Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 27 de xuño de 1995 Páx. 5.027

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de maio de 1995 pola que se regula o establecemento de convenios de colaboración en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de asistencia social. Na súa virtude dictouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, correspondéndolle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o desenvolvemento das actuacións nela previstas.

Deste xeito, tendo en conta por unha parte a carencia de prazas residenciais públicas e por outra os recursos e servicios que as denominadas entidades prestadoras de servicios sociais desenvolven no eido da terceira idade, considérase conveniente a realización de convenios coas ditas entidades en materia de reserva e ocupación de prazas en centros asistenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade.

Por todo isto, de acordo coas facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto a regulación do réxime dos convenios a subscribir pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade.

2. Poderán ser obxecto destes convenios tanto as prazas de centros residenciais nos que se preste unha atención integral, como as daquelas vivendas tuteladas nas que se lles dea aloxamento nun réxime de vida cuasi familiar ás persoas da terceira idade.

No caso de centros residenciais terán carácter prioritario os convenios dirixidos a cubrir prazas destinadas á atención integral das persoas con graves afectacións físicas, psíquicas ou sensoriais que lles impidan realiza-los actos elementais da vida diaria e necesiten axuda dunha terceira persoa.

Artigo 2º.-Características dos centros e vivendas.

1. Os centros e vivendas para os que se realice convenio de reserva e ocupación de prazas deberán estar situados na Comunidade Autónoma galega, preferentemente en núcleos urbanos, e as entidades titulares deles, se é o caso, deberán estar inscritas no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais.

2. As persoas ou entidades coas que se subscriban convenios deberán ser propietarias dos locais onde se atope situado o centro ou vivenda, ou titulares dun dereito real de uso e desfrute sobre eles, que en calquera caso non poderá ser inferior a quince anos contados a partir da data en que se subscriba o convenio.

Cando o titular do centro ou vivenda non sexa propietario do local deberá acreditar que conta coa autorización do propietario para destinalo ó fin do convenio.

Artigo 3º.-Servicios que se prestarán.

1. Os centros residenciais deberán estar dotados dos servicios de aloxamento, manutención e enfermería, así como de habitacións, limpeza, lavandería e de calquera outro servicio que se considere necesario para a debida atención ós beneficiarios.

2. Nas vivendas tuteladas, ademais do aloxamento, manutención, limpeza xeral, lavandería e calquera outro servicio necesario, se é o caso, manterase un estilo de vida similar ó dun ambiente cuasi-familiar, atendendo sempre ós principios de normalización e fomento da autonomía.

3. A persoa ou entidade convida manterá durante toda a vixencia do convenio o cadro de persoal mínimo ó que se comprometa naquel.

A proporción entre o persoal e os beneficiarios atendidos determinarase considerando o número total das prazas con que conte o centro ou vivenda tutelada.

A diminución do cadro de persoal sen previo consentimento da Dirección Xeral de Servicios Sociais será causa suficiente para a resolución do convenio e a esixencia de indemnización dos danos e perdas que se poidan causar.

4. As resolucións nas que se fixen os prezos das prazas poderán determinar en todo caso o persoal mínimo sanitario e de coidado ou atención persoal do que deberán dispoñe-los centros ou vivendas.

5. Os titulares dos convenios comprométense a que o réxime de vida dos beneficiarios se estableza conforme a criterios de plena liberdade, sen máis limitacións cás debidas ás esixencias de natureza hixiénico-sanitarias e de respecto á boa convivencia e de adecuado funcionamento dos servicios e sen que en ningún caso poida existir discriminación de ningún tipo entre os beneficiarios ingresados por conta da Xunta de Galicia e os demais residentes.

Artigo 4º.-Características das prazas.

1. As prazas que sexan obxecto de ocupación ou reserva por mor do convenio deberán atoparse á disposición da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais na data da súa celebración ou na que nel se determine.

2. Considerarase praza ocupada a asignada a un beneficiario desde o momento en que se produce o seu ingreso no centro/vivenda salvo que se atope nalgunha das situacións ás que se refiere o parágrafo seguinte.

3. Considerarase praza reservada aquela que, asignada a un beneficiario, non se atope ocupada por el en virtude de períodos de permisos, vacacións, internamento en establecementos hospitalarios ou no período que de acordo co artigo 5 se establece para a súa incorporación, así como se se atopa o beneficiario nalgunha das situacións nas que a normativa aplicable ós beneficiarios de centros da Xunta, de Galicia estableza o dereito a reserva de praza.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

1. Os beneficiarios das prazas convidas serán designados pola Dirección Xeral de Servicios Sociais e deberán reuni-los requisitos esixidos pola normativa vixente en materia de ingresos, traslados e permutas en centros da Xunta de Galicia para a terceira idade.

2. A Dirección Xeral de Servicios Sociais remitiralles periodicamente ós titulares dos centros ou vivendas unha lista de reserva de prazas nas que se incluirán por orde de prelación os beneficiarios que deben ser chamados por eles a ocupar praza cando se produza unha vacante.

3. O prazo máximo de incorporación dos beneficiarios, salvo causa razoable, será de quince días naturais contados a partir da data de notificación.

O período de adaptación e observación será o establecido para os beneficiarios dos centros propios da Xunta de Galicia.

4. As incidencias que se produzan respecto da incorporación dos beneficiarios, así como as altas e baixas, deberán ser notificadas á Dirección Xeral de Servicios Sociais dentro dos tres días seguintes a que se produzan.

Artigo 6º.-Custo das prazas.

1. A Dirección Xeral de Servicios Sociais establecerá anualmente mediante resolución o custo máximo de praza/día ocupada.

O custo da praza reservada será do 30 por 100 do custo establecido para as prazas ocupadas.

2. A determinación do prezo praza/día nos convenios que se celebren será establecida pola Dirección Xeral de Servicios Sociais atendendo ós criterios seguintes: situación do inmoble, equipamento do mesmo, persoal do que dispoña, tipoloxía dos servicios en orde á calidade da atención prestada, así como a relación custo/praza.

Artigo 7º.-Financiamento das prazas.

1. Os beneficiarios atendidos nas prazas convidas participarán no financiamento do custo das prazas mediante a entrega á entidade convida do setenta e cinco por cento (75%), no caso de residencias e do sesenta por cento (60%), no caso de vivendas tuteladas, dos seus ingresos totais mensuais percibidos, quedando excluídos desta minoración as gratificacións extraordinarias, sen que a dita aportación supere en ningún coso proporcionalmente a cantidade fixada como custo da praza/día.

2. A liquidación de estancias á que se refire o apartado anterior realizarase mensualmente remitindo os titulares dos centros ou vivendas á delegación provincial correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro dos dez días naturais seguintes ó mes ó que corresponda a liquidación, certificación das cantidades percibidas dos beneficiarios, na que se expresen os conceptos nos que se liquidaron e os días que correspondan a cada un dos conceptos.

3. A delegación correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo de xustificación

das cantidades pagadas polos beneficiarios de acordo co apartado anterior, procederá ó aboamento da diferencia que resulte entre a cantidade aboada por estes e a cantidade establecida en concepto de custo da praza ocupada ou reservada.

4. Os titulares do centro ou vivenda non poderán cobrar dos beneficiarios ningunha cantidade supletoria da establecida pola liquidación das estancias ou por calquera outra prestación que deba ser atendida en virtude do establecido nos respectivos convenios.

Artigo 8º.-Celebración dos convenios.

1. A celebración dos convenios realizarase logo de tramitado o correspondente expediente administrativo, que se iniciará de oficio ou en virtude de solicitude, na que deberán resultar acreditados os seguintes extremos:

a) Previa inscrición no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais, se é o caso.

b) Os fins do centro ou vivenda, as súas fontes de financiamento, así como os da entidade titular, se é o caso.

c) Copia dos estatutos sociais, cando os titulares sexan persoas xurídicas.

d) Documento que acredite a representación das persoas intervenientes.

e) Título de propiedade do edificio ou calquera outro que acredite o dereito ó uso e desfrute del, así como a autorización do propietario, cando non sexa o solicitante, para destinalo ó fin solicitado.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Organigrama e cadro de persoal con que conta o centro/vivenda, especificando nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social e categoría profesional, así como compromiso de mante-los postos de traballo do persoal que, se é o caso, se estableza como mínimo.

h) Certificación de atoparse ó corrente no pagamento das obrigacións tributarias.

i) Certificación da Tesourería Territorial da Seguridade Social acreditativa de que se atopa ó corrente de cotizacións á Seguridade Social ou de ter obtido, se é o caso, moratoria de pagamento.

j) Planos do centro/vivenda con especificación das diferentes zonas das que consta.

k) Calquera outra que, a xuízo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, se considere necesaria para a correcta resolución do expediente.

2. O prazo para presentar solicitudes por parte das persoas ou entidades interesadas na subscrición dos convenios ós que se refire a presente orde será fixado anualmente pola Dirección Xeral de Servicios Sociais e estas realizaranse de acordo co modelo que se achega como anexo I. A dita solicitude irá acompañada da documentación acreditativa dos extremos sinalados no apartado anterior.

3. En todo caso será requisito necesario para a formalización do convenio o informe dos servicios técnicos da Consellería de Sanidade e Servicios

Sociais características do edificio, instalacións e equipamento, relación entre a oferta e a demanda das prazas na zona na que se atope o centro, os servicios cos que conta e prezo da praza ofertada.

4. Instruído o correspondente expediente a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais formalizará o convenio dentro dos límites orzamentarios do exercicio do que se trate.

Artigo 9º.-Duración dos convenios.

1. Os convenios terán vixencia desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro do mesmo ano, prorrogándose tacitamente por anos naturais salvo denuncia expresa de calquera das partes realizada con catro meses de antelación ó seu vencemento inicial ou ó de calquera das súas prórrogas.

A prórroga tácita que se establece quedará, en todo caso, supeditada ós seguintes requisitos:

-Existencia de crédito orzamentario suficiente para o exercicio de que se trate.

-Fiscalización pola intervención do correspondente expediente de gasto.

2. De producirse a prróroga sinalada o custo de praza/día establecido nos convenios en vigor actualizarase automaticamente a partir do día primeiro de cada ano conforme o aumento ou diminución do índice de prezos ó consumo de Galicia do ano anterior, todo isto sen prexuízo de que se poida por ámbalas partes acordar outros prezos, que en ningún caso superarán os fixados pola Xunta de Galicia, para as prazas nos seus propios centros.

Artigo 10º.-Inspección e control.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá inspeccionar en calquera momento o centro ou vivenda convidos para comprobar que, tanto o relativo ás súas instalacións como ó seu funcionamento, liquidación de estancias, réxime de vida e, en xeral, tódolos extremos que poidan repercutir sobre os ingresados pola súa conta, se axustan ó establecido no correspondente convenio.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os convenios en vigor continuarán rexéndose pola súa normativa específica. Non obstante, as persoas ou entidades coas que a Xunta de Galicia mantén en vigor deberán acollerse para 1996 á normativa que na presente orde se establece logo de solicitude de renovación do vixente convenio que deberá formularse no presente ano 1995. Neste suposto quedarán exceptuadas da presentación da documentación a que se refiere o artigo 9º da presente orde, agás a sinalada coas letras d), g) k), e i).

Segunda.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aboaralles ós titulares dos convenios ós que se refire a disposición transitoria anterior, a partir da súa renovación, a cantidade convida en concepto de custo de praza/día, actualizada conforme a variación do índice de prezos ó consumo de Galicia do ano anterior, e sen que en ningún caso supere o custo máximo de praza/día establecido pola consellería.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para a interpretación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais