Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 04 de abril de 1995 Páx. 2.571

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de febreiro de 1995 pola que se regulan as axudas financeiras as asociacións e organizacións empresariais pesqueiras e marisqueiras.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co fin de contribuír ó fomento do asociacionismo, poderá conceder axudas destinadas a rebaixa-lo custo dos préstamos ou créditos concertados polas asociacións ou organizacións pesqueiras e marisqueiras no desenvolvemento de actividades dirixidas a defende-los intereses de todos e cada un dos seus membros.

Nos orzamentos para 1995, da Comunidade Autónoma de Galicia, figura dotada a seguinte partida orzamentaria 12.03.5B.470.00, «Regulación de mercados pesqueiros».

Na súa virtude e polas atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acción e obxecto da axuda.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co fin de contribuír ó fomento do asociacionismo, poderá conceder axudas destinadas a rebaixa-lo custo dos préstamos ou créditos concertados polas asociacións ou organizacións empresariais pesqueiras e marisqueiras que radican en Galicia para afianzamento das súas estructuras, no que se refire ós seus membros con enderezo social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ó concepto orzamentario 12.03.61.513.470.00. Os préstamos ou créditos irán destinados a potencia-lo sector pesqueiro galego nas súas fases de extracción, comercialización e transformación.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

As asociacións e organizacións interesadas remitirán un orixinal e tres copias da seguinte documentación:

-Solicitude dirixida ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o anexo I desta orde.

-Acreditación de ser unha organización ou asociación legalmente constituída.

-Certificación da correspondente xunta directiva do acordo de solicitude do préstamo ou crédito.

-Copia do documento no que se formaliza o préstamo ou o crédito.

-Declaración xurada das axudas obtidas ou solicitadas a outros organismos para a mesma finalidade.

-Certificación acreditativa do número de socios, o 31 de decembro de 1994, así como, se procede, do número de embarcacións ou artefactos flotantes adscritos a esa organización.

-Memoria explicativa da previsible disposición do préstamo ou crédito concertado e os seus beneficiarios nominais, indicando a contía correspondente a cada un deles.

-Certificación da entidade bancaria onde conste o seu código, o da sucursal e o número da conta do solicitante.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

A contía poderá acadar ata o 8% do saldo medio debedor existente calculado en cómputo anual.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o modelo do anexo I, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais ou polos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós trinta días naturais contados a partir da entrada, en vigor desta disposición.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. O conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura resolverá as solicitudes presentadas, unha vez examinadas polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, que terán en conta para a súa proposta os seguintes criterios:

-Implantación da organización ou asociación na Comunidade Autónoma galega.

-Número de membros asociados.

-Número de embarcacións ou artefactos flotantes, segundo o caso, adscritos á organización.

-Plan de utilización do préstamo ou crédito concertado en 1995 e nos seguintes anos.

2. No caso de non recaer resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, determinaría a súa denegación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Percepción da axuda.

A axuda será librada unha vez presentada a certificación expedida pola entidade financeira da que se trate, na que se especificará a dispoñibilidade do préstamo durante o exercicio 1995, así como o seu saldo no momento da presentación dos xustificantes. Así mesmo, para poder proceder ó pagamento da axuda deberán achegarse xustificantes do destiño final do crédito ou préstamo.

Non obstante o previsto no parágrafo anterior, para efectos do establecido no artigo 78.1º d) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais con carácter de anticipo a conta da liquidación, que nunca será superior ó 80% da subvención concedida. Á solicitude xuntaráselle unha memoria, así como os xustificantes de pagamentos sinalados no parágrafo anterior.

Antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das axudas terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 8º.-Control.

O incumprimento de calquera das obrigas que se deriven da presente orde dará lugar á retirada da axuda, sen prexuízo das responsabilidades penais ou administrativas a que houbera lugar.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras, para adopta-las medidas necesarias para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura