Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 28 de xuño de 1995 Páx. 5.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de maio de 1995 pola que se amplía para o curso 1995-1996 o ámbito de aplicación do programa de integración do alumnado con necesidades educativas especiais en centros ordinarios de ensino secundario na Comunidade Autónoma de Galicia.

Atendendo ó disposto no artigo 36.3º da Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, que establece que a atención ó alumnado con necesidades educativas especiais se rexerá polos principios de normalización e integración escolar, e coa finalidade de proseguir e amplia-la liña de actuación iniciada pola Orde do 13 de abril de 1989, vistos os progresos académicos acadados por estes alumnos despois da súa integración nos centros ordinarios educativos, esta consellería, en aplicación das competencias establecidas -en harmonía co artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia- no artigo 1 do Decreto 317/1990, do 31 de maio,

DISPÓN:

Primeiro.-Os centros ordinarios de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos, poderán pedir autorización para poñer en marcha proxectos de integración educativa do alumnado con minusvalidez física, psíquica ou sensorial.

Segundo.-Os centros, tanto públicos coma concertados, interesados en realizaren a integración educativa a partir do curso 1995-1996 dirixirán a súa solicitude ó director xeral de Ordenación Educativa e Centros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do quince de outubro de 1995, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañada da seguinte documentación:

a) Informe sobre as características do centro, con especial referencia á situación, sector de poboación atendida, número de profesores e a súa situación administrativa, instalacións e equipamento didáctico, e relación nominal do profesorado que vai impartir docencia ós alumnos integrados, indicando as súas circunstancias profesionais.

b) Plan de integración educativa, que deberá recolle-la escolarización no curso 1995-1996 do alumnado que pola súa diminución física, psíquica ou sensorial, sexa susceptible de desenvolve-los procesos educativos no seo da aula ordinaria, indicando as características dos alumnos que se pretenden integrar, xunto cun informe do equipo psicopedagóxico de apoio que avale a necesidade dunha educación especial dada a súa diminución ou inadaptación.

c) Actas do claustro e do consello escolar nas que se indiquen numericamente os membros que manifestan a súa conformidade coa participación no programa de integración e, se é o caso, os que se opoñen, coa explicación de motivos.

Terceiro.-Os centros seleccionados quedan comprometidos a:

a) Integrar nunha mesma aula os alumnos e alumnas, nun número máximo de seis, que teñan igual ou similar minusvalidez ou, en todo caso, aqueles que non precisen apoios e atencións educativas radicalmente diferentes.

b) Nomear un profesor ou profesora para coordina-lo proxecto de integración educativa, que será o axente catalizador entre os profesores que imparten docencia, os alumnos integrados e o resto do claustro.

c) Continua-lo programa, garantíndolles ás alumnas e ós alumnos admitidos a súa permanencia no centro nos cursos vindeiros, así como asegurar, en anos sucesivos, a reiniciación da integración de novo alumnado con necesidades educativas especiais similares ás existentes.

d) Presentar unha memoria na que se valore o programa de integración e os seus resultados, e que será remitida á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, ó remate de cada curso escolar.

Cuarto.-As aulas ordinarias que acollan o alumnado de integración non superarán en ningún caso os 25 alumnos.

Quinto.-Os alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais poderanse matricular nos centros seleccionados para realiza-la experiencia sempre que, ademais de reuniren os requisitos académicos esixidos, conten co preceptivo informe do correspondente equipo psicopedagóxico de apoio, no que se determine que é de prever unha evolución escolar positiva no seo da aula ordinaria, especificando os apoios necesarios en cada caso.

Sexto.-Os alumno e alumnas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial que desexen cursar estudios na especialidade de formación profesional, poderán cursa-las áreas formativa común e ciencias aplicadas nun centro de formación profesional que se acolla con carácter experimental á integración, e a área tecnolóxico-práctica noutro centro que imparta a especialidade citada no devandito informe.

Sétimo.-No suposto previsto no apartado anterior formalizarase un único expediente académico do alumno ou alumna no centro en que cursen as áreas formativa común e ciencias aplicadas e, para efectos de avaliación, os profesores que impartan a área tecnolóxico-práctica incorporaranse ó equipo de avaliación do centro no que está matriculado o alumno ou alumna.

Os profesores e profesoras da área tecnolóxico-práctica, formativa común, ciencias aplicadas, o profesor de apoio, se o houber, e o coordinador do proxecto de integración manterán a comunicación necesaria para favorece-lo proceso educativo dos alumnos.

Oitavo.-De conformidade co previsto no artigo 8 do Real decreto 334/1985, do 6 de marzo, de ordenación da educación especial, a duración da formación profesional para os alumnos integrados será

a establecida con carácter xeral para a formación profesional do primeiro grao. Non obstante, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros poderá, excepcionalmente, prorrogar un ano máis, cando existan causas que o xustifiquen e os servicios técnicos competentes estimen que con esta ampliación poderán supera-la formación profesional ou completar adecuadamente unha aprendizaxe que lles permita desempeñar unha tarefa de tipo laboral.

Noveno.-Ó profesorado de centros públicos seleccionados que figure na relación nominal esixida no apartado a) do punto 2 aseguraráselle unha estabilidade de, polo menos, tres anos no mesmo, co fin de posibilita-la realización do programa de integración que lle fose autorizado.

Décimo.-Os centros públicos seleccionados terán preferencia nas actuacións da Administración educativa (seminarios, proxectos innovadores, dotación de mobiliario e material didáctico específico...).

Décimo primeiro.-Cada centro público de ensino secundario seleccionado poderá ser dotado dun profesor de apoio -sempre que a comisión que figura no punto 16, unha vez valorada a documentación presentada, o estime oportuno-, que será, preferentemente, de ensino secundario e especialista en Audición e Linguaxe ou en Pedagoxía Terapéutica ou licenciado en Psicoloxía ou en Pedagoxía. Este profesor desenvolverá as actividades de reforzo pedagóxico previstas no programa individual de cada alumno, e poderá se-lo coordinador do proxecto.

Décimo segundo.-Os centros públicos seleccionados recibirán unha cantidade complementaria para custea-los gastos derivados do funcionamento do programa, con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.03.322B.229 e 07.04.322P.480.00. De acordo coas dispoñibilidades económicas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria transferirálle-las axudas ós centros como complemento dos gastos de funcionamento a través das delegacións provinciais correspondentes. Os proxectos seleccionados serán autorizados de acordo coas normas contidas na presente orde.

Décimo terceiro.-Os centros de procedencia do alumnado con minusvalidez e os centros nos que se integrasen levarán a cabo a coordinación necesaria para acada-los obxectivos propostos.

Décimo cuarto.-O profesorado dos centros seleccionados que vaia impartir docencia ós alumnos integrados comprometerase a participar nun curso ou seminario de formación, organizado ó comezo de curso pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Décimo quinto.-Os proxectos de integración dos alumnos con necesidades educativas especiais deberán preve-las adaptacións do sistema educativo que lle posibiliten ó alumno o seu proceso de aprendizaxe, acomodando ás súas peculiaridades o contido, a metodoloxía, o material didáctico e a avaliación.

Estas adaptacións non suporán mingua, a nivel básico, dos coñecementos esixidos para as ensinanzas dese nivel educativo.

Décimo sexto.-Para a selección dos centros constituirase unha comisión da que formarán parte:

-A subdirectora xeral de Ordenación Educativa.

-O subdirector xeral da Inspección Central.

-A xefa de servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un membro da área de educación especial do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros que actuará como secretario.

Décimo sétimo.-Para a selección de proxectos teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios:

a) Centros situados nas zonas con menos oferta educativa para o alumnado con necesidades educativas especiais.

b) Maior número de alumnos con minusvalidez física, psíquica ou sensorial.

c) Claustro composto na súa maioría por profesorado con destino definitivo no centro.

d) Grao de aceptación e apoio por parte do claustro e do consello escolar do centro.

e) Centros que imparten o segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria.

Décimo oitavo.-A proposta de autorización realizada pola comisión de selección será resolta pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Contra esta resolución poderase recorrer na forma, prazo e motivos establecidos nos artigos 114 a 117 da Lei 30/1992.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recibiren contestación expresa nos tres meses seguintes á data na que remata o prazo de presentación delas.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros