Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 1995 Páx. 2.644

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 1995, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente a primeira fase do concurso de traslados para a provisión de postos de traballo do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares, convocado por Resolución de 16 de decembro de 1994, e se cita ós participantes na segunda fase do mesmo para o acto de elección de destino definitivo.

Publicada no Diario Oficial de Galicia nº 38, do 23 de febreiro de 1995, a Resolución de 16 de febreiro de 1995 deste centro directivo pola que se resolve provisionalmente a primeira fase do concurso de traslados para a provisión de postos de traballo do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares, e transcorrido o prazo para formular reclamacións, procede agora, conforme ó establecido no apartado 2 da base oitava da Resolución de 16 de decembro de 1994, publica-la resolución definitiva da primeira fase de dito concurso de traslados.

Igualmente conforme ó previsto na base undécima de dita resolución se procede a convocar a tódolos participantes na segunda fase do concurso de traslados para o acto de elección de destino definitivo. Por todo isto, este centro directivo,

ACORDA:

Primeiro.-Declarar resolta definitivamente a primeira fase do concurso de traslados para a provisión de postos de traballo do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares, convocado por Resolución de 16 de decembro de 1994.

Segundo.-Publicar no anexo I da presente resolución a relación de participantes xunto co destino adxudicado, no seu caso.

Terceiro-Vistas pola comisión de valoración as reclamacións presentadas por Josefa Miragaya Rodríguez e Domiciano Sabín Rodríguez, baseadas na existencia dunha omisión parcial no cómputo dos seus servicios, acórdase a súa estimación rectificándose a puntuación que lles foi outorgada na adxudicación provisional.

Cuarto.-Conforme ó establecido na base décima de dita Resolución de 16 de decembro de 1994, os prazos de cese no actual destino e de toma de posesión no destino adxudicado nesta primeira fase do concurso, serán anunciados mediante a resolución prevista no apartado 6 da base undécima de dita resolución.

Quinto-Convócase a tódolos aspirantes que superaron o concurso-oposición convocado pola Orde de 9 de novembro de 1990 e o convocado pola Orde de 24 de xullo de 1992, para que, nun único chamamento e acto, elixan obrigatoriamente destino definitivo, pola orde de puntuación final de ditos concursos-oposicións, con preferencia en favor do persoal que superou o concurso-oposición convocado pola Orde de 9 de novembro de 1990, sobre o que superou o concurso convocado pola orden de 24 de xullo de 1992, e dentro de cada un de ditos concursos-oposicións, con preferencia en favor do persoal que acceden polo sistema de promoción interna sobre o que accedeu polo sistema de acceso libre entre os postos de traballo que se especifican no anexo II da presente resolución.

Sexto-Dito acto celebrarase o próximo día 22 de abril de 1995, sábado, na facultade de Medicina sita na rúa de San Francisco s/n en Santiago de Compostela, ás 11.30 horas, no salón de actos.

Sétimo.-O citado acto de elección de destino definitivo levarase a cabo conforme ó establecido no apartado un da base undécima da Resolución de 16 de decembro de 1994, con arreglo ás seguintes reglas:

a) A solicitude será vinculante e irrenunciable. Os aspirantes irán provistos do documento nacional de identidade ou doutro documento que acredite de modo fidedigno a personalidade de dito acto. Os aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder notarial suficiente.

b) Non estarán obrigados a elixir destino definitivo nesta fase do concurso de traslados, os funcionarios de novo ingreso que se atopen desempeñando un posto de libre designación.

Asi mesmo, están exceptuados de participar obligatoriamente nesta segunda fase do concurso de traslados aqueles funcionarios de novo ingreso que superaron os concursos-oposicións convocados por ditas ordes, que se encontren na situación de excedencia voluntaria prevista no artigo 55 da Lei 4/1988, de 26 de maio, da función pública de Galicia.

c) Non poderán participar nesta fase do concurso de traslados os funcionarios que se atopen en destino provisional e que optaron.por facer uso do dereito que lles outorga o artigo 74.3º da Lei de bases de réxime local a non ser obrigados a participar neste concurso de traslados.

Oitavo.-Contra esta resolución poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais ou perante este centro directivo, de acordo co disposto no artigo 114, seguintes e concordantes da Lei 30/1992, de 26 de novembro, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte

ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1995.

Carlos Negreira Souto

Director xeral de Recursos Humanos