Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 02 de xuño de 1995 Páx. 4.076

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 3 de maio de 1995, pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ourense e San Cibrao das Viñas, así como para a subministración de aire propanado, nunha primeira etapa, no termo municipal de Ourense.

A empresa Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio social en Santiago de Compostela; rúa A Rosa, 16-3º B, solicitou concesión administrativa para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ourense e San Cibrao das Viñas, así como para a subministración de aire propanado, intercambiable co gas natural, no termo municipal de Ourense.

As características principais das instalacións serán as seguintes:

A rede primaria operará a unha presión máxima de 4 bar efectivos e terá a súa orixe na rede industrial de Enagas, S.A., a través das correspondentes estacións de regulación e medida. Desta rede básica partirá a rede secundaria e as ramificacións precisas para atende-los diferentes puntos de consumo, operando, unha parte, á presión máxima de 4 bar e, outra, á presión máxima de 0,4 bar, en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos poboacionais e dos condicionantes das vías públicas e de edificación.

O caudal máximo a vehicular será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados dos termos municipais obxecto da concesión. Con base nos cálculos previstos, estímase en 2.350 m(n)/h o caudal máximo a vehicular (1ª fase).

A lonxitude aproximada das tuberias que comporán a rede será:

-Rede primaria: 8.250 m.

-Rede secundaria: 68.221 m.

Considéranse como temperaturas límites as seguintes:

-Máxima: 55º C.

-Mínima: -10º C.

Non obstante, para efectos de cálculo, tomarase como base unha temperatura de 15º.

A planta de aire propanado subministrará no concello de Ourense un gas totalmente intercambiable co gas natural, previo á interconexión das redes de Gas Galicia SDG, S.A., coa rede industrial de Enagas S.A., cunha capacidade de producción de 2.000 m(n)/h de aire propanado de 13,5 terminas/m(n).

O orzamento total estimado ascende a mil trescentos cincuenta e nove millóns novecentas corenta e tres mil catrocentas cincuenta pcsetas (1.359.943.450 ptas).

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído ó efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continuará vixente de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento da mesma.

Considerando, que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con base no Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e a proposta da Dirección Xeral de Industria.

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ourense e San Cibrao das Viñas, así como para a subministración de aire propanado, nunha primeira fase, no termo municipal de Ourense.

-A presente concesión outórgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 27.198.869 pesetas, importe do 2% de orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7º, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economia e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que se devolverá unha vez que se formalice o acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-A presente concesión outórgase deixando a salvo os dereitos concesionais recoñecidos con anterioridade a Enagas, S.A. para a subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais, entre os que figuran Ourense e San Cibrao das Viñas, por Orde do 12 de marzo de 1993, sen prexuízo dos acordos que se establezan entre Gas Galicia SDG, S.A. e Enagas, S.A. para a subministración ós mercados industriais en orde a acadar unha utilización óptima dos recursos e unha máis rápida penetración do gas natural.

A Consellería de Industria e Comercio reserva para si a aprobación ou arbitraxe, segundo o caso, dos correspondentes criterios de ordenación do mercado de gas natural para usos industriais, en prol dunha utilización máis racional dos recursos e mellor calidade do servicio público.

Terceira.-Dentro do prazo de cinco meses, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións de subministración de aire propanado será de un ano a partir da data da súa autorización.

Quinta.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 do outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984.

Estas instalacións deberanse prever para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e acadar abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-lo disposto no Regulamento de instalacións de gas en locais destinados a usos domésticos, colectivos ou comerciais e normas complementarias.

Sexta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha axeitada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento delas.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado regulamento xeral e a cantas outras disposicións foran dictadas ou se dicten polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Sétima.-A determinación das tarifas de aplicación ás subministracións de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Oitava.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Novena.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Décima.-A Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Industria e Comercio coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor se vaian realizar nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Décimo primeira.-En casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantenemento do servicio ós usuarios do mesmo, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décimo segunda.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b) do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levan a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na presente resolución e na autorización para a montaxe delas.

Sen embargo, se por evolucion da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose axeitado o mantemento dalgunha ou dalgunhas das instalacións obxecto da presente orde; Gas Galicia SDG, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben,

2. O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos

investimentos que as mesmas supoñan non puidesen obter unha compensación económica axeitada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Décimo terceira.-Esta concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares.

Décimo cuarta.-Esta concesión outórgase sen prexuízo e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ó da súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956 coa nova redacción dada pola disposición adicional undécima da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio