Con data 15 de marzo de 1995 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado da obra de alargamento e mellora da estrada LU-122, tramo: Paraxes-Bretoña. Clave N/LU/91.7.1.
Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.
A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación teña atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2º do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración por estar incluída nas actuacións programadas no itinerario Paroxes-Lourenzá con tramos xa en servicio, contando con financiamento da Unión Europea.
En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído para efectos de expropiación no proxecto das obras de alargamento e mellora da estrada LU-122, tramo: Paraxes-Bretoña. Clave NLU/91.7.1
Santiago de Compostela, vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Cuíña Crespo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda