Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 29 de xuño de 1995 Páx. 5.128

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 176/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril de servicios sociais no relativo á inspección e réxime sancionador.

No eido da asistencia social a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española,

En virtude desa competencia o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, na que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A devandita lei, no artigo 26.3º b), establece que é competencia da Administración autonómica o exercicio das potestades inspectora e sancionadora, de acordo co disposto no título sexto. Neste abórdase a definición e tipificación das infraccións, así como o establecemento dun réxime sancionador; séntase así a base legal sobre a que a Administración pública poderá levar a efecto unha eficaz e obxectiva acción inspectora sobre a globalidade do sistema.

Por outra banda, a disposición derradeira primeira da Lei 4/1993 mencionada autoriza a Xunta de Galicia a dictar cantas disposicións sexan necesarias para a súa execución e desenvolvemento.

Unha vez establecido o presuposto legal habilitante para o exercicio das potestades inspectora e sancionadora, cómpre o desenvolvemento da Lei 4/1993 a través dunha normativa que, máis polo miúdo, regule aspectos non concretados naquela.

En definitiva, a finalidade primordial desta regulación é artellar mecanismos eficaces para a salvagarda dos dereitos dos usuarios do sistema de servicios sociais da nosa Comunidáde Autónoma. Hoxe en día, falar de réxime inspector e sancionador comporta, así mesmo, a idea de calidade na prestación dos servicios.

É por isto polo que, a iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e por proposta da Consellería de Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto a regulación da inspección e do réxime sancionador en materia de servicios sociais, de conformidade co establecido no título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Artigo 2º

Este decreto seralles de aplicación a tódalas entidades prestadoras de servicios sociais, públicas ou privadas, que sexan titulares de centros ou desenvolvan programas no territorio da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias doutras administracións respecto dos centros, servicios e programas da súa titularidade.

Artigo 3º

A potestade inspectora e sancionadora en materiade servicios sociais correspóndelle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e máis á Consellería de Familia, Muller e Xuventude, dentro do ámbito das súas respectivas competencias.

Capítulo II

Da inspección

Artigo 4º

As consellerías competentes en materia de servicios sociais exercerán a función inspectora a través das unidades administrativas que se determinen na súa estructura orgánica.

Artigo 5º

A inspección en materia de servicios sociais, sen prexuízo das funcións que puideran corresponder á Inspección Xeral de Servicios, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e a outros órganos con competencias na materia, terá por obxecto:

1. O exercicio da potestade inspectora.

2. Velar polo respecto ós dereitos dos usuarios dos servicios sociais previstos no artigo 34 e seguin

tes da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

3. Facilitarlles asesoramento e información ós interesados sobre os seus dereitos e deberes e a forma de cumpri-las disposicións vixentes sobre a materia.

4. Verifica-lo cumprimento da normativa vixente sobre condicións funcionais e materiais dos centros, servicios e programas.

5. Controla-lo cumprimento dos niveis de calidade, propoñendo plans de mellora dos servicios sociais que se prestan na Comunidade Autónoma.

6. Supervisa-lo destino e a utilización dos fondos públicos concedidos por vía de subvención, concerto ou calquera outro medio.

Artigo 6º

1. A Inspección de Servicios Sociais exercerá as súas funcións conforme os seguintes procedementos:

a) Ordinario. Establecido nos plans e programas de inspección ou promovido por denuncias relativas ó funcionamento de centros, servicios, ou programas de servicios sociais.

b) Extraordinario. Ordenado polos titulares das unidades previstas no artigo 4º do presente decreto.

2. A Inspección de Servicios Sociais actuará de oficio, por denuncia ou por instancia da persoa interesada. Tódalas entidades, centros e servicios serán inspeccionados periodicamente.

3. A Inspección de Servicios Sociais acomodará a súa actuación, no exercicio das funcións que lle están atribuídas, ós principios de legalidade, economía, celeridade e eficacia.

4. Para o cumprimento das funcións que ten encomendadas, a inspección de servicios sociais actuará con total independencia da dirección do centro, servicio ou programa de servicios sociais inspeccionado.

5. Co fin de promove-la mellora da calidade na prestación dos servicios, a inspección de servicios sociais desempeñará ademais unha función asesora podendo presentarlles plans e proxectos de calidade ós responsables correspondentes.

Artigo 7º

1. A actuación da Inspección de Servicios Sociais desenvolverase principalmente mediante visitas ós centros e servicios. Para tal fin, poderá:

a) Efectuar toda clase de comprobacións materiais, de calidade e contables.

b) Acceder a tódolos establecementos comprendidos no ámbito da súa competencia.

c) Entrevistarse cos usuarios dos servicios sociais.

d) E en xeral, realizar tódalas actuacións necesarias para o cumprimento das súas funcións.

2. Así mesmo, poderá, sen necesidade de visita, requirir das entidades, centros e servicios a aportación dos datos necesarios, así como solicitárlle-la documentación precisa, informes ou dictames oportunos.

Artigo 8º

1. O persoal inspector terá a condición de axente da autoridade e actuará con plena independencia no exercicio das súas funcións. En todo caso, deberá estar provisto do correspondente documento acreditativo.

2. O persoal inspector para a realización do seu cometido poderá contar co apoio doutras unidades de inspección da Administración autonómica e poderá instar, cando o considere necesario a cooperación doutras administracións públicas, nos termos e condicións previstas na normativa vixente.

Artigo 9º

1. As entidades prestadoras de servicios sociais deberán aportar, a requirimento da inspección, toda a documentación relativa a calquera aspecto da súa actividade.

2. Os titulares das entidades, así como os seus representantes e empregados, están obrigados a permitirlle á inspección o acceso ás instalacións, a facilita-la información, documentos, libros e demais datos que lles sexan requiridos, así como a prestar toda a colaboración precisa para a comprobación do cumprimento da normativa vixente.

Artigo l0º

Considérase obstrucción ó labor inspector:

a) Negarlle a entrada ó inspector ou a súa permanencia no centro visitado.

b) Impedi-la entrada ou a súa permanencia en calquera lugar onde se desenvolva algunha das funcións das que a inspección ten encomendada a vixilancia, de acordo coa normativa vixente.

c) Ofrecer resistencia ó exame de documentos precisos para a súa actuación.

d) Ocultar datos e antecedentes.

e) Presentar intencionadamente denuncias ou declaracións falsas.

f) Calquera outra acción ou omisión que perturbe, atrase ou impida o exercicio da función inspectora.

Artigo 11º

1. Efectuadas as comprobacións oportunas, estenderase a correspondente acta de inspección, suxeita ó modelo oficial, na que se recollerán os datos relativos á entidade, centro ou servicio inspeccionado, así como, se é o caso, os feitos e circunstancias que puidesen ser relevantes sobre o funcionamento anómalo deles.

2. Os feitos recollidos nas correspondentes actas de inspección gozarán da presunción de certeza, agás que da valoración conxunta das probas achegadas resulte o contrario.

3. A acta será asinada polo titular da entidade, centro ou servicio e, no seu defecto, polo representante ou empregado. A súa sinatura acreditará o coñecemento da acta e do seu contido.

Se a persoa coa que se realizan as actuacións se negase a asina-la acta, a inspección farao constar nela, así como a mención de que lle entrega un exemplar duplicado. Se a dita persoa se negase a recibi-lo duplicado da acta, o inspector farao constar igualmente e, en tal caso, o correspondente exemplar seralle enviado ó interesado nos tres días seguintes, por algún dos medios previstos nas disposicións vixentes.

4. Da acta levantada entregaráselle copia ó inspeccionado, e, se é o caso, elevarase xunto cun informe proposta ó titular do órgano competente para a súa resolución.

Artigo 12º

1. O persoal inspector poderá propoñerlle ó órgano

competente a adopción de medidas cautelares se apreciase a existencia dunha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os usuarios, tales como suspensión do exercicio de actividades, peche de instalacións, intervención de medios materiais e cantas outras autorice a normativa vixente.

2. En todo caso, as medidas cautelares só se manterán o tempo que persista a situación que xustificou a súa adopción.

Artigo 13º

Se do resultado da inspección se deducise a simple inobservancia de esixencias ou requisitos facilmente reparables, das que non se deriven danos ou prexuízos inmediatos para os usuarios, a inspección poderá formularlle á dirección do centro ou servicio os requirimentos e advertencias que considere oportunos, co fin de lograr unha maior adecuación das súas actuacións ó disposto na normativa vixente.

Capítulo III

Do réxime sancionador

Artigo 14º

Constitúen infraccións administrativas en materia de servicios sociais as accións ou omisións das persoas responsables que sexan contrarias ás obrigas establecidas na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, sempre que se poidan subsumir nalgún dos supostos tipificados nos aitigos 61, 62 e 63 dela.

Artigo 15º

1. As infraccións en materia de servicios sociais darán lugar ás sancións administrativas correspondentes, logo de instrucción do oportuno expediente, e sen prexuízo das responsabilidades civís, laborais e doutra índole que puideran concorrer.

2. De terse coñecemento de feitos que puidesen constituír conductas tipificadas no Código Penal, a Administración comunicarallo ó Ministerio Fiscal ou ós órganos xudiciais competentes e absterase de segui-lo procedemento sancionador mentres non se dicte sentencia ou resolución firme.

3. A Administración suspenderá o procedemento sancionador cando teña coñecemento da tramitación dun proceso xudicial fundado nos mesmos feitos.

4. As medidas administrativas que se adopten para garanti-la saúde ou a seguridade das persoas só se manterán ata que a autoridade xudicial se pronuncie sobre estas.

Artigo 16º

As infraccións administrativas en materia de servicios sociais cualificaranse como leves, graves e moi graves, de acordo co disposto no capítulo II do título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Artigo 17º

De conformidade co disposto no artigo 61 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, terán a consideración de infraccións leves:

1. As meras irregularidades de carácter formal no cumprimento da normativa vixente en materia de servicios sociais.

2. A falta de hixiene ou limpeza que non comporte risco para a saúde dos usuarios.

3. As cometidas por neglixencia simple, sempre que delas non se deriven prexuízos para os beneficiarios ou non impidan ou dificulten o logro dos obxectivos do servicio ou centro.

4. Calquera outra que vulnere o disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, ou nas normas que a desenvolvan, e non constitúa infracción grave ou moi grave.

Artigo l8º

De conformidade co disposto no artigo 62 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, terán a consideración de infraccións graves:

1. O incumprimento do deber de sixilo e confidencialidade en relación coa información obtida no exercicio das súas funcións.

2. Desatende-las necesidades básicas de atención sanitaria, así como as de hixiene e limpeza que comporten risco ou prexuízo para os usuarios.

3. Non presta-lo tratamento técnico propio da finalidade específica do centro ou servicio, segundo as normas de homologación e acreditación de centros.

4. Non comunicarlle inmediatamente á autoridade xudicial ou administrativa competente o ingreso e a saída dos centros de servicios sociais nos casos en que legalmente proceda.

5. Inicia-las actividades nos centros ou na prestación dos servicios, así como a modificación substancial deles, sen a debida autorización administrativa.

6. O incumprimento da normativa vixente en materia de seguridade das instalacións nos centros.

7. Destina-las axudas e subvencións concedidas con cargo a fondos públicos para fins distintos a aqueles para os que se outorgaron.

8. Realizar actividades lucrativas en centros ou servicios definidos sen ánimo de lucro.

9. Impedir, obstaculizar ou dificultar en calquera forma a actividade inspectora da Administración,

así como non presta-la colaboración necesaria no exercicio dela.

10. Calquera actuación dirixida a diminuír ou anula-los dereitos dos traballadores baixo a aparencia de voluntariado social.

11. O incumprimento ou falseamento das obrigas relativas ós libros de contabilidade, altas, baixas e comunicación de prezos.

12. A reincidencia na comisión de faltas leves.

Artigo 19º

De conformidade co disposto no artigo 63 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, terán a consideración de infraccións moi graves:

1. Dispensar tratos discriminatorias, degradantes ou incompatibles coa dignidade dos usuarios, así como a restricción inxustificada no exercicio das súas liberdades e dereitos.

2. Vulnera-lo dereito á intimidade dos usuarios.

3. A prestación de servicios ou actividades sociais tratando de ocultar ou enmascara-la súa verdadeira natureza co obxecto de eludi-la aplicación da lexislación vixente na materia.

4. A reincidencia na comisión de faltas graves.

Artigo 20º

Entenderase por reincidencia a comisión no período de un ano de máis de unha infracción da mesma natureza cando así se declare por resolución firme.

Artigo 21º

Cualificadas as infraccións como leves, graves ou moi graves impoñeranse nos graos mínimo, medio ou, máximo, atendendo ó risco xerado ó usuario, á gravidade do prexuízo causado, á transcendencia social dos feitos, á intencionalidade e á contía do beneficio obtido.

Artigo 22º

1. As infraccións sancionaranse da forma seguinte:

a) Infraccións leves:

-Apercibimento ou advertencia.

-Multa de ata 250.000 ptas. nos seguintes graos:

* Mínimo: ata 100.000 ptas.

* Medio: de 100.001 ata 175.000 ptas.

* Máximo: de 175.001 ata.250.000 ptas.

b) Infraccións graves:

-Multa de 250.001 ata. 1.000.000 de ptas. nos seguintes graos:

* Mínimo: de 250.001 ata 500.000 ptas.

* Medio: de 500.001 ata 750.000 ptas.

* Máximo: de 750.001 ata 1.000.000 de ptas.

c) Infraccións moi graves:

-Multa de 1.000.001 ata 2.500.000 ptas. nos seguintes graos:

* Mínimo: de 1.000.001 ata 1.500.000 ptas.

* Medio: de 1.500.001 ata 2.000.000 de ptas.

* Máximo: de 2.000.001 ata 2.500.000 ptas.

2. En calquera caso as sancións graves e moi graves poderán levar aparelladas como accesorias as seguintes:

a) Peche temporal:

-Total ou parcial, ata un ano, as graves.

-Total ou parcial, ata dous anos ou definitivo, as máis graves.

b) Prohibición do financiamento público por tempo indefinido.

c) Inhabilitación para o desenvolvemento de funcións e actividades similares ou para o exercicio de cargos de carácter análogo ata un prazo máximo de cinco anos.

Artigo 23º

1. As infraccións cometidas e as sancións impostas ás que se refire o presente decreto prescribirán o cabo de un, tres ou cinco anos, desde a data da súa comisión ou desde que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, segundo se cualificaran como leves, graves ou moi graves.

2. A prescrición interromperase desde o momento no que se inicie o procedemento sancionador contra o presunto infractor.

Artigo 24º

O procedemento sancionador axustarase, con carácter xeral, ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

Artigo 25º

1. Os procedementos sancionadores iniciaranse sempre de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que puidera ser constitutivo de infracción.

2. Poderase realizar, con anterioridade ó inicio do procedemento, as actuacións previas pertinentes, co obxecto de verificar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. Estas actuacións orientaranse a cualificar coa maior precisión posible os feitos susceptibles de motiva-la incoación do expediente, a identificación da persoa ou persoas responsables e as circunstancias relevantes que concorran.

Artigo 26º

1. Correspóndelles a incoación dos expedientes sancionadores ós titulares das direccións xerais competentes en materia de servicios sociais.

2. No caso de apreciarse unha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os usuarios poderán adopta-las medidas cautelares oportunas durante o tempo que persista a situación que as xustificou.

Artigo 27º

1. A imposición de sancións por comisión de faltas leves correspóndelles ós delegados provinciais das consellerías competentes en materia de servicios sociais.

2. A imposición de sancións por comisión de faltas graves correspóndelles ós titulares das direccións xerais competentes en materia de servicios sociais.

3. A competencia para a imposición de sancións por faltas moi graves correspóndelles ós titulares das consellerías competentes en materia de servicios sociais.

4. Malia o disposto nos puntos anteriores, cando as sancións leven aparellado o peche a que se refire o artigo 65.2º a) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, así como a inhabilitación para o desenvolvemento de funcións e actividades similares ou para o exercicio de cargos de carácter análogo, será competente o Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 28º

Contra as resolucións recaídas nos procedementos sancionadores que non poñan fin á vía administrativa os interesados poderán interpoñer recurso ordinario, no prazo de un mes, perante o órgano superior xerárquico do que dictou a resolución. Esgotada a vía administrativa, poderase exercitar ante a vía xurisdiccional as accións que legalmente procedan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e o conselleiro de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, dentro do ámbito das súas competencias.

Segunda.-A presente norma entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública