Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 1995 Páx. 3.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 marzo de 1995 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1995.

0 Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento, e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e grados, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 51.1º que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 63.1º establece que os poderes públicos desenvolverán accións de carácter compensatorio en relación coas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, establece no seu artigo 5, entre outras, as seguintes actuacións previas e programas de acción:

-Promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias, e

-O fomento e execución de convenios de colaboración con todas aquelas institucións, entidades e empresas públicas ou privadas que leven a cabo actividades paralelas ou estén dispostas a emprendelas.

Co fin de potenciar cantas accións sexan conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas e á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de proxectos cada vez máis consolidados así como iniciar novos proxectos que proporcionen ós alumnos unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios.

Estes proxectos tendentes a alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e a evolución do mercado de traballo encádranse dentro da acción F.1.-Formación Profesional Educación do obxectivo 1.7 do Marco de Apoio Comunitario para o período 1994-1999, estando cofinanciados co Fondo Social Europeo.

Entre as accións a desenvolver considérase de forma específica a oferta de novos programas específicos de garantía social, para as cidadanas e cidadáns que, tendo entre 16-20 anos non alcanzaron os obxectivos da educación obrigatoria. De forma especial promocionaranse as accións orientadas a supera-las probas de Ensinanzas non escolarizadas de formación profesional de primeiro grao, conducente á obtención do título de técnico auxiliar que ademáis de proporcionar unha cualificación profesional, habilita para proseguir estudios regrados de BUP ou FP de 2º grao, co que se facilita a promoción cultural e académica dos que abandonaran os seus estudios básicos sen titulación.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo alfabetizar ou eleva-lo nivel de formación básica ou cualificación profesional da poboación adulta e que se realicen durante o ano 1995.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorre-las corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídos os centros docentes que proxecten desenvolver actividades que teñan como obxectivo prioritario a alfabetización ou outras actividades relacionadas coa educación de adultos.

Terceiro.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 07.04.322H.480.00 e 07.04.322H.460.00 da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, ata un total de 150.000.000 de ptas, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995.

Cuarto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no Rexistro Xeral da Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles a partir da publicación da presente orde.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de actividades, tamén por duplicado, conforme o anexo II. Así mesmo, xuntaranlle á documentación sinalada unha certificación bancaria da conta corrente a nome do titular ou representante legal da entidade solicitante na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

Sexto.-A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos poderá requinir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos aportados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que acompaña a solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós servicios provinciais de Inspección.

-O xefe do Servicio de Formación de Adultos e Xestión Económica.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custos por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 299/1990, de 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e a elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

A selección e contía das axudas estableceranse de acordo cas seguintes prioridades:

a) Actividades que teñan como obxectivo prioritario a alfabetización.

b) Formación de base conducente á obtención de certificados ou títulos de graduado escolar ou de técnico auxiliar de formación profesional que permitan o acceso á educación secundaria para persoas adultas.

c) Programas de garantía social para xóvenes menores de 21 anos que polo menos cumpran dezaseis no ano natural en que inician o programa e non teñan alcan

zado os obxectivos da educación secundaria obrigatoria nin posúan titulación ningunha de formación profesional.

Algunhas destas actividades poderanse realizar en cooperación con centros de educación permanente de adultos ou centros públicos que impartan ensinanzas regradas de formación profesional. Nestes supostos o material inventariable empregado na aplicación das actividades programadas cederase ós ditos centros.

En todo caso daráselle prioridade ós proxectos que se realicen en concellos que non conten con centros de educación de adultos ou de formación profesional regrada e non se desenvolvan actividades de oferta pública, para educación de adultos.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

A dotación orzamentaria para este concepto distribuirase en partes iguais entre as accións a), b) e c). En caso de non cubrirse o orzamento dalgunha delas acumularase ás restantes accións en proporción ó interese das solicitudes presentadas nas outras opcións.

Noveno.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal e de funcionamento xerados polo proxecto e serán aboadas, de conformidade co que dispón o artigo 35, 2º A) da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 (DOG do 30 de decembro) da seguinte forma:

1º.-Concederase o 10% da contía subvencionada no momento da Resolución desta Orde, previa aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezado a/as actividade/s.

2º.-Libraranse, en concepto de pagos parciais, as cantidades que xustifiquen as entidades no prazo sinalado, sen exceder, en ningún caso, o 70% da cantidade total da subvención.

3º.-A cantidade restante librarase unha vez finalizada a actividade no momento da súa completa xustificación por parte do beneficiario e entrega da memoria dela, xuntando certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada para o efecto do disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario.

Décimo.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-A gratuidade das actividades.

-A xestión directa do proxecto subvencionado.

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

-A cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-A certificación dos gastos dos fondos recibidos no prazo que se determine.

-Comunica-lo número real de participantes e os axustes realizados.

-Xuntar copia dos contratos, se é o caso, do persoal laboral contratado.

-En xeral, ó cumprimento do que se establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Undécimo.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 15 días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso a memoria e xustificación deberanse presentar antes do 15 de novembro de 1995.

Duodécimo.-A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, a través do Servicio Provincial de Inspección, realizará o seguimento dos proxectos subvencionados.

Décimo terceiro.-A subvención poderá ser revocada, despois da audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto presentado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente.

Décimo cuarto.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compóstela, 20 de marzo de 1995

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

MODELO DO PROXECTO

1.-Datos de identificación.

-Nome da entidade solicitante.

-Dirección

-Sede do centro ou local no que se desenvolverá a actividade.

2.-Actividade desenvolta o ano anterior:

-Tipo de actividade.

-Nº de grupos.

-Nº de alumnos iniciais.

-Ratio alumno/profesor.

-Nº de alumnos que abandonaron a actividade.

-Nº de alumnos propostos para probas.

-Nº de alumnos que aprobaron.

3.-Poboación á que vai dirixido, con matización, a ser posible, da situación socioeconómica e educativa.

4.-Deseño do proxecto:

a) Tipo de proxecto: alfabetización, educación básica adultos, ... etc.

b) Modalidade de actuación:

-Indiviualizada da entidade solicitante.

-En cooperación con centros de educación permanente de adultos, se é o caso.

c) Breve descrición do proxecto que se vai desenvolver con referencia dos propositos, actividades, etc.

d) Temporalización (data de inicio e data de finalización das actividades).

5.-Recursos necesarios para o desenvolvemento do proxecto:

a) De persoal (Nº profesores ...)

b) De funcionamento (infraestructura ...)

c) Orzamento:

-De persoal

-De funcionamento

-Total

Repetiranse estes aspectos para cada unha das actividades.

6.-Recursos que aporta a entidade, se é o caso:

a) De persoal

b) De funcionamento.

c) Total

Repetiranse estes aspectos para cada unha das actividades.

7.-Subvención solicitada (diferencia entre o apartado 5.c) e 6.c) deste anexo)