas percibiranse os días 15 de xullo e 15 de decembro.

Artigo 9º

A) O complemento persoal de antigüidade percibirase conforme determina o artigo 41 da ordenanza laboral para as industrias de alimentación do 8-7-1975. Coa limitación máxima do 60 por cento.

B) Non obstante o disposto no artigo anterior ós traballadores dos que a porcentaxe, calculándolle os incrementos por antigüidade da forma seguinte:

O 60 por cento sobre as actuais táboas.

O exceso do citado 60 por cento calcularase sobre a táboa dos salarios base do convenio anterior do 29-1-1981.

Artigo 10º

As horas extraordinarias aboaranse cun recargo do 100 por cento. O cálculo efectuarase conforme o decreto de ordenación do salario.

Artigo 11º

No caso de que un traballo sexa cualificado como penoso, os traballadores percibirán un plus equivalente ó 40 por cento do salario base, antigüidade e demais complementos salariais.

Artigo 12º

Os traballadores que se encontren prestando o servicio militar e conten cunha antigüidade na empresa non inferior a dous anos, percibirán as gratificacións de xullo e Nadal integramente.

Artigo 13º

O complemento de traballo nocturno que establece o artigo 43 da ordenanza laboral, aboarase a razón do 40 por cento do salario base, antigüidade e demais complementos salariais.

Artigo 14º

Ó producirse a baixa na empresa por xubilación ou invalidez dun traballador con máis de quince anos ó servicio dela, recibirá daquela o importe íntegro dunha mensualidade, incrementada con tódolos emolumentos inherentes respectándose as superiores axudas que por este concepto se veñan concedendo polas empresas.

Artigo 15º.-Complemento por enfermidade ou accidente de traballo.

As empresas aboaranlles ós traballadores en caso de enfermidade ou accidente de traballo, unha indemnización complementaria a partir do primeiro día de baixa, ata alcanza-lo 100 por cento do salario real que o traballador percibiu no mes anterior da baixa. Así mesmo percibirán o 100% das pagas extras e beneficios.

Artigo 16º

Os traballadores que conten con fillos subnormais percibirán da empresa unha gratificación de 2.500 pesetas mensuais por cada fillo subnormal.

Artigo 17º.-Xubilación ós 64 anos.

De acordo coa normativa legal vixente en cada momento, os traballadores poderán optar por xubilarse ós 64 anos, a empresa procederá simultánea

mente á contratación dun traballador para cubri-la dita vacante. Así mesmo de existir acordo entre a empresa e o traballador a xubilación farase a partir dos 60 anos, cubrindo a empresa o 100% do salario ata os 65 anos.

Artigo 18º.-Vacacións, licencias, xornadas e outros descansos.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán anualmente de trinta días de vacacións.

Artigo 19º

Será día de descanso para o persoal asalariado a festividade de San Miguel. No caso de coincidir en día non laborable trasladarase ó seguinte día hábil.

Artigo 20º

As empresas comprendidas neste convenio concederán permisos retribuídos da forma seguinte:

A) As licencias por casamento terán unha duración de 15 días.

B) No caso de morte do cónxuxe, ascendentes, pais políticos, descendentes ou irmáns políticos, etc., terán unha duración de catro días, ampliable a un máximo de seis días, segundo as circunstancias apreciadas pola empresa.

C) Nos casos de enfermidade grave do cónxuxe, pais ou fillos e parto da esposa terá unha duración de catro días, ampliables tamén na forma e condicións detalladas no parágrafo anterior.

D) Polo falecemento dun tío, un día ampliable a dous cando se teña que realizar desprazamento.

E) Por traslado de domicilio, un día.

Artigo 21º

A xornada de traballo para as empresas e traballadores afectados polo presente convenio será de 40 horas semanais de luns a venres.

Para efectos de cómputo anual, a xornada será de 1.810 horas de traballo efectivo.

Artigo 22º.-Seguro de vida.

As empresas subscribirán unha póliza de seguros de vida por morte ou accidente de traballo ou invalidez total ou absoluta por un importe de 2.000.000 de ptas.

Artigo 23º.-Garantías sindicais.

Observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, acordo nacional de emprego, A.M.I. e A.E.S.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

O persoal que polo seu traballo o necesita, a empresa está obrigada a facilitarlle gratuitamente batas, fundas, panos, etc., a duración destes será de un ano.

Artigo 25º.-Nota supletoria.

Considéranse normas supletorias as de carácter xeral da ordenanza laboral para as industrias de alimentación do 8-7-1975, así como os regulamentos de réxime interior daquelas empresas que o teñan

en vigor, máis todo o que en materia laboral teña vixencia e non vaia en contra do pactado neste convenio colectivo. No caso de derrogación da dita ordenanza as normas que non recolla este convenio recolleranse nel.

Cláusulas adicionais

Primeira.-Cláusula de desenganche.

As porcentaxes de incremento salarial establecidas neste convenio, non serán de necesaria e obrigada aplicación para aquelas empresas que acrediten obxectiva e fidedignamente situacións de déficit ou perdas materiais nos exercicios contables de 1992, 1993 e 1994.

Nestes casos as empresas trasladarán ós sindicatos asinantes a documentación necesaria para o seu estudio, de existir acordo entre empresa e sindicatos negociarase o aumento do salario.

En caso de discrepancia sobre a valoración dos ditos datos as empresas entregarán informes de auditores.

Segunda.

Unha vez rematada a vixencia deste convenio, os traballadores afectados por el vincularanse ó convenio provincial de comercio de alimentación. Producida a dita vinculación, as sucesivas revisións salariais do convenio de comercio de alimentación aplicaranse sobre os salarios percibidos polos traballadores sen que opere ningunha absorción ou compensación.