Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 18 de maio de 1995 Páx. 3.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 1995, da Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, pola que se dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio de colaboración subscrito entre a devandita consellería e o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente sobre actuacións derivadas do Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000.

Visto o texto do convenio de colaboración sobre actuacións derivadas do Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000, que se subscribiu o 27 de febreiro de 1995 entre o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e maila Consellería de Industria e Comercio, e de conformidade co disposto na súa cláusula duodécima, a Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio resolve dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1995.

Manuel Barreiro Barbeito

Secretario xeral da Consellería de Industria e

Comercio

Convenio entre o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia sobre actuacións derivadas do Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000.

En Madrid, 27 de febreiro de 1995,

REUNIDOS:

Dunha parte José Borrel Fontelles, ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, cargo para o que foi nomeado por Real decreto 1175/1993, do 13 de xullo.

Doutra parte Antonio Couceiro Méndez, conselleiro de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia,

EXPOÑEN:

I. A Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Política Ambiental, ten encomendada polo Real decreto 1671/1993, do 24 de setembro, o impulso e coordinación de actuacións integradas para a protección do medio ambiente.

II. A Consellería de Industria e Comercio actúa en virtude da competencia que en materia de medio ambiente asumiu a Comunidade Autónoma de Galicia, en onde o seu Estatuto de autonomía, no seu artigo 27.30º sinala que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1º 23 da Constitución.

III. En materia de residuos tóxicos e perigosos, correspóndelle á Administración xeral do Estado formular un Plan Nacional de Residuos Tóxicos e Perigosos (artigo 11 da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos). Na súa virtude, o Consello de Ministros do 17 de febreiro de 1995 aprobou o Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000 integrando e complementando os plans e programas de xestión de residuos perigosos de tódalas comunidades autónomas.

IV. A Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia coinciden na necesidade de colaborar no financiamento preciso para acada-los obxectivos que se perseguen no Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000, polo que acordan, de acordo co establecido polo artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, subscribi-lo presente convenio con suxeición ás seguintes,

CLÁUSULAS:

Primeira.-Obxecto do convenio.

O obxecto deste convenio é establece-las condicións básicas para a colaboración entre a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade

Autónoma de Galicia no financiamento de actuacións encamiñadas á consecución dos obxectivos marcados no Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000 aprobado polo Consello de Ministros do 17 de febreiro de 1995.

Segunda.-Financiamento.

O Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente comprométese a achegar recursos por un importe equivalente ó 25% dos investimentos públicos previstas no plan, calculados en 180.000 millóns de pesetas, de acordo coa información dispoñible asinamento do presente Convenio, con cargo o seu orzamento, segundo as dispoñibilidades orzamentarias anuais de que dispoña, ou mediante a canalización de recursos do Fondo de Cohesión a proxectos xestionados polas comunidades autónomas durante o período de vixencia do plan.

Terceira.-Actuacións con cargo ó orzamento do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente.

No presente ano orzamentario 1995, as actuacións da Comunidade Autónoma de Galicia susceptibles de se acolleren ás axudas do plan segundo os criterios explícitos recollidos no plan relaciónanse no anexo I, que poderá ser ampliado ata o 30 de xuño de 1995. De acordo coa revisión, se é o caso, prevista na cláusula sexta do presente convenio, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá propoñer antes do 31 de marzo de cada ano a incorporación ó dito anexo das actuacións susceptibles de se acolleren ás axudas establecidas no plan.

Cuarta.-Acceso ós fondos de cohesión.

A Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda, no marco do acordo adoptado polo Consello de Política Fiscal e Financeira do 21 de novembro de 1994 comprométese a presentar ó Fondo de Cohesión proxectos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia incluídos no anexo II que resulten conformes o Plan Nacional de Residuos Perigosos e ós requirimentos comprendidos no Regulamento (CE) nº 1164/1994 do Consello, do 16 de maio, polo que se crea dito fondo e nos anexos á Decisión da Comisión Europea. Tales proxectos deberán ser presentados polas comunidades autónomas na Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente antes do 15 de febreiro de cada ano.

Os proxectos do anexo II presentados ó Fondo de Cohesión e elixidos pola Unión Europea para tal financiamento serán obxecto dun acordo específico entre as partes deste convenio e o Ministerio de Economía e Facenda. O dito acordo ten a finalidade exclusiva de garanti-lo necesario seguimento financeiro e a responsabilidade das administracións perante o Fondo de Cohesión.

A Comunidade Autónoma de Galicia comprométese, para aqueles proxectos que sexan subvencionados polo Fondo de Cohesión, a cumpri-los preceptos dispostos no Regulamento (CE) nº 1164/1994, do Consello, do 16 de maio, polo que se crea o dito fondo e nos

anexos á Decisión da Comisión da Unión Europea, e en particular no referente á devolución das cantidades que foran aboadas indebidamente por erro ou por incumprimento do estipulado na decisión correspondente.

Quinta.-Requisitos que debe cumpri-la Comunidade Autónoma.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a ultimar antes do 31 de outubro de 1995 un inventario dos residuos perigosos xerados no seu ámbito territorial, elaborado de acordo coa clasificación contida na lista europea de residuos perigosos.

2. Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia deberá ultimar antes do 31 de outubro de 1995 un programa de xestión de residuos perigosos aprobado polo seu Consello de Goberno.

Sexta.-Criterios de distribución territorial do financiamento.

O financiamento establecido na cláusula segunda deste convenio distribuirase de acordo ca porcentaxe de residuos perigosos xerados por cada Comunidade Autónoma. As ditas porcentaxes serán revisadas en novembro de 1995, unha vez que se dispoña dos inventarios a que se refire a cláusula quinta 1 deste convenio presentados por tódalas comunidades autónomas. A revisión das porcentaxes de distribución territorial do financiamento así como o investimento público total necesario para o cumprimento do Plan Nacional serán sometidos á consideración da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente.

Sétima.-Comisión Bilateral de Seguimento.

Constituirase unha Comisión Bilateral de Seguimento deste convenio, que se reunirá polo menos unha vez ó trimestre e, se é o caso, cando unha das partes o solicite.

A comisión estará formada polo seguintes membros:

Presidentes: o director xeral de Política Ambiental da Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e o director xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presidencia exercerana en quendas rotatorias de seis meses de duración cada unha, os cargos antes indicados. O cargo que non exerza a presidencia ocupará a vicepresidencia.

Vocais: dous representantes da Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e dous representantes da Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia, actuando un deles de Secretario, de forma rotatoria por períodos de seis meses.

Poderán designarse por cada unha das partes deste convenio suplentes dos membros da comisión cando os seus titulares non poidan asistir ás reunións. Tamén poderán asistir ás reunións da comisión aqueles técnicos que a propia omisión Bilateral de Seguimento xulgue conveniente.

As funcións da comisión serán as seguintes:

a) Ter coñecemento, se é o caso, do proceso de elaboración do inventario e do Plan de Xestión de Residuos Perigosos da Comunidade Autónoma.

b) Elevar, se é o caso, os órganos competentes, as modificacións que poidan producirse no anexo I.

c) Analiza-los proxectos de descontaminación sobre os que se vai actuar.

d) Interpretar, no caso de dúbida, o contido do presente convenio e, en consecuencia, propoñe-las decisións oportunas acerca das variacións ou cambios aconsellables na execución de cada un dos proxectos ou obras.

e) O seguimento do programa de actuacións do convenio propoñendo ás respectivas administracións as variacións que se consideren precisas. Para o efecto, o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia informará trimestralmente ós membros da comisión da evolución dos proxectos e das obras en execución.

Oitava.-Incidencia nas actuacións.

A supresión dalgún dos proxectos previstos ou a edición doutros distintos ós programados para cada ano, por iniciativa da Comunidade Autónoma, comunicarase á Comisión Bilateral de Seguimento e en ningún caso poderá supoñer unha variación na contía nin na porcentaxe de participación establecida no plan.

Novena.-Natureza do convenio.

O presente convenio posúe natureza administrativa, rexendo na súa interpretación e desenvolvemento o ordenamento xurídico administrativo, con expresa submisión das partes á xurisdicción contencioso-administrativa nos termos que establece o artigo 8.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En todo caso, con carácter supletorio, estarase ó disposto no vixente texto articulado da Lei de contratos do Estado e o seu regulamento.

Décima.-Vixencia do convenio.

O presente convenio entrará en vigor a partir da data da súa formalización e rematará na data de finalización do Plan Nacional de Residuos Perigosos indicado no primeiro parágrafo da cláusula primeira.

Décimo primeira.-Causas de extinción.

O presente convenio extinguirase, ademais de polo remate do seu vigor do modo previsto na cláusula anterior, polas seguintes causas:

a) Se resultase imposible a realización das actuacións obxecto deste convenio.

b) Se ó longo do período de duración del se producisen circunstancias que fixeran imposible ou innecesaria a realización das actuacións previstas.

Décimo segunda.-Publicación do convenio.

O presente convenio publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

José Borrell Fontelles Antonio Couceiro Méndez

Ministro de Obras Públicas, Conselleiro de Industria

Transportes e Medio Ambiente e Comercio