Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 1995 Páx. 3.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de marzo de 1995 pola que se regulan as axudas á contratación cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1995.

A política de emprego da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, prevé, entre outras medidas, o cofinanciamento, xunto con diversos poderes públicos dos estados membros, de axudas á contratación de desempregados menores de 25 anos ou con 25 ou máis anos, parados de longa duración, na súa modalidade de duración indefinida a tempo completo, e á conversión de contratos temporais en indefinidos.

Co obxecto de cumprir co mandato constitucional de realizar unha política orientada ó pleno emprego, recollido no artigo 40.1º da Constitución, a Xunta de Galicia e a Administración central, dentro do marco do convenio de colaboración en materia de política de emprego, subscrito co Ministerio de Traballo e Seguridade Social, presenta ó Fondo Social Europeo solicitudes de axuda para o cofinanciamento das accións reguladas na presente orde, ó abeiro do Real, decreto 1492/1987, do 25 de novembro, e de acordo co establecido nas normas e directrices derivadas da reforma dos fondos estructurais da Unión Europea, cuantificadas no marco comunitario de apoio.

Para a posta en marcha dos proxectos presentados perante o precitado fondo, é preciso dicta-las normas que regulen a concesión destas axudas, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 e cos fondos reflectidos no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O obxecto da presente orde, que se rexerá polo disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario, pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995, polo Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola presente orde de convocatoria é conceder axudas, de ata un máximo de 610.272 pesetas por traballador, a empresas (persoas físicas ou xurídicas) que contraten por tempo indefinido e a xornada completa:

a) A mozos desempregados menores de 25 anos.

b) A desempregados con 25 ou máis anos.

c) Á transformación dun contrato temporal en indefinido, independentemente do momento de forma

lización do de carácter temporal, exceptuándose os contratos en prácticas, para a formación e aprendizaxe.

2. As ditas axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.222A.471, 14.04.222A.472 e 14.04.222A.475 dos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1995, xunto cos fondos recollidos no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Artigo 2º

1. Os beneficios previstos na presente orde non poderán dar lugar a un financiamento superior ós gastos pertinentes, polo que se procederá á súa reducción proporcional cando o salario bruto anual que deba percibi-lo traballador, xa sexa este o salario mínimo interprofesional ou o que lle corresponda, en virtude do pacto colectivo ou individual, resulte inferior á axuda en principio determinada.

2. Estas subvencións serán incompatibles con outras, que se perciban, en concepto de axuda salarial, como medida de fomento de emprego.

3. O tope máximo de subvención por empresa non excederá de oito millóns de pesetas.

Artigo 3º

Só poderán beneficiarse das axudas previstas nesta orde as empresas que:

1. Teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma e contraten o traballador para prestar servicios neste ámbito.

2. Estean inscritas na Seguridade Social o día en que se produza a contratación.

3. Estean ó día no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, ou que teñan concedido o aprazamento no pagamento das cotas.

4. Estean ó día nos pagamentos das obrigas tributarias ou teñan concedido aprazamento no pagamento.

5. Non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. Incrementen o cadro de persoal fixo da empresa como consecuencia da contratación dos traballadores dos que se fomenta a contratación, de xeito que supere a media aritmética daquela no ano 1994.

7. Non estean en situación de regulación de emprego, suspensión de pagamento ou quebra.

Artigo 4º

Poderán acollerse ós beneficios previstos nesta disposición as modalidades de contratación sinaladas no artigo 1º.1 apartados a) e b), que se leven a cabo desde o comezo do ano 1995, e no seu apartado e), sempre que a transformación se produza no ano 1995, que se resolverán segundo o criterio recollido no artigo 7º.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro. Non obstante, e por razóns de efi-

cacia, resolveranse trimestralmente as solicitudes presentadas nos meses anteriores.

Artigo 5º

Exclúense dos beneficios desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, ou outras disposicións legais.

b) Os contratos celebrados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consaguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario individual ou dos que ocupen postos de alta dirección na empresa, cando esta adopte forma de sociedade, así como os celebrados cos socios.

c) As contratacións realizadas con traballadores que nos vintecatro meses anteriores ó da data de contratación prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Artigo 6º

1. As empresas que desexen acollerse ós beneficios recollidos na presente orde deberán presentar solicitude para o efecto, na que declaren reuni-los requisitos enumerados no artigo 3º, na delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude onde estea o centro de traballo, ou da forma prevista nas normas reguladoras do procedemento administrativo.

2. Á solicitude deberá unírselle por triplicado exemplar, mediante orixinal ou fotocopias debidamente compulsadas, a seguinte documentación:

a) Copia auténtica do DNI da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder bastante para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) Modelos TC1 e TC2 de cotización á Seguridade Social de 1994, así como os dos meses inmediatamente anteriores á solicitude, excepto o do mes inmediatamente anterior.

c) Fotocopia do DNI do traballador que se pretende contratar.

d) Compromiso de contratación, ou compromiso da empresa de convertilo en indefinido, no caso de que o contrato inicial estivese suxeito a temporalidade, sempre que non sexan para a formación, en prácticas ou aprendizaxe.

e) Fotocopia da tarxeta de demanda de emprego do traballador que se pretende contratar e/ou, declaración xurada do traballador da súa situación real de desemprego, con indicación do tempo que permaneceu en desemprego; a devandita situación someterase a comprobación, previa á concesión da subvención, por parte dos servicios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

f) Solicitude de transferencia bancaria en modelo oficial, que será facilitada polas delegacións da Con

sellería de Familia, Muller e Xuventude, fotocopia do código de identificación fiscal e certificado de existencia de conta en banco ou caixa.

g) Declaración expresa de que non se percibe ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra Administración pública.

h) Declaración pola que se expresa submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

3. As empresas de nova creación, no momento de presentaren da solicitude, deberán presenta-lo último recibo do imposto de actividades económicas e modelo A de alta na Seguridade Social.

Artigo 7º

1. Terán carácter prioritario as contratacións realizadas naqueles sectores con maior incidencia de desemprego, as efectuadas en favor das mulleres, as pequenas e medianas empresas e aqueloutras que contraten por primeira vez.

2. Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos preceptivos, no prazo de 10 días, requirirase o interesado para que, no prazo doutros 10 días, corrixa os defectos ou falta observada, advertíndolle que, no caso contrario, será arquivada a súa sólicitude sen máis trámite.

Artigo 8º

1. Unha vez completos os expedientes, remitiránselle, para o seu informe preceptivo, á comisión de valoración que, unha vez estudiada cada solicitude, efectuará proposta de resolución, elevándoa ante o delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará composta polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que actuará como presidente, e serán vocais o xefe de sección con competencias en materia de emprego, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, designado polo delegado.

Artigo 9º

1. As resolucións das axudas, unha vez informadas pola comisión de valoración, e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións territoriais, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. No caso de que o contrato polo que solicita a subvención fose temporal, as delegacións provinciais comunicaranlle á empresa solicitante a obriga de presentar, no prazo de 10 días, a conversión do contrato en indefinido. As respectivas resolucións deberánselles notificar ós solicitantes, podéndose modifica-las ditas resolucións pola alteración das circunstancias determinantes do seu outorgamento.

Artigo 10º

1. Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das subven

cións terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ninguna débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. A subvención concederase e farase efectiva en forma de pagamento único e unha vez xustificada debidamente, mediante a presentación do contrato indefinido debidamente rexistrado no INEM, así como a alta do traballador na Seguridade Social.

Artigo 11º

No suposto de cesamento dos traballadores polos que se concedese a subvención, a cobertura das vacantes terase que realizar dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que lle deberá comunica-la empresa á delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes ó do dito cesamento laboral.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo no Ministerio de Traballo e Seguridade Social, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co interese de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para este fin, para 1995, e os compromisos reflectidos no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego, para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude