Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 1995 Páx. 4.039

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 151/1995, do 18 de maio, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de costas e a súa atribución á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

O Estatuto de autonomía atribuelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral e urbanismo (artigo 27.3º), e para dictar normas adicionais de protección do medio ambiente e da paisaxe (artigos 27-30).

A Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, establece a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, restrinxindo os usos permi

tidos nela e someténdoos a autorización administrativa, tipificando o incumprimento das súas disposicións ó respecto como infracción administrativa e prevendo as correspondentes sancións.

No desenvolvemento da citada lei, e de acordo coa interpretación realizada polo Tribunal Constitucional en sentencias números 149, do 4 de xullo, e 198, do 17 de outubro de 1991, mediante Decreto 19/1993, do 28 de xaneiro, atribúenselle á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, hoxe Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma en materia de costas, asignándoselle á Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo o exercicio das funcións que se derivan da lexislación estatal, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Comunidade Autónoma en virtude da lexislación sectorial.

De acordo co citado decreto e co disposto no Decreto 6/1993, do 28 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, en materia de costas correspóndenlle á Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, entre outras funcións o outorgamento das autorizacións dos usos permitidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre; perseguir e sanciona-las infraccións cometidas na devandita zona de servidume e a emisión dos informes da Comunidade Autónoma previstos na lexislación de costas.

A experiencia acumulada ata o momento aconsella avanzar nun adecuado nivel de desconcentración de funcións nos órganos periféricos da Xunta de Galicia o obxecto de lograr unha maior axilidade e eficacia.

Este principio de desconcentración como inspirador da actividade da Administración pública segundo o artigo 103 da Constitución, plásmase dunha forma concreta tanto na ampliación das potestades xa existentes en sede das delegacións provinciais, a través da elevación da contía máxima das multas que correspondía impoñer ós ditos órganos, como na atribución dunhas novas que se reflicte na asunción da competencia para a resolución dos expedientes de autorización dos usos permitidos na zona de servidume de protección, e na emisión de informes en procedementos a tramitar pola Administración do Estado respecto de supostos de semellante entidade os que constitúe o obxecto das citadas autorizacións, reservándose para si a competencia para a emisión de informes relativos ás restantes cuestións á Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo.

Así mesmo, a realización do principio de coordinación obriga a que dentro do procedemento administrativo seguido para a execución de proxectos de obra da Comunidade Autónoma, que incidan no ámbito de aplicación da Lei de costas, se incorpore como unha fase da súa instrucción un informe do órgano autonómico con competencias específicas na devandita materia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia,

na súa reunión do día dezaoito de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Correspóndelle á Consellería de Política Territorial, Obras Publicas e Vivenda o exercicio das competencias que lle atribúe á Comunidade Autónoma á vixente lexislación de costas, salvo as que lle corresponden ó Consello da Xunta de Galicia.

2. As devanditas competencias serán exercidas, así mesmo, sen prexuízo das que estean atribuídas a outros departamentos en virtude da lexislación sectorial correspondente e de acorde cas canles procedimentais establecidas para o efecto.

Artigo 2º

A emisión dos informes autonómicos establecidos na normativa de costas correspóndelle:

1. Ós delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos supostos de expedientes nos que a competencia para dicta-la resolución correspóndelle á Administración do Estado, cando se trate de:

a) Tramitación de autorizacións no dominio público marítimo-terrestre e na zona de servidume de tránsito.

b) Procedementos de legalización por razóns de interese público de construccións existentes con anterioridade á entrada en vigor da Lei 22/1988, de costas.

c) Procedementos de deslinde do dominio público marítimo-terrestre.

d) Tramitación de concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre, salvo nos casos recollidos no apartado b) do parágrafo 2 do presente artigo.

2. Ó director xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, cando se trate de:

a) Plans e normas de ordenación territorial ou urbanística, e a súa modificación ou revisión, que incidan sobre as zonas de servidume e influencia do dominio público marítimo-terrestre.

b) Proxectos de obras do primeiro establecemento, ampliación, reforma ou gran reparación, que afecten ó dominio público marítimo-terrestre ou as súas zonas de servidume, promovidos pola Administración do Estado ou outros entes públicos.

c) Procedementos de desafectación de terreos de dominio público marítimo-terrestre.

d) Tramitación de normas para protección de determinados tramos de costa.

e) Ampliación de zona de servidume de protección.

f) Proxectos para a realización ou modificación doutros accesos públicos ó mar e aparcamentos non previstos no planeamento.

g) Procedementos para declaración de zona de reserva a favor do Estado.

h) En xeral aqueloutros non recollidos expresamente neste decreto, e sen prexuízo das competen

cias atribuídas a outros órganos en función da súa lexislación específica.

3. Os proxectos de obra promovidos pola Administración autonómica, e que incidan no ámbito de amplicación da Lei 22/1988, de costas, serán informados previamente á súa aprobación, polo órgano que proceda, de entre os citados, atendendo ó ámbito de competencia territorial do que promove o proxecto.

Artigo 3º

1. Atribúeselles ós delegados provinciais a competencia para a resolución dos expedientes de autorización das obras, instalacións ou usos permitidos na zona de servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre.

2. As solicitudes para tal efecto, dirixiranse á delegación provincial acompañadas, como mínimo, da seguinte documentación:

a) Proxecto básico, por triplicado exemplar, das obras ou instalacións, visado polo colexio profesional correspondente.

b) Certificado urbanístico no que se especifique a data de aprobación do planeamento vixente, a clasificación do solo, o estado de execución, os usos permitidos e, se é necesario, as licencias urbanísticas outorgadas.

c) Plano de deslinde definitivo ou, se é o caso, plano de definición provisional da liña probable de deslindamento, a escala 1/1000 efectuado ou autenticado polo órgano correspondente da Administración do Estado, no que se reflicta o predio no que se pretende realiza-lo uso para o que se solicita autorización.

d) Información fotográfica.

Artigo 4º

1. Correspóndelles ós delegados provinciais inicia-los procedementos sancionadores relativos ás infraccións cometidas nas zonas de servidume e influencia, conforme a vixente lexislación de costas.

2. A resolución e a imposición, se é o caso, das multas, conforme os límites que se fixan, correspóndelles ós seguintes órganos:

a) Delegado provincial da consellería, ata 15.000.000 de pesetas.

b) Director xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, ata 25.000.000 de pesetas.

c) Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, ata 100.000.000 de pesetas.

d) Consello da Xunta de Galicia, máis de 100.000.000 de pesetas.

Disposición transitoria

Os procedementos iniciados ó abeiro do Decreto 19/1993, do 28 de xaneiro, nos que non recaerá proposta de resolución con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, proseguirán a súa tramitación e resolución de acorde cas normas establecidas nesta disposición.

Disposición derrogatoria

Derrógase o Decreto 19/1993, do 28 de xaneiro, sobre competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de costas e a súa atribución á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, e cantas disposicións de igual ou inferior rango, se opoñan o disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e

Vivenda