Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 1995 Páx. 3.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 21 de abril de 1995 pola que se convocan axudas económicas para o acollemento familiar de persoas maiores e minusválidos.

O Decreto 225/1994, do 7 de xullo, que establece o programa de acollemento familiar para persoas maiores e minusválidos, ten por finalidade o mantemento do ancián ou do minusválido no seu medio social habitual, facilitando así a integración e evitando o internamento en institucións, cando este non sexa adecuado ou desexado.

Na súa aplicación haberá que ter presente o réxime xeral de axudas e subvencións reguladas polo Decreto 258/1990, do 27 de abril, así como as modificacións introducidas pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e pola Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

En concreto trátase de dar cumprimento ó artigo 8 do devandito Decreto 225/1994, do 7 de xullo, que

dispón que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais efectuará anualmente unha convocatoria para o outorgamento das axudas económicas ós minusválidos e maiores de sesenta e cinco anos que desexen acollerse ós beneficios do citado programa.

Con este fin, na aplicación 11.02.212D.483.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 existe unha partida para as axudas económicas que se regulan no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

A presente orde ten por obxecto, a convocatoria de axudas económicas individuais para persoas maiores de 65 anos e minusválidos que desexen acollerse ós beneficios do programa de acollemento familiar regulado polo Decreto 225/1994, do 7 de xullo ( DOG do 22 de xullo de 1994).

Artigo 2º.-Contía das axudas.

1. O importe máximo subvencionable do servicio de acollemento familiar será o que a seguir se detalla en función dos distintos tipos de beneficiarios:

a) Para minusválidos:

-Para minusválidos afectados de discapacidades que non lles impidan realizar con autonomía as actividades da vida diaria: 70.000 ptas./mes.

-Para minusválidos afectados de discapacidades graves e severas que lles faga precisar da continua axuda para as actividades da vida diaria: 90.000 ptas./mes.

b) Para persoas maiores:

-Válidas: persoas maiores de 65 anos que poden valerse por si mesmas para a realización das actividades da vida diaria: 60.000 ptas./mes.

-Asistidas: persoas maiores de 65 anos que necesitan doutra persoa para a realización das actividades da vida diaria: 90.000 ptas./mes.

2. Para efectos do cálculo da subvención considerarase que o beneficiario participa co 60% dos seus ingresos mensuais líquidos no custo do acollemento polo que a contía máxima mensual subvencionable será a diferencia resultante entre os importes máximos establecidos no apartado anterior e a aportación do beneficiado establecida neste apartado.

No cálculo dos ingresos mensuais do beneficiario así como na súa participación no custo do acollemento non se incluirán as pagas extraordinarias das pensións.

3. O importe da axuda poderá reducirse a teor do disposto no artigo 12 do Decreto 225/1994, do 7 de xullo.

Artigo 3º.-Beneficiarios, solicitudes, tramitación e resolución.

1. En relación cos beneficiarios, solicitudes, requisitos, tramitación e resolución das axudas aplicarase o disposto nos capítulos II, III e IV do Decreto 225/1994, do 7 de xullo.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 3 meses contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Este prazo enténdese ampliado ata o 30 de setembro para aquelas situacións nas que se acredite que se produciron despois dos 3 meses establecidos e sempre e cando a concesión da axuda económica evitara o internamento do beneficiario nun centro residencial.

Artigo 5º.-Documentación.

1. Será necesario presenta-la documentación citada no artigo 8 do Decreto 225/1994, do 7 de xullo, utilizando os modelos de impresos elaborados para o efecto.

2. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa requirirase ó solicitante para que, nun prazo de 10 días, aporte os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, facéndolle indicación de que se así non o fixera, considerarase que desistiu da súa petición arquivándose sen máis trámite cos efectos previstos no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-A avaliación das solicitudes.

1. A avaliación das solicitudes efectuarase pola Comisión de Valoración que se constituirá para tal efecto en cada delegación provincial.

2. A Comisión de Valoración estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o xefe da Área de Servicios Sociais da delegación provincial.

-Vocais: dous empregados públicos da Área de Servicios Sociais, sendo un deles o xefe de servicio responsable deste programa e outro un empregado público encargado da súa xestión, designado polo delegado provincial. Actuará como secretario un dos vocais.

3. Poderá asistir ás sesións da comisión, con voz pero sen voto, un representante dos servicios sociais de Atención Primaria e un representante da respectiva Intervención Territorial.

4. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe os respectivos delegados provinciais da Con

sellería de Sanidade e Servicios Sociais e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer noutro empregado público do mesmo servicio có substituído.

Artigo 7º.-Concesión das axudas.

1. As axudas, unha vez avaliadas pola Comisión Provincial e fiscalizadas pola Intervención, serán concedidas polos respectivos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes será de 2 meses, contados a partir do día seguinte á data de peche do prazo de presentación de solicitudes, se ben, a proposta dos órganos encargados de resolver, o director xeral de Servicios Sociais poderá acordar unha ampliación do prazo que non poderá ser superior ó inicialmente, establecido.

Entenderanse desestimadas as peticións cando non recaese resolución expresa no prazo establecido para dictalas.

3. No caso de producírense baixas debidamente acreditadas procederase á súa cobertura concedendo novamente as axudas ás persoas que máis o necesiten dentro daquelas ás que lles fora denegada por insuficiencia orzamentaria para o ano en curso e producirá efecto desde o momento da súa concesión.

A Dirección Xeral de Servicios Sociais poderá determina-lo número máximo de axudas que se poidan conceder para o presente exercicio de acordo coas limitacións orzamentarias valoradas conforme as instruccións que se dicten posteriormente.

Artigo 8º.-Pagamento das axudas.

1. Terase dereito ó pagamento da axuda desde o día da súa concesión.

2. Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro os beneficiarios das subvencións terán acreditado que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

3. O pagamento efectuarase por mensualidades vencidas na conta corrente que sinale o beneficiario e da que ha de ser titular o propio beneficiario ou o seu representante legal, logo da presentación do contrato de acollida, segundo anexo VII do Decreto 225/1994, do 7 de xullo, cando se trate do pagamento da primeira mensualidade.

4. Naquelas baixas que se produzan dentro da primeira quincena do mes, aboarase soamente a metade da contía correspondente, e nas que acontezan na segunda quincena aboarase a totalidade.

Artigo 9º.-Control e fiscalización.

Os beneficiarios das axudas quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e ás de control financeiro que lle corresponden á Consellería de Economía

e Facenda e as previstas na lexislación do Consello de Contas.

Disposicións adicionais

Primeira.-En relación coa prórroga das axudas, obrigas dos beneficiarios, seguimento e control daquelas, e a súa extinción, aplicarase o disposto no Decreto 225/1994, do 7 de xullo, de conformidade co disposto na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1995 e normas que o desenvolven.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado para o efecto no orzamento da Comunidade Autónoma para o presente exercicio.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante da revogación da axuda e o seu conseguinte reintegro xunto cos intereses de demora, segundo o previsto no artigo 78.6º da Lei 11 /1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais