Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 30 de maio de 1995 Páx. 3.979

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 1995 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de maio de 1995 no que se establecen regras de adxudicación dos contratos de obras por concurso e por contratación directa na Administración da Comunidade Autónoma.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco, adoptou, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o acordo seguinte:

«A Lei de contratos do Estado no seu artigo 36 prevé, en relación coa adxudicación dos contratos de obras mediante concurso, a necesidade de que a Administración fixe nos pregos de cláusulas administrativas particulares os criterios que deberán servir de base para a adxudicación, especificando entre eles, con carácter meramente enunciativo, o prezo, o prazo de execución, o custo de utilización, a rendibilidade, o valor técnico ou outros semellantes. A dita norma, en definitiva, tende a obxectiviza-lo sistema de selección do contratista, dando cumprimento así a un dos principios básicos que rexerán en toda contratación administrativa.

En relación á contratación directa de obras, tamén resulta conveniente, coa mesma finalidade, precisa-lo sentido do informe sobre a proposición máis vantaxosa a que se refire o artigo 3 do Decre

to 395/1990, do 14 de xuño, sobre contratación directa de obras e subministracións.

Na idea de incidir en maior medida no cumprimento do devandito principio estímase necesario que no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma se establezan, dunha maneira uniforme, os aspectos a considerar no momento de levar a cabo a adxudicación dos contratos de obras nas modalidades sinaladas.

En virtude do exposto, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, sométese ó Consello da Xunta de Galicia a adopción do seguinte acordo:

«Ó abeiro do establecido no artigo 36 da Lei de contratos do Estado, do 8 de abril de 1965, e en relación ó decreto autonómico 395/1990, do 14 de xuño, sobre contratación directa de obras e subministracións, establécense regras que rexerán na adxudicación dos contratos de obras por concurso e por contratación directa na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:

Primeiro.-En tódolos pregos de cláusulas administrativas particulares que as consellerías elaboren para a contratación de obras polo sistema de concurso deberanse ter en conta as seguintes regras:

a) Na cláusula correspondente á presentación de proposicións, e particularmente no apartado relativo ó contido do sobre de referencias técnicas, deberase sinalar como documentación a presentar polos licitadores a seguinte:

1. Se é caso, certificación expedida polo órgano correspondente da Administración que acredite que a empresa realizou, dentro dos últimos cinco anos,

obras de natureza análoga á do presente concurso a plena satisfacción do certificante.

2. Certificado expedido pola persoa con capacidade suficiente para representar á empresa licitadora, que acredite o volume de obra executada pola mesma para a Comunidade Autónoma durante os últimos cinco anos.

3. Certificado expedido por persoa con capacidade suficiente para representar á empresa licitadora, que acredite o volume de obra executada nos últimos tres anos.

4. Documento no que a empresa se compromete a ter como delegado de obra, con capacidade suficiente para representala en todo canto afecta á execución dela, a un facultativo con dedicación plena durante o tempo de execución da obra, sendo ademais responsable da seguridade dela.

A empresa deberá acredita-la experiencia do facultativo delegado na dirección das obras de natureza análoga en que participou así como do equipo técnico que se vaia adscribir a ela, en función da importancia do proxecto, xuntando curriculum detallado dos mesmos. A súa substitución, ó longo da obra será por técnicos de análogo perfil profesional e deberá ser aprobado pola dirección facultativa.

A Administración, por resolución motivada e por instancia da dirección facultativa, poderá esixir, en calquera momento, o cambio do facultativo e persoal técnico adscrito á obra.

5. Programa da construcción das obras que aseguren a súa execución nos prazos (total e parciais) e anualidades contractuais, obtido a partir dun estudio de tempos-actividades e a súa coherencia co prazo de execución ofertado.

6. Relación de equipos, maquinaria e demais medios que a empresa se compromete a poñer á disposición da obra.

7. Plan de control de calidade da obra que a empresa manterá durante a súa execución, especificando a porcentaxe que asigne para tal efecto. A Administración resérvase a aprobación do laboratorio homologado proposto pola empresa.

8. A teor do estipulado no apartado 3 do artigo 35 da Lei de contratos do Estado e o artigo 113 do Regulamento xeral de contratación do Estado, os licitadores poderán presentar solucións técnicas que sen alterar substancialmente o proxecto aprobado o melloren.

Igualmente poderanse propoñer melloras que redunden nunha maior calidade constructiva.

En tal caso, os licitadores presentarán un novo orzamento coas medicións e prezos ofertados, e aquelas partidas non orzadas no proxecto aprobado e que se ofertan nesta opción modificada, así como unha memoria na que se indiquen as razóns que xustifiquen esta oferta.

Cando a Administración acepte a proposta con modificacións do orzamento a oferta modificada

pasará a ser contractual se resulta adxudicataria a empresa licitadora.

Neste suposto a empresa adxudicataria responsabilízase de que a totalidade da nova medición presentada é a precisa para o desenvolvemento e normal execución da obra, e polo tanto non poderán producirse orzamentos adicionais ou excesos de liquidación salvo por razóns debidamente xustificadas.

As melloras a que se fai referencia neste apartado deberán estar incluídas nunha única variante.

b) Establecerase unha cláusula na que se fixarán os criterios que se terán en conta para a valoración das proposicións atendendo ás seguintes regras:

1. Para a valoración das proposicións a Mesa, de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos e, en todo caso, haberá de ter en conta o seguinte baremo de puntuación, referido ó contido do sobre de referencias técnicas indicado no anterior apartado a):

Apdo 1......ata 3 puntos

Apdo 2......ata 2 puntos

Apdo 3......ata 2 puntos

Apdo 4......ata 4 puntos

Apdo 5......ata 5 puntos

Apdo 6......ata 3 puntos

Apdo 7......ata 4 puntos

Apdo 8......ata 5 puntos

2. O concurso adxudicarase a algunha das empresas licitadoras que, obtendo unha puntuación igual ou superior ós 2/3 da total posible segundo a aplicación que resulte do baremo anterior, presenten unha oferta económica que se encontre situada entre a media e a máis baixa, cando concorran menos de 10 empresas, ou entre as catro máis baixas cando a concorrencia sexa maior a 10 empresas. En todo caso a resolución deberá ser motivada. As fraccións consideraranse por exceso.

Para os efectos do apartado anterior aplicarase o disposto na lexislación de contratos do Estado no referente ás baixas desproporcionadas ou temerarias.

3. Non obstante o anterior, e sempre antes da apertura da oferta económica, o órgano de contratación, por proposta da mesa, poderá non considera-las ofertas presentadas por aquelas empresas nas que, aínda alcanzando a puntuación mínima esixida, se aprecien causas, debidamente motivadas no expediente, que xustifiquen a súa exclusión.

Segundo.-Proxecto e obra. Para o procedemento do concurso de proxecto e obra, que será utilizado con carácter restrictivo por resolución motivada, o baremo que figura no número 1 do apartado b) anterior quedará establecido da seguinte forma:

Apdo 1......ata 2 puntos

Apdo 2......ata 1 puntos

Apdo 3......ata 1 puntos

Apdo 4......ata 2 puntos

Apdo 5......ata 2 puntos

Apdo 6......ata 2 puntos

Apdo 7......ata 4 puntos

Apdo 8......ata 15 puntos

Apdo 9......ata 6 puntos

Para este caso os puntos 8 e 9 do apartado a) quedarán redactados da seguinte forma:

8. Calidade técnica da solución ofertada polo concursante de acordo co prego de cláusulas técnicas do concurso promovido pola Administración.

9. Valorarase a mellor relación entre a oferta económica e a calidade do proxecto presentado e dos materiais empregados.

O concurso adxudicarase a algunha das 3 empresas licitadoras que, obtendo as maiores puntuacións, presente a oferta económica máis baixa. No caso de que a elección recaia sobre outra das tres, a resolución deberá ser motivada.

Para os efectos do apartado anterior aplicarase o disposto na lexislación de contratos do Estado no referente ás baixas desproporcionadas ou temerarias.

Terceiro.-Tratándose da contratación directa de obras e en relación co informe a que se refire o artigo 3 no seu parágrafo segundo do Decreto 395/1990, do 14 de marzo, sobre contratación directa de obras e subministracións, cando o número de licitadores non exceda de 10, a proposta de adxudicación deberá recaer nalgunha das empresas a oferta económica das cales se atope situada entre a media e a máis baixa. No caso de que as ofertas excedan de 10, a proposta efectuarase en favor dunha das situadas no tercio das máis baixas. As fraccións consideraranse por exceso.

Cuarto.-As presentes regras aplicaranse ós concursos que se convoquen a partir do 1 de xullo de 1995. En relación á contratación directa, respecto dos informes sobre a proposición máis vantaxosa, aplicaranse a aqueles que se emitan a partir da citada data.

Quinto.-O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia para facilita-lo seu coñecemento xeral e a súa aplicación.

Para dar cumprimento ó establecido no apartado quinto do acordo anterior ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda