Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 09 de xuño de 1995 Páx. 4.309

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de maio de 1995 pola que se regula a solicitude de apertura e reapertura de piscinas de uso colectivo e se aproba o libro de Rexistro Oficial de Control Sanitario para ditas instalacións.

En cumprimento do sinalado no artigo 27 do Decreto 53/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sanitario de piscinas de uso colectivo, a Orde do 5 de maio de 1989 aprobaba o libro de rexistro oficial de control sanitario de piscinas. Non obstante, e co obxecto de levar a termo un mellor control sanitario de piscinas de uso colectivo, resulta conveniente adaptar dita orde ás novas circunstancias e ó Decreto 122/1995, do 20 de abril, que modifica parcialmente o ante dito Decreto 53/1989, do 9 de marzo.

En consecuencia, establécense os modelos de ins tancia para a solicitude de apertura e reapertura das piscinas, e así mesmo, un novo modelo de libro de rexistro oficial de control sanitario de piscinas de uso colectivo que terá a validez de un ano natural para o caso das piscinas que funcionan todo o ano e dunha tempada para as abertas soamente durante o verán.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo lº

A autorización sanitaria para a apertura ou a reapertura das piscinas de uso colectivo, de acordo co disposto no artigo 37 do Decreto 53/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sanitario de piscinas de uso colectivo, segundo a redacción dada polo Decreto 122/1995, do 20 de abril, será outorgada polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, previo informe preceptivo dun técnico competente da consellería.

A solicitude de apertura ou reapertura así como a petición de entrega do libro de rexistro oficial realizarase conforme ó modelo do anexo I da presente Orde.

Artigo 2º

1. Se a solicitude de apertura ou reapertura estivese incompleta ou se considerase necesario amplia-la documentación no referente ás características da instalación, esta circunstancia notificarase ó solicitante para que nun prazo non superior a 10 días aporte a documentación requirida.

2. A solicitude deberá realizarse con un mes de antelación ó comezo do ano natural no caso das piscinas de funcionamento anual e con un mes de antelación sobre a data prevista para á súa reapertura,

no caso de piscinas de funcionamento por tempada, ou apertura, para piscinas que inicien a súa actividade.

Artigo 3º

1. Tódalas piscinas de uso colectivo reguladas polo Decreto 53/1989, do 9 de marzo, deberán dispoñer do libro de rexistro oficial, non podendo inicia-la súa actividade sen estar en posesión deste.

2. O Libro de rexistro oficial, terá unha validez de un ano natural para o caso das piscinas que funcionen todo o ano e dunha tempada para as piscinas que funcionen soamente na tempada de verán.

Artigo 4º

O libro de rexistro oficial constará dos tipos de follas que se especifican nos anexos II a IV. Cada unha destas follas estará composta por un xogo de tres autocopiativas, a primeira de cor branca e as outras dúas de cores diferentes entre si e da branca. Unha vez cubertas, a folla de cor branca quedará formando parte do libro en canto que as outras dúas serán retiradas polos técnicos de sanidade que realicen as inspeccións.

Artigo 5º

No libro de rexistro oficial anotaranse tódalas inspeccións de control periódico realizadas tanto polo persoal técnico da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como polos farmacéuticos titulares, conforme ó indicado no anexo III da presente orde que formará parte do libro de rexistro oficial.

Artigo 6º

Como mínimo dúas veces ó día, unha no momento da apertura da piscina e outra no momento de máxima concorrencia, o persoal encargado da vixilancia e servicio da piscina levará a cabo as determinacións analíticas que se especifican no anexo IV e anotaraas na correspondente folla do libro do rexistro.

Artigo 7º

O libro de rexistro oficial deberá encontrarse sempre nas dependencias das instalacións reguladas na presente normativa, baixo custodia do encargado da vixilancia e servicio da piscina, ó dispor do persoal sanitario que o requira.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 5 de maio de 1989, pola que se aproba o libro de rexistro oficial de control sanitario de piscinas de uso colectivo e se dictan normas para o seu uso.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais