Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 1995 Páx. 4.144

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 1995, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se procede a nomear e facer pública a composición dos tribunais que xulgarán os procedementos selectivos de ingreso e acceso ó corpo de profesores de ensino secundario e procedemento de adquisición de novas especialidades polos funcionarios do mesmo corpo.

En cumprimento do sinalado na base común 5 da Orde de 28 de marzo de 1995 (DOG do 7 de abril), pola que se convocan procedementos selectivos para acceso ó corpo de profesores de ensino secundario e procedemento de adquisición de novas especialidades, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Nomea-los tribunais que deberán xulga-lo procedemento selectivo ó corpo de profesores de ensino secundario e procedemento de adquisición de novas especialidades e que figuran no anexo desta resolución.

Os tribunais constituiranse dentro do prazo de dez días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e comunicarán a súa constitución á Dirección Xeral de Persoal.

Os presidentes tomarán as medidas necesarias para a constitución dos tribunais no prazo indicado.

Segundo.-Naquelas especialidades nas que se nomee máis de un tribunal, constituirase unha comisión de selección coa composición establecida no apartado 8 da base común 5 da Orde do 28 de marzo de 1995.

As comisións de selección constituiranse no prazo do corenta e oito horas desde que se constitúan os tribunais.

Terceiro.-As localidades de actuación dos citados tribunais faranse públicas na resolución de cada tribunal pola que se anunciará hora e lugar do acto de presentación, celebración das probas de coñecemento de lingua castelá e lingua galega e primeiro exercicio.

Cuarto.-Quedan autorizadas as comisións de servicios dos membros dos tribunais e dos membros das comisións de selección que necesiten desprazarse da súa residencia oficial para o exercicio de tal función, tendo dereito a percibi-las axudas de custo e gastos de viaxes de acordo coa lexislación vixente. Os medios de locomoción empregables serán calesqueira dos previstos no Decreto 299/1990, do 24 de maio, debendo entenderse que queda expresamente autorizado o uso de vehículos propios, de acordo co citado decreto.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1995.

Jaime García García

Director xeral de Persoal