Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 1995 Páx. 2.980

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 31 de marzo de 1995 pola que se regula a concesión de axudas específicas á adquisición e á rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

A situación actual dos centros históricos galegos presenta un aceptable estado de conservación con referencia a outros núcleos históricos do Estado, a pesar do cal é obvio que aparecen bolsas de deteriorización singular onde as actuacións específicas de intervención por parte da Administración se fan máis necesarias. Sen embargo e para os efectos de establecer inicialmente un marco amplo, que permita outorgar axudas específicas á rehabilitación dos inmobles neles situados, convén analizar aqueles aspectos de referencia específica e obrigada na consideración dos que se van rehabilitar.

Así pois, con independencia do financiamento de actuacións protexibles en materia de rehabilitación, que con carácter xeral se recollen nos Reais decretos 1932/1991, e 726/1993, que tamén son de aplicación para os inmobles dos núcleos históricos, a presente orde pretende fomenta-lo acceso á propiedade das vivendas, en especial por parte dos inquilinos, co fin de potencia-la súa posterior rehabilitación, así como establecer subvencións a fondo perdido para propietarios ou inquilinos, orientadas ó amaño das vivendas, liberalizando as esixencias técnicas das obras que se van realizar, incidindo fundamentalmente en:

a) Condicións estructurais. Seguridade.

A situación constructiva dos inmobles nos nosos núcleos históricos presenta serias deficiencias. Se ben, en termos comparativos co resto do Estado, este patrimonio consérvase nunhas aceptables condicións, en parte debido ó alto réxime de propiedade existente, sobre todo nos núcleos menores, no conxunto galego existe un alto número de inmobles en malas condicións de seguridade.

Por todo isto, faise imprescindible emprender medidas que conduzan á seguridade estructural.

Así mesmo, con independencia da seguridade e solidez do inmoble, aspecto vinculado ós sistemas estructural e constructivo, que deberán ser obxecto dun específico dictame técnico, existen outra serie de aspectos vinculados á seguridade, que deberán tratarse dun xeito específico.

Así, as diversas instalacións do edificio que fan referencia á electricidade ou a seguridade fronte a incendios e sinistros deberanse adaptar ás normativas vixentes.

Outras instalacións como as de subministración de auga ou saneamentos, xeralmente deficitarias, débense acomodar ós niveis de servicio esixidos actualmente.

b) Condicións de habitabilidade.

A maioría destes inmobles pola súa propia antigüidade ou porque foron reconstruídos sobre solos inadecuados, polas súas dimensións, para as necesidades funcionais actuais, presentan serias deficiencias en relación cos programas, dimensións de vivendas e estancias, adecuación dos servicios (especialmente os de carácter hixiénico-sanitario), aspectos de funcionalidade en xeral das instalacións e condicións de iluminación e aireación das diferentes dependencias.

Trátase, polo tanto, dun patrimonio suxeito a intervencións globais de mellora sobre esas condicións de partida, inadecuadas hoxe ante as condicións de habitabilidade esixibles.

c) Condicións artísticas: protección patrimonial

A protección dos valores culturais e artísticos dos inmobles no que se refire ás súas fachadas, volumes edificados ou elementos singulares serán, do mesmo modo, obxecto de subsidio económico, podendo solicitarse axudas tendentes á mellora e protección dos elementos exteriores dos edificios (mellora dos materiais, cantería, revocaduras, pinturas, carpintería, cubertas, e elementos singulares) sempre tendo en conta a adecuación das obras á normativa do plan especial se o houber, ou ás directrices do Patrimonio Histórico.

En virtude do anterior, e logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9-11-1993, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá unha subvención do 5% do seu prezo, dentro do

programa de vivenda libre a prezo taxado definido nos reais decretos 1932/1991 e 726/1993, á adquisición polos seus inquilinos, das vivendas incluídas en zonas de rehabilitación de núcleos históricos por fomento da iniciativa privada.

2. As ditas zonas serán delimitadas por acordo municipal e terán que estar incluídas obrigatoriamente na delimitación de conxunto histórico-artístico oficialmente aprobada.

3. Para a solicitude da axuda seguirase o procedemento establecido na orde que regula a concesión de axudas do Plan 1992-1995, xuntando, ademais, a seguinte documentación específica:

a) Certificado municipal de inclusión da vivenda na zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada, aprobada por aquél.

b) Contrato de arrendamento cunha antigüidade mínima de un ano.

4. As obrigas derivadas da aplicación do presente artigo atenderanse, durante o presente exercicio con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.783 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá, igualmente, axudas a promotores de actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios con destino a vivenda incluídos en zonas de rehabilitación do núcleo histórico, por fomento da iniciativa privada, definido da forma establecida no artigo anterior.

2. As axudas consistirán nunha subvención do 30 por cento do importe das obras que se van executar, sobre un presuposto protexible máximo de dous millóns de pesetas por vivenda, sen prexuízo de que as ditas obras poidan acadar unha cifra superior.

Artigo 3º

1. As actuacións de rehabilitación que poderán acollerse á presente orde serán o conxunto de obras necesarias para acada-lo necesario nivel de adecuación nos seguintes aspectos:

a) Condicións estructurais-seguridade.

1.-Elementos estructurais e constructivos.

2.-Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

3.-Mellora das condicións de íllamento en xeral.

4.-Medidas de seguridade (incendios, sinistros, etc.) .

5.-Acabados de elementos comúns.

b) Habitabilidade.

1.-Programa funcional das vivendas.

2.-Dimensións da vivenda e as estancias.

3.-Adecuación e funcionalidade das diferentes instalacións.

4.-Condicións de ventilación, iluminación e aireación.

5.-Mellora das condicións constructivas.

e) Condicións artísticas: protección patrimonial.

1.-Melloras do volume externo.

2.-Melloras de elementos singulares.

2. As condicións a que se refire o apartado anterior serán as mínimas esixibles, sendo complementarias das determinacións derivadas do planeamento urbanístico que, se é o caso, afecten ós núcleos históricos.

3. As obras relativas á adecuación estructural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que non poderán solicitarse estas se o inmoble precisase a realización das primeiras.

O nivel mínimo de adecuación nos aspectos ós que se refire o presente artigo é o establecido no anexo I desta disposición.

Artigo 4º

1. Estas axudas son compatibles coas establecidas nos reais decretos 1932/1991 e 726/1993.

2. No caso de solicitar ámbalas dúas, a solicitude das previstas nesta orde poderase presentar ó mesmo tempo que a de cualificación provisional de rehabilitación conforme a lexislación estatal.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de agosto de 1995.

Artigo 5º

As solicitudes presentaranse nas oficinas da delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda e formularanse en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Xunto coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

-DNI/NIF.

-Memoria que conterá polo menos:

a) Descrición do tipo de actuación que vai levar a cabo entre as recollidas no artigo 3 da Orde do 31 de marzo de 1995.

b) Documento acreditativo da titularidade, como propietario ou inquilino.

c) Superficie útil da vivenda ou inmoble.

d) Orzamento de execución, asinado polo contratista, promotor e polo técnico competente, se é o caso.

e) Se é o caso, proxecto de execución asinado por técnico competente.

Prazo máximo da execución das obras.

g) Fotografías do edificio no que se proxecta a rehabilitación.

-Licencia municipal das obras.

-Certificado municipal de inclusión da vivenda na zona de rehabilitación do núcleo histório por fomento da iniciativa privada aprobada por aquel.

Artigo 6º

A aprobación das axudas establecidas na presente orde será efectuada polos delegados provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No caso de que complemente as axudas estatais, a aprobación poderase facer mediante dilixencia para o efecto na cualificación provisional de rehabilitación e deberá expresar, en todo caso, que ten carácter provisional ata que se lle outorgue ó expediente a cualificación definitiva de rehabilitación.

Nos outros casos a cualificación substituirase por unha aprobación provisional ou definitiva para os efectos do cumprimento dos requisitos desta orde, debendo aportarse ó expediente idéntica documentación.

Artigo 7º

As obrigas derivadas da aplicación do artigo 2º da presente disposición atenderanse durante o presente exercicio con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.784 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1995.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas Vivenda

ANEXOI

A. Condicións estructurais-seguridade.

a) Elementos estructurais e constructivos.

Deberán presentar garantías suficientes da súa adecuación. Para isto necesitarase certificación dun técnico competente que avale a estabilidade do edificio. A sobrecarga mínima que se deberá soportar ó uso é de 200 Kg/m

b) Instalacións en xeral.

-A instalación eléctrica para iluminación e usos domésticos cumprirá co Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Instalación de auga.

Distínguense dous supostos: que no núcleo histórico exista rede de abastecemento público, caso no que será obrigatoria a acometida de auga, que asegurará o nivel de servicio suficiente, considerando como tal un caudal de 15 litros por minuto.

Se non existe rede de abastecemento, e o inmoble se servise por captación propia, deberá existir un depósito de reserva suficiente.

-Instalación de saneamento.

Distínguense, así mesmo, dous supostos.

A existencia de rede de saneamento xeral no núcleo histórico: neste caso as augas residuais deberán recollerse en encanamentos tecnicamente aceptables e conectarse á rede xeral de forma adecuada. Entenderase que existe rede xeral cando discorra, como máximo, a 200 m do inmoble.

Se non existise rede xeral, resolverase o saneamento mediante fosas sépticas tecnicamente aceptables, situadas no exterior do inmoble. O efluente deberá ser depurado antes de mesturalo con augas correntes, ou envialo ó terreo.

Todo tipo de aparello sanitario deberá contar cos sifóns correspondentes.

Outras instalacións.

Son susceptibles de axuda as obras encamiñadas a dota-la vivenda de instalacións tales como teléfono, calefacción, antenas colectivas de FM e TV, así como as de protección contra incendios.

e) Condicións de illamento en xeral.

Garantirase o illamento do inmoble en xeral e a través de medios técnicos normais.

O illamento refirese tanto á estanqueidade de cubertas e fachadas á auga, como ó térmico e ó acústico.

d) Medidas de seguridade.

O inmoble contará coas mínimas condicións de seguridade fronte a incendios e sinistros.

Para isto deberán protexerse os elementos estructurais metálicos; as caldeiras e depósitos de combustible presentarán as medidas de aireación mínimas e a instalación eléctrica e antena colectiva presentarán as garantías técnicas necesarias.

Todo isto deberá ser certificado por técnico competente.

B. Condicións de habitabilidade.

Terase en conta neste aspecto a normativa vixente en materia de habitabilidade, especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

C. Condicións artísticas: protección patrimonial.

Poderán acollerse ó réxime de axudas para a mellora e conservación de elementos artísticos as actuacións en inmobles do núcleo histónico que, pola existencia dun plan especial, catálogo de inmobles ou disposicións emanadas da Comisión de Patrimonio, tivesen que mante-los referidos elementos. Estes fan referencia ó volume xeral do inmoble, fachadas e cuberta, así como a elementos singulares que poida presentar (chemineas, gárgolas, saíntes, pináculos, etc.).