Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 19 de xuño de 1995 Páx. 4.630

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CULLEREDO

CONCURSO para a adxudicación da concesión de explotación dunha cafetería no paseo marítimo do Burgo, terceira fase.

Obxecto do concurso.

É obxecto do concurso a concesión da explotación do servicio de cafetería no edificio construído para o efecto na 3ª fase do paseo marítimo do Burgo.

Duración da concesión.

A concesión para a explotación obxecto deste concurso outorgarase polo prazo de quince anos contados a partir da data de adxudicación definitiva.

A concesión poderá ser obxecto de prórroga unha única vez e polo prazo máximo de cinco anos, se as circunstancias así o aconsellasen.

Canon.

1. O concesionario estará obrigado a lle pagar anualmente ó concello un canon de utilización de bens de dominio público por importe mínimo de 360.000 pesetas, fraccionables mensualmente.

2. A contía do canon ofrecido será un dos factores que se considerará para a adxudicación do concurso.

Servicios accesorios.

O concesionario deberá prover tódalas instalacións e decoración tanto do edificio da cafetería como dos espacios anexos.

A oferta que a este respecto se formula será un dos factores que se considerará para a adxudicación da concesión.

Licitadores, lexitimación.

Poderán participar neste concurso tódalas persoas, naturais e/ou xurídicas, españolas e/ou estranxeiras que, tendo plena capacidade de obrar non estean comprendidas nalgunha das circunstancias que sinala o artigo 9 da Lei de contratos do Estado, redactado segundo Real decreto lexislativo 931/1986, do 2 de maio.

Fianzas provisional e definitiva.

1. Para tomar parte no concurso será requisito indispensable acredita-la consignación previa dunha fianza provisional por importe de 500.000 ptas., constituída na Tesourería municipal.

2. O adxudicatario do concurso deberá acreditar no prazo de quince días, contados a partir do seguinte ó da notificación da adxudicación definitiva, a constitución na Tesourería municipal dunha fianza definitiva equivalente ó dobre da provisional.

Gastos de publicación.

Os gastos de publicación da convocatoria do concurso e os da súa adxudicación serán por conta do concesionario.

Prazo de presentación de proposicións.

As proposicións presentaranse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da última publicación desta anuncio (BOP ou DOG).

Lugar de presentación de proposicións.

Rexistro xeral do Concello de Culleredo no que serán entregadas en man das 9 ás 13.30 horas ou enviadas por correo dentro do prazo de admisión sinalado.

Cando as proposicións se envíen por correo, o licitador deberá xustifica-la data de imposición do envío na oficina de correos e anunciarlle ó concello a remisión da oferta, mediante fax ou telegrama o mesmo día, de conformidade co disposto no Regulamento de contratos do Estado.

Documentos que deben presenta-los licitadores e forma de presentación.

1. As proposicións presentaranse en dous sobres pechados e asinados polo licitador ou persoa que o represente, facéndose constar en cada un deles o seu respectivo contido e en ámbolos dous o nome do licitador, así como a inscrición: «Proposición para o concurso da concesión da explotación do servicio da cafetería do paseo marítimo do Burgo (3ª fase)».

2. Un dos devanditos sobres conterá a proposición económica conforme o seguinte modelo, así como estudio económico da explotación.

Modelo de proposición: Don/Dona..., con domicilio en..., DNI nº..., no meu propio nome (ou en representación de..., con DNI nº... ou CIF nº..., con domicilio en... que acredito con escritura de apoderamento debidamente verificada na súa suficiencia) ofrezo como canon pola concesión da explotación da cafetería situada no paseo marítimo, 3ª fase, Culleredo, a cantidade anual de...ptas.

Lugar, data e sinatura.

3. O outro sobre conterá os documentos acreditativos da personalidade e capacidade do concursante, así como o resgardo acreditativo da constitución da garantía provisional.

Apertura das proposicións económicas.

1. A mesa do concurso constituirase na Casa do Concello o quinto día hábil seguinte a aquel no que

remate o prazo de presentación de propostas, agás que fose sábado; neste caso, o acto trasladarase ó seguinte día hábil, para efectua-la apertura das proposicións económicas.

Adxudicación.

1. Os licitadores no concurso poderán introducir nas súas proposicións as modificacións que poidan facelas máis convenientes para a realización do servicio obxecto de concesión, sen supera-las condicións esenciais previstas neste prego.

2. Para a adxudicación da concesión teranse en canta os seguintes criterios básicos:

a) Importe do canon ofrecido.

b) Calquera outra mellora ou garantía de máis idónea prestación do servicio, distinta das propostas que se formulen en virtude dos apartados anteriores ou derivada do exame do conxunto destes.

3. Vista a proposta formulada pola mesa de contratación, o alcalde de Culleredo poderá selecciona-la proposición que xulgue máis conveniente en aplicación dos criterios sinalados no apartado anterior, sen atender necesariamente o valor económico dela, aceptándoa integramente, ou condicionándoa na forma que coide conveniente.

En todo aquilo non previsto no prego será de aplicación a Lei de contratos do Estado, o Regulamento xeral de contratos do Estado, a Lei de bases de réxime local, o Real decreto lexislativo 781/1980 e o Regulamento de servicios das corporacións locais.

O expediente completo pode examinarse na secretaría do concello durante o prazo previsto para a presentación de ofertas.

Culleredo, 2 de maio de 1995.

Julio Sacristán de Diego

Alcalde