Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 27 de xuño de 1995 Páx. 5.023

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xuño de 1995 pola que se regula a admisión de alumnos nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, establece os criterios básicos para a admisión de alumnos nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro e o Real decreto 676/1993, do 7 de maio establecen as características da formación profesional específica, organizada en ciclos formativos de grao medio e superior.

O Real decreto 1763/1982 regula o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Educación.

O Decreto 87/1995 polo que se regula a admisión de alumnos en centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, primaria e secundaria, establece na súa disposición adicional cuarta que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as normas específicas para regula-lo acceso ós ciclos formativos de grao superior. Ná súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.

A presente orde será de aplicación ós procesos de admisión de alumnos que desexen cursa-las ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior, en réxime presencial, en centros sostidos con fondos públicos do ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.

1. Terán acceso directo ós ciclos formativos de grao superior os alumnos que cumpran os requisitos académicos establecidos na normativa vixente.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará o número de prazas que se reservan para aqueles aspirantes que acrediten ter superada a proba de acceso definida no artigo, 32.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

En caso de non ser cubertas estas prazas, acumularanse ás do apartado anterior. Así mesmo, esta porcentaxe poderá ser ampliada cando non se cubran tódalas prazas reservadas ós alumnos que cumpren os requisitos de acceso directo.

Terceiro.

1. As solicitudes formularanse en cada curso académico utilizando o modelo oficial que figura como anexo á presente orde, e acompañadas da documen

tación acreditativa de tódolos requisitos académicos e xustificantes dos criterios de baremación establecidos.

2. A presentación de solicitudes realizarase, en período ordinario, do 17 de xuño ó 2 de xullo e, en período extraordinario, do 1 ó 14 de setembro.

Cuarto.

1. Cada solicitante presentará unha única instancia que entregará no centro que solicite en primeiro lugar e na que constarán, por orde de preferencia, os centros nos que desexa ser admitido para cursar estas ensinanzas.

2. No caso de que o solicitante presente máis dunha instancia, non se terá en conta ningunha delas e procederase á súa escolarización ó final do proceso, se houbese praza.

De igual forma procederase respecto das instancias que se presenten fóra de prazo, salvo causa debidamente xustificada.

Quinto.

1. Dentro das porcentaxes a que se alude no apartado segundo desta orde, as solicitudes de alumnos con dereito a acceso directo a un determinado ciclo serán ordenadas baseándose en criterios de prioridade establecidos na disposición transitoria primeira.

2. Unha vez tidos en conta os criterios anteriores, se o número de demandantes é superior ó de prazas dispoñibles, estas adxudicaranse ás solicitudes que obteñan maior puntuación no cómputo que resulte de aplica-lo baremo que se especifica no artigo sexto desta orde.

3. Do mesmo xeito se procederá cando o número de aspirantes que superen a proba de acceso a un determinado ciclo sexa superior o número de prazas establecidas para eles.

Sexto.-O baremo para establece-la clasificación de solicitantes a que se alude no artigo anterior basearase nos seguintes criterios:

A. Proximidade do domicilio. Aplicarase o seguinte baremo:

a) Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro solicitado: 5 puntos.

b) Alumnos con domicilio noutras zonas de Galicia: 2 puntos.

c) Restantes alumnos: 0 puntos.

Este apartado xustificarase mediante a aportación do certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello.

Poderase considerar, alternativamente, como domicilio do solicitante o do seu lugar de traballo. Neste caso, a proximidade domiciliaria acreditarse mediante a aportación dunha fotocopia compulsada do contrato laboral ou dun certificado expedido pola Seguridade Social; no caso de que se desenvolva a actividade por conta propia, a proximidade domiciliaria acreditarase mediante a aportación dunha

fotocopia compulsada da licencia ou documento análogo no que conste o domicilio en que se desenvolva a actividade.

As zonas de influencia dos distintos centros serán determinadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria seguindo os criterios que se especifican no artigo sétimo desta orde.

2. Renda anual da unidade familiar. O baremo será o seguinte:

a) Rendas iguais ou inferiores ó dobre do salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

b) Rendas superiores ó dobre do salario mínimo interprofesional que non superen o cuádruplo seu: 1 punto.

c) Rendas superiores ó cuádruplo do salario mínimo interprofesional: 0 puntos.

A renda anual da unidade familiar acreditarase mediante a aportación dunha fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ó exercicio fiscal do ano anterior, coa folla de liquidación selada por algunha das oficinas habilitadas pola Administración tributaria para a súa recepción.

Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada, presentarase fotocopia compulsada de ambas.

No caso de que se opte por non presenta-la documentación fiscal mencionada, outorgaranse cero puntos, salvo que se acredite mediante certificación expedida pola Administración tributatia que a unidade familiar á que pertence o solicitante non percibe as rendas anuais mínimas que o obrigan a presenta-la aludida declaración.

3. Existencia de irmáns matriculados no centro. O baremo será o seguinte:

a) Por cada irmán matriculado no centro: 1 punto.

Este apartado xustificarase mediante a aportación do correspondente resgardo de matrícula.

Para os efectos deste apartado, só se entenderá que o solicitante ten irmáns matriculados no centro cando estes vaian continuar asistindo ó mesmo no curso escolar para o que á solicita a admisión.

4. Outros criterios. Baremaranse os seguintes aspectos:

a) Pola condición de familia numerosa: 1 punto.

b) Pola condición de minusválido: 1 punto.

O epígrafe a) deste apartado xustificarase mediante a fotocopia compulsada do documento acreditativo. O epígrafe b) xustificarase mediante un certificado do INSERSO ou organismo público da Comunidade Autónoma con atribucións similares, no que se concreten as características e alcance da minusvalidez.

5. Criterios para resolve-los casos de empate.

Cando se produza un empate na puntuación outorgada ós solicitantes, como consecuencia da aplicación dos criterios anteriores, resolverase do seguinte xeito:

a) No caso de alumnos de acceso directo, polo mellor expediente académico nos estudios desde os que se solicita o acceso ó ciclo. No caso de que persista o empate, resolverase mediante sorteo público perante o consello escolar do centro.

b) No caso de alumnos da proba de acceso, mediante sorteo público perante o consello escolar do centro.

Sétimo.

As zonas de influencia dos distintos centros sostidos con fondos públicos serán establecidas do seguinte xeito:

1. No caso de ciclos formativos que non se impartan en tódalas provincias, as zonas de influencia serán establecidas pola Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

2. No caso de ciclos formativos que se impartan en tódalas provincias, as zonas de influencia serán establecidas polas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.

1. Os órganos competentes dos centros para resolver sobre a admisión de alumnos son os previstos no artigo 17 do Decreto 87/1995.

2. No caso de que o alumno non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, o director remitirá a súa solicitude, xunto coa correspondente documentación, á delegación provincial, que procederá a resolver sobre a escolarización do alumno de acordo co previsto nesta orde.

Noveno.

1. Cando o estimen necesario, os delegados provinciais poderán constituír comisións de escolarización de formación profesional específica de grao superior.

2. Neste caso, as funcións da comisión de escolarización serán, na correspondente zona de actuación: informar das prazas existentes para este tipo de ensinanzas nos centros sostidos con fondos públicos, resolver sobre as solicitudes non atendidas polos centros solicitados en primeiro lugar e informa-las reclamacións presentadas.

3. As comisións de escolarización estarán compostas por:

a) Un membro da inspección educativa, designado polo delegado provincial, que será o presidente.

b) Tres directores de centros, designados polo delegado provincial, do ámbito territorial da comisión, que ofrezan este tipo de ensinanzas.

c) Un representante dos pais de alumnos, designado polas federacións das asociacións de pais.

Actuará como secretario da comisión; con voz e sen voto, un funcionario da correspondente delegación provincial.

4. No caso de non constituírse a comisión de escolarización, as súas funcións serán asumidas pola inspección educativa.

Décimo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá o calendario de celebración das probas de acceso a estas ensinanzas, así como os correspondentes períodos de matrícula nelas.

Décimo primeiro.

Os centros públicos que oferten estas ensinanzas deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios:

a) Normativa reguladora da admisión de alumnos.

b) Prazas vacantes existentes para as ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior.

c) Áreas de influencia e limítrofes, caso de definirse.

d) Calendario de publicación das relacións de alumnos admitidos e prazo para presentar reclamacións, establecidos pola delegación provincial.

Décimo segundo.

Unha vez concluído o proceso de selección realizarase a publicación das listas de admitidos e non admitidos ordenadas pola puntuación asignada, nos correspondentes centros.

Décimo terceiro.

Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización ou das inspeccións poderá presentarse reclamación no prazo de tres días, contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días. Contra esta nova resolución poderá interpoñerse o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia na que se dictou a resolución recorrida; a resolución deste poñerá fin á vía administrativa.

Disposicións transitorias.

Primeira.-Durante o período de implantación anticipada da Lei orgánica 1/1990, os alumnos procedentes do bacharelato definido nela, ou do bacharelato experimental establecido pola Orde do 20 de maio de 1987 (DOG do 5 de xuño), terán acceso prioritario ós ciclos formativos de grao superior, sempre que reúnan os requisitos académicos establecidos en cada caso. Unha vez outorgada praza a estes alumnos, as vacantes destinadas ó acceso directo ofertaranse ó resto dos alumnos que reúnan os requisitos académicos esixidos.

Segunda.-Mentres non se produza a extinción das ensinanzas de módulos profesionais de nivel tres, será de aplicación a presente norma no proceso de admisión de alumnos neles.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a dictar tódalas normas precisas para o desenvolvemento desta orde, así como para fixar prazos diferentes dos previstos nesta disposición para a admisión de solicitudes e formalización de matrícula nas ensinanzas obxecto dela, e para regular ofertas de formación profesional específica para determinados colectivos de poboación con necesidades especiais.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 1995

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria