Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 1995 Páx. 4.127

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 155/1995, do 3 de xuño, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente.

A Constitución española inclúe no seu conxunto de dereitos o referido a desfrutar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa. Tamén o Estatuto de autonomía de Galicia establece como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma as normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23. No exercicio desta competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de protección ambiental de Galicia, como instrumento xeral de defensa do medio.

Na dita lei prevese a necesidade de creación dun instrumento de participación pública no que estiveran representados tódolos estamentos interesados da sociedade galega e da súa comunidade científica. Tal precepto non fai más que recolle-lo crecente sentir social que se foi formando arredor da necesaria participación de todos na defensa do noso medio. Dado que esta é tarefa de todos, tamén seremos todos os que teñamos ocasión de facer vale-lo noso criterio sobre a problemática ambiental, que necesariamente se acompañará dun compromiso de esforzo en relación coa correcta aplicación dos progresos que poidan derivarse da colaboración.

Así o recoñeceu tamén o programa de acción adoptado na Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, celebrada en Río de Xaneiro en 1992, onde se salientan a necesidade de crear canles de participación das organizacións non gobernamentais, sindicatos, comunidade científica, etc., na elaboración e execución de políticas orientadas cara ó desenvolvemento sostido.

Por iso, co obxecto de lle dar cumprimento ó disposto no artigo 28 da Lei de protección ambiental de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Conselleiro da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O Consello Galego de Medio Ambiente é o órgano consultivo da Administración ambiental, e ten como fin dar cumprimento ó principio de participación pública e establecer unha canle de colaboración dos estamentos interesados da sociedade galega e da comunidade científica.

2. A función xeral do consello consistirá en servir de foro de debate da problemática ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

O Consello Galego de Medio Ambiente terá as seguintes funcións:

1. Coñecer e informar sobre os proxectos e plans ambientais de carácter xeral que, sendo de ámbito autonómico, teñan unha singular relevancia.

2. Formular propostas e emitir informes sobre cuestións ambientais, por iniciativa do propio consello, da Administración autonómica ou da Administración local, no ámbito das súas competencias.

3. Propoñe-las medidas que incentiven o desenvolvemento sostido e a creación do emprego nas actividades relacionadas coa protección e xestión do medio ambiente.

4. Fomenta-las iniciativas para o desenvolvemento da educación ambiental, a investigación científica e a participación cidadá na solución da problemática ambiental.

5. Realiza-las suxerencias oportunas sobre o correcto cumprimento dos acordos internacionais, dereito comunitario e demais normativa en relación co medio ambiente, así como informar sobre as melloras que considere convenientes en canto á súa aplicación.

6. Impulsa-la coordinación do exercicio das súas funcións coas dos órganos consultivos existentes noutras administracións públicas, que teñan por obxecto a protección e xestión medioambiental.

Artigo 3º

O Consello Galego de Medio Ambiente estará composto por:

-Presidente: o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

-Vicepresidente: o secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

-Vocais:

a) Un representante de cada unha das cinco organizacións de defensa medioambiental que acrediten unha maior representatividade de entre as inscritas no Rexistro Autonómico de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente.

b) Tres representantes dos sindicatos máis representativos en Galicia.

c) Un representante das organizacións de consumidores de Galicia.

d) Tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

e) Un representante de cada unha das tres universidades de Galicia, especialistas en temas ambientais.

f) Dous representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias e outros dous da Federación de Concellos Galegos.

g) Tres persoas de recoñecido prestixio no campo ambiental designados polo presidente do consello, oído o pleno do mesmo.

h) Un experto por cada unha das seguintes áreas ambientais, designado polo órgano autonómico sectorial competente en: medio ambiente natural, saúde pública ambiental, augas continentais, augas marítimas, protección da atmosfera, contaminación industrial, ordenación do territorio, política agraria, patrimonio histórico, educación ambiental.

-Secretario: o subdirector xeral de Protección Ambiental, con voz e voto.

Artigo 4º

Os membros do consello galego serán nomeados polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, a proposta das organizacións, institucións e departamentos autonómicos que se relacionan no artigo anterior.

Tamén se nomearán os suplentes de cada un dos membros ordinarios do consello.

O nomeamento dos membros e suplentes do consello será por un período de dous anos, contados a partir da data da súa publicación, e será renovable. No suposto de que o membro perdese a súa representatividade pasará a ser membro ordinario o suplente.

Artigo 5º

O consello poderá crear comisións de traballo para a análise de aspectos sectoriais ou problemáticas concretas relacionadas coa súa competencia, sinalando no acordo cal será o seu réxime de actuación e se terán carácter indefinido ou temporal.

Artigo 6º

Ó pleno do consello galego e ás diferentes comisións de traballo que se creen no seu seo poderán asistir, con voz e sen voto, por solicitude destes, as persoas responsables das políticas ambientais sectoriais obxecto de estudio e valoración, e, se é o caso, expertos, funcionarios ou representantes do sector privado con especial vinculación con este mesmo obxecto.

Artigo 7º

O consello realizará anualmente un informe-memoria sobre as actuacións desenvolvidas en cumprimento das súas funcións.

Este informe-memoria remitirase á Comisión Galega de Medio Ambiente para a súa valoración e posterior remisión á Comisión Delegada do Medio Ambiente.

Artigo 8º

O órgano de tramitación e apoio do Consello Galego de Medio Ambiente será a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Artigo 9º

O Consello Galego de Medio Ambiente será convocado polo seu presidente, con carácter ordinario, cada cuadrimestre,

Tamén poderá realizarse a convocatoria do pleno cando exista algún motivo de especial trascendencia relacionado coa competencia do consello, a xuízo do seu presidente ou por petición dun tercio dos membros de aquel.

Artigo 10º

Os informes preceptivos do Consello Galego de Medio Ambiente emitiranse no prazo de un mes desde a súa solicitude.

Artigo 11º

O Consello Galego de Medio Ambiente queda adscrito á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 12º

1. O réxime xurídico de funcionamento será o preceptuado no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No demais, estarase ó disposto no regulamento interno do consello, que se aprobará por maioría do seu pleno.

Disposición transitoria

A constitución do consello realizarase antes do día 31 de xullo de 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para facilita-lo correcto funcionamento do Consello Galego de Medio Ambiente.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública