Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 1995 Páx. 4.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 157/1995, do 3 de xuño, polo que se inclúen as zonas denominadas Umia-O Grove, A Lanzada, lagoa Bodeira e punta Carreirón; ría de Ortigueira; lagoa e areal de Valdoviño e ría do Eo no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

En virtude do artigo 4 da Directiva 79/409/CEE, o 22 de novembro de 1989 comunicóuselle á comisión, entre outras, a designación da ría de Ortigueira; complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, e a ría do Eo como zonas de especial protección para as aves.

Así mesmo, considerando as funcións ecolóxicas fundamentais das brañas como reguladores dos réximes hídricos e como hábitat dunha flora e dunha fauna características, especialmente das aves acuáticas e migradoras, o Estado español asinou a adhesión ó convenio relativo a brañas de importancia internacional, elaborado en Ramsar o 2 de febreiro de 1971.

Tendo en conta as responsabilidades e compromisos de carácter internacional relativos á conservación, ordenación e vixilancia destes hábitats, o Consello de Ministros aprobou a inclusión na lista do convenio de Ramsar de:

-Ortigueira: Consello de Ministros 28 de xullo 1989.

(BOE do 8 de maio 1990).

-Umia-O Grove: Consello de Ministros 28 xullo 1989.

(BOE do 8 de maio 1990).

-Valdoviño: Consello de Ministros 21 febreiro 1992.

(BOE do 26 de marzo 1993).

-Ría do Eo: Consello de Ministros 15 xullo 1994.

(BOE do 15 novembro 1994).

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, crea no seu artigo 12 diferentes tipos de espacios naturais protexidos. Así mesmo, no seu artigo 21.2º faculta as comunidades autónomas con competencia plena na materia a establecer outras figuras de protección distintas ás establecidas no sinalado artigo 12.

En consecuencia, e consonte as competencias establecidas polo Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, regulouse mediante o Decreto 82/1989, do 11 de maio, a figura de espacio natural en réxime de protección xeral e creouse o Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Ó amparo do disposto na disposición adicional cuarta do Decreto 82/1989, do 11 de maio, inclúense as zonas denominadas lagoa e areal de Valdoviño (A Coruña); ría do Eo (Lugo); ría de Ortigueira (A Coruña) e complexo intermareal de Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira (Pontevedra) no citado rexistro.

Artigo 2º

Os límites dos denominados espacios son os que a continuación se relacionan:

-Límites da lagoa e areal de Valdoviño:

Polo norte, desde a punta da Frouseira, ó longo do areal ou praia da Frouseira, pola liña de costa ata o seu corte coa prolongación imaxinaria da estrada que, comezando en Porto do Son (Valdoviño), termina na praia.

Continúan os límites seguindo pola estrada anteriormente citada ata a estrada de Ferrol a Cedeira, e por esta, ó mesmo tempo, ata o Canto de Muro, polo camiño local da Frouseira ata a punta Frouseira.

-Límites da Ría do Eo:

Desde o punto quilométrico 75 séguese a estrada de Lugo a Vegadeo ata Porto de Abaixo. Desde aquí, e pola estrada nacional de Santander á Coruña, ata Ribadeo, pasando o núcleo urbano, por unha liña paralela e distante 100 m cara ó interior do deslinde do dominio público marítimo-terrestre, ata a altura da punta de Penas Brancas. Desde este punto en liña recta e perpendicular, ata o límite interprovincial, e continuamos por este límite ata chegar ó punto quilométrico 75.

-Límites de Umia-O Grove:

a) Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada:

Norte. Océano Atlántico (entre punta Cabreira, da Toxa, e Torre de San Sadurniño, de Cambados).

Sur. De punta Lanzada, pola estrada C-550 (Portonovo-O Grove) ata o camiño das Salinas. Segue por este ata a súa unión coa estrada C-550 (O Grove-Vilalonga) no p.k. 43,5 continuando polo camiño rural que une Revolta, Costiña, Rouxique, Lagarei e Taboelas ata Ponte Dena, e deste, pola C-550, ata o cruzarnento de Seixiños.

Leste. Desde San Sadurniño, polo camiño rural ata o seu enlace coa estrada comarcal de Cambados a Ponte Castrelo. Camiño litoral de Ponte Castrelo a Seixiños do sanatorio.

Oeste. Na Toxa, punta Cabreira e estrada litoral oriental ata o final da ponte da Toxa.

Segue pola rúa Teniente Domínguez do Grove ata o empalme da estrada C-550 do Grove, continuando por esta ata o cruce da estrada de San Vicente do Mar e por esta ata o sanatorio.

Desde o sanatorio, pola costa, ata punta Lanzada.

b) Lagoa Bodeira:

Norte. Océano Atlántico, desde punta Burata ata punta Area das Pipas (Malladoira).

Sur, leste e oeste. Franxa litoral de 200-300 m de largo.

c) Punta do Carreirón:

Norte. Enseada da Brava e istmo entre punta Lapiño a punta do Con Cerrado.

Sur, leste e oeste. Océano Atlántico.

-Límites da ría de Ortigueira e Ladrido:

Norte. Camiño de Santa María de Pedra ó Pto. de Sartán, e de aí, en liña recta, ata a punta do Tallo, e desta, polo camiño, a Sandés.

Sur e leste. Estrada de Ferrol a Viveiro, desde Sandés ata Ponte de Mera Castro.

Oeste. Estrada do campo do hospital a Cariño, desde Ponte de Mera Castro ata Santa María de Pedra.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Quedan derrogadas, as disposicións seguintes:

-A Orde do 9 de marzo de 1990 pola que se inclúe a zona denominada ría de Ortigueira e Ladrido no Rexistro Xeral de Espacios Protexidos de Galicia.

-A Orde do 9 de abril de 1990 pola que se inclúe a zona denominada complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Lagoa Bodeira e punta Carreirón no Rexistro Xeral de Espacios Protexidos de Galicia.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes