Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 1995 Páx. 3.832

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de maio de 1995 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga xeral convocada para o día 24 de maio de 1995, nos concellos de Cangas e Bueu, na provincia de Pontevedra.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116 do 20 de xuño).

O artigo 3 do mencionado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.

As centrais sindicais Comisións Obreiras de Galicia, Confederación Intersindical Galega e Unión Xeral de Traballadores de Galicia, en escrito de data 9 de maio de 1995, comunican a convocatoria de folga xeral para toda a xornada, o día 24 de maio 1995, que afectará a tódolos servicios públicos dos concellos de Cangas e Bueu na provincia de Pontevedra.

Ante o carácter de folga xeral que pode afectar a todo o persoal da Administración autonómica, semella o máis axeitado regula-los servicios mínimos mediante unha única norma de aplicabilidade a tódolos centros, dependencias e servicios dela.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais, obriga a Administración autonómica de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

Así pois, establécense servicios mínimos respecto a sectores e actividades dos que a súa regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta de Galicia e que poden afecta-lo desenvolvemento ordinario da actividade cidadá.

No referente ós servicios dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e co fin de garanti-lo dereito constitucional de protección da saúde e dos intereses dos cidadáns que lle corresponde tutelar á consellería, fíxanse os servicios mínimos dedicados a estes fins na área preventiva e asistencial.

Na parcela correspondente ó Servicio Galego de Saúde, e dentro do ámbito da atención primaria, o persoal sinalado para cubri-los servicios mínimos é o imprescindible para asumi-la mesma asistencia que lle queda garantida ó beneficiario nun día festivo. Neste caso non se axusta ó cadro do persoal dun festivo, xa que en días festivos o servicio normal de urxencia permanece aberto as vintecatro horas, cousa que non sucede no día sinalado para a convocatoria de folga xeral. Por este motivo, a porcentaxe de traballadores

é maior dun día festivo, pero soamente na proporción imprescindible para cubri-la asistencia que un día festivo quedaría a cargo do servicio normal de urxencias. Todo isto co fin de asegurarlle ó beneficiario a atención urxente, tanto polo inicio dun proceso de morbilidade como por tratamentos que non se poidan demorar ou interromper.

Na área de competencias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establécense servicios mínimos de acordo coas seguintes circunstancias:

No Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, a imprevisibilidade do feito causante da prestación do servicio esencial de vixilancia e extinción de incendios e a indeterminabilidade das súas consecuencias en canto a vidas e facendas, ante o que sería de aplicación plenamente e sen posibilidade ningunha de restricción ó principio de que a seguridade e o benestar da poboación deben primar sobre outros dereitos, fai necesaria a dispoñibilidade dos efectivos existentes.

No Servicio de Medio Ambiente Natural establécense servicios mínimos para realiza-las funcións de vixilancia de bens públicos.

Nos servicios veterinarios propios da consellería, as súas funcións de sanidade animal levadas a cabo mediante a rede de alerta sanitaria e de control das condicións epizootiolóxicas e sanitarias en feiras, mercados, así como en calquera outro tipo de concentracións de gando e de movementos pecuarios, obriga a establecer servicios mínimos axeitados ás ditas necesidades.

Na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a necesidade de atende-las tarefas de rexistro e información nas confrarías de pescadores de Bueu e Cangas, e de conformidade co sinalado na orde da dita consellería do 21 de decembro de 1993, obriga a establece-los servicios mínimos que se expresan na presente orde.

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e polo tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bo número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

Sinálanse, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares, a limpeza dos centros e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que poidan acudir ós centros, xa que a maioría deles son menores de dezaoito anos e moitos deles con idades comprendidas entre os tres e catorce anos.

Os centros de educación especial necesitan, polas características dos seus alumnos, un maior coidado e asistencia e é por iso polo que cómpre a asistencia do maior número de persoal, como coidadores, persoal médico, etc.

Na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, cóidase necesario fixar servicios mínimos que cubran a área de transporte, e nese sentido o Decreto 61/1985, do 18 de abril, dispón que deberán manterse os servicios de transporte de estudiantes e escolares na súa integridade e os dos obreiros que se presten antes das 9 e despois das 18 horas.

No tocante ós servicios de transporte de carácter concesional en sentido estricto (servicios regulares de uso xeral), establécense soamente servicios mínimos respecto das expedicións que teñan a súa orixe ou destino nas localidades afectadas pola convocatoria da folga.

En consecuencia e de acordo co establecido no parágrafo 5º.2 do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta das consellerías de Sanidade e Servicios Sociais, Agricultura, Gandería e Montes, Pesca, Marisqueo e Acuicultura, Educación e Ordenación Universitaria e Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con carácter xeral o mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais durante a folga xeral convocada nos concellos de Cangas e Bueu, na provincia de Pontevedra, para o día 24 de maio de 1995, é o seguinte:

1.1. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

1.1.A. Servicios mínimos de Bueu.

-Xornada habitual:

1 Médico xeral.

1 Médico pediatra.

1 A.T.S.-A.P.D.

1 Matrona.

1 Celador.

1 Fisioterapeuta.

1 Odontólogo.

-Quendas de gardas:

1 Médico.

1 A.T.S.-A.P.D.

1 Matrona.

1 Celador.

1.1.B. Servicios mínimos de Cangas.

-Xornada habitual:

2 Médicos xerais (1 E.A.P. e 1 A.P.D.).

1 Pediatra.

2 A.T.S. (1 E.A.P. e 1 A.P.D.).

1 Matrona.

1 Auxiliar administrativo.

1 Celador.

-Servicio de urxencias (dependente do I.S.M.).

1 Médico.

1 A.T.S.

1 Celador.

1.2. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

1.2.A. Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.

-Persoal contratado para a execución do Plan de Defensa contra Incendios Forestais (INFOGA).

1 Brigada por concello.

No caso de que durante o día da folga se producisen incendios que, a xuízo dos responsables do servicio, obrigasen a adoptar medidas complementarias ás adoptadas co persoal previsto como mínimo, este poderá elevarse ata o cento por cento do persoal contratado.

1.2.B. Servicio de Medio Ambiente Natural.

1 Axente forestal en cada concello.

1.2.C. Axencia do Servicio de Extensión Agraria de Cangas.

1 Funcionario.

1.3. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

1.3.A. Confradía de Cangas.

1 Posto base do grupo D.

1.3.B. Confraría de Bueu.

1 Posto base do grupo D.

1.4. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Nos centros escolares dependentes da consellería:

-O director e 1 subalterno en cada centro escolar.

-O 50% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación básica con servicio de comedor.

-O 50% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escolas-fogar, e centros residenciais docentes.

-A totalidade de persoal de comedores, A.T.S., limpeza, coidadores, e persoal médico dos centros de educación especial.

As porcentaxes sinaladas anteriormente considéranse indispensable toda vez que o servicio de comedores é inherente á asistencia a clase, e a deficiencia na súa atención, en calquera dos dous aspectos, conculcaría o dereito á educación.

1.4. Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

1.4.A. Servicios mínimos nas localidades de Cangas e Bueu.

-Servicio Cangas-Vigo: 6, 8.30 e 21 horas.

-Servicio Vigo-Cangas: 8, 18.30 e 21.30 horas.

1.4.B. Servicio de transporte de escolares e estudiantes.

Tódolos servicios:

1.4.C. Servicio de transporte de obreiros.

Servicios en expedicións anteriores ás 9 horas e posteriores ás 18 horas.

1.4.D. Transporte de mercadorías.

-Toda clase de mercadorías a establecementos sanitarios.

-Gasolina, gasóleo ou fuel á rede de emerxencias de estacións de servicio ou surtidores, así como ás industrias que utilicen os citados productos nos seus procesos de fabricación.

-Productos alimentarios perecedoiros ós mercados centrais e centros de abastecemento.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos no artigo anterior será destinado, no suposto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais -Servicio Galego de Saúde- polos directores xerentes do centro de gasto ó que pertenzan, e polos delegados provinciais das consellerías respectivas nos restantes supostos, publicándose os nomes dos designados nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública