A parroquia de Estacas, que pertence ó concello de Cuntis, está situada ó noroeste da provincia de Pontevedra, resultando afectada pola concentración parcelaria aproximadamente 457 ha.
A dispersión parcelaria que presentan os terreos non concentrados da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concetración parcelaria para Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Declárase de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria, da zona de Estacas (Cuntis-Pontevedra).
Artigo 2º
O perímetro da zona será, en principio, o formado polos terreos correspondentes ós lugares do Casal, A Bragaña, Teaño e Vilameán, da parroquia de Estacas. O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden ó amparo dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.
Artigo 3º
A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias, en concreto, as que sinala o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.
Artigo 4º
Os traballos de execución desta concentración parcelaria inciaranse nun prazo non superior a 6 meses a partir da publicación do presente decreto.
Disposición derradeira
Primeira.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las disposicións complementarias que require a execución do presente decreto.
Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Tomás Pérez Vidal
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes