Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 1995 Páx. 2.200

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 27 de febreiro de 1995 sobre condicións técnicas para a execución e posta en servicio de instalacións de calefacción que utilizan gasóleo C como combustible e cunha potencia de calefacción comprendida entre 6 e 60 kW e unha capacidade máxima de almacenamento do dito combustible de 5.000 litros.

O Regulamento sobre utilización de productos petrolíferos para calefacción e usos non industriais, aprobado pola orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 21 de xuño de 1968, que quedará derrogado a partir da data de entrada en vigor da correspondente instrucción técnica complementaria do Regulamento de instalacións petrolíferas, aprobado polo R.d. 2085/1994, de 20 de outubro, non ten en conta as características especiais das instalacións de gasóleo C para pequenos usuarios.

Por outra banda, tendo en conta que a Comunidade Autónoma ten competencias exclusivas en materia de industria e que a adaptación do mercado de productos petrolíferos ás normas da Unión Europea trouxo como consecuencia a aparición de normas máis flexibles aplicables á subministración do combustible, considérase oportuno promulga-las condicións técnicas das instalacións individuais que utilizan gasóleo C como combustible cunha potencia de calefacción comprendida entre 6 y 60 kW e unha capacidade máxima de almacenamento de 5.000

litros, así como o procedemento para a execución e posta en funcionamento das citadas instalacións, que a teor do disposto no artigo 12.3 da Lei de industria non requiren autorización administrativa.

Así mesmo, considérase oportuno regulariza-la situación daquelas instalacións existentes das que os titulares non cumpriron os requisitos necesarios para a súa execución e posta en funcionamento a través dun procedemento simple que garanta, en todo caso, a seguridade e o aforro, enerxético segundo as disposicións vixentes.

Na súa virtude e de acordo coas competencias que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-OBXECTO.

A presente orde ten por obxecto establece-lo procedemento de execución e posta en funcionamento e as características a que deben axustarse na Comunidade Autónoma de Galicia as instalacións que se describen no artigo seguinte, nos termos que nela se establecen.

Artigo 2º.-ÁMBITO DE APLICACIÓN

As normas contidas na presente orde serán de aplicación ás instalacións de calefacción e usos non industriais que utilizan gasóleo C como combustible e dos que a potencia de calefacción estea comprendida entre 6 e 60 kW e a capacidade máxima de almacenamento do dito combustible sexa de 5.000 litros.

O persoal facultativo das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, vixiará o cumprimento do disposto nesta orde. No exercicio

das súas funcións o dito persoal gozará da consideración de axentes de autoridade para os efectos do disposto no Código Penal, en todo o que se relaciona co desempeño do seu cometido.

Artigo 3º.-CONDICIÓNS TÉCNICAS.

Tódalas instalacións incluídas no ámbito de aplicación da presente orde adaptaranse ó disposto no anexo I, no que a almacenamento e distribución de combustible se refire.

Artigo-4º.-EMPRESA SUBMINISTRADORA.

Enténdese por empresa subministradora a persoa física ou xurídica, debidamente autorizada, que realiza a entrega de gasóleo ó usuario para a súa utilización final.

Artigo 5º.-LIBRO-REXISTRO DE SUBMINISTRACIÓNS.

Toda empresa subministradora de gasóleo C deberá dispor dun libro- rexistro no que figuren, como mínimo, os seguintes datos:

-Nome e apelidos do usuario ou razón social.

-DNI o CIF.

-Lugar da instalación.

-Cantidade subministrada e indicación da data de subministración.

-Nº de expediente da instalación na Delegación de Industria.

O citado libro-rexistro deberá estar dilixenciado pola Delegación de Industria correspondente e encontrarase á disposición dos funcionarios facultativos das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio.

O mencionado documento poderá ser xestionado por procedemento informático, no que deberán consta-los datos indicados.

Artigo 6º.-EXECUCIÓN DA INSTALACIÓN.

1º.-A execución dunha instalación incluída no ámbito de aplicación desta orde requirirá a presentación ante a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio correspondente do proxecto debidamente visado ou, se é o caso, da carpeta subscrita por instalador autorizado competente, conforme o modelo que se establece no anexo II.

A delegación provincial disporá do prazo dun mes, contado desde a presentación do proxecto ou da carpeta, para sinalar ou pedi-las aclaracións que considere necesarias. Se transcorre o dito prazo e aquela non realiza ningunha manifestación, entenderase que non hai inconveniente para a execución da instalación, sen que iso supoña en ningún caso a súa aprobación técnica pola Administración.

O proxecto ou a carpeta presentaranse en exemplar duplicado. Un dos exemplares arquivarase na delegación provincial e constituirá o documento base de cotexo para calquera actuación futura. O outro, debidamente dilixenciado, devolveráselle no acto ó

titular, quen estará obrigado a conservala e a exhibila á delegación cando sexa requirido para iso.

2.-No suposto de que a instalación de almacenamento de gasóleo C alimente instalacións que precisen autorización administrativa poderá presentarse a documentación de forma conxunta.

Artigo 7º.-POSTA EN FUNCIONAMENTO DA INSTALACIÓN.

A posta en funcionamento da instalación non necesitará outro requisito que a presentación ante a correspondente delegación provincial da certificación expedida por técnico ou instalador competente, se é o caso, na que se poñerá de manifesto a adaptación da obra ó proxecto ou ó estudio presentado e rexistrado na delegación provincial e o cumprimento das condicións establecidas nas regulamentacións técnicas que sexan de aplicación, conforme o modelo establecido no anexo III.

A delegación provincial procederá ó dilixenciado da certificación presentada por duplicado e devolveralle un exemplar ó titular para a súa posterior presentación á empresa subministradora.

Artigo 8º.-SUBMINISTRACIÓN DE GASÓLEO C.

As empresas subministradoras de gasóleo C deberán esixirlle ó titular da instalación o exemplar dilixenciado da certificación presentada na delegación provincial para proceder á subministración regular do mencionado combustible á instalación en cuestión, e non poderán subministrar a instalacións de titulares que non cumprisen o disposto no artigo anterior, salvo as cotas de proba permitidas pola correspondente delegación provincial.

Artigo 9º.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

O incumprimento do disposto nesta orde será sancionado de conformidade co disposto na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

A comprobación do incumprimento das obrigas establecidas na presente orde, con independencia das sancións indicadas na lei citada anteriormente, poderá dar lugar a que, de acordo co artigo 10.2 de dita lei, a delegación provincial ordene a suspensión do funcionamento da instalación en tanto non comprobe o dito organismo si se repararon as causas que deron lugar á suspensión.

Disposición adicional

No non previsto na presente orde será de aplicación o disposto no Regulamento de instalacións petrolíferas, aprobado polo R.d. 2.085/1994, do 20 de outubro, en instrucción técnica complementaria que sexa de aplicación e, en tanto non se promulgue esta, na orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 21 de xuño de 1968, polo que se aproba o Regulamento sobre utilización de productos petrolíferos para calefacción e outros usos non industriais.

Disposición transitoria

Os titulares das instalacións construídas con anterioridade á entrada en vigor da presente orde que

non cumprisen os requisitos necesarios para a súa posta en funcionamento poden optar, durante o prazo de dous anos, por substituí-la documentación esixida nos artigos 6º e 7º polo certificado que se establece no anexo III, subscrito por técnico ou instalador autorizado competente. Este certificado emitirase unha vez realizadas as modificacións que sexan precisas para adapta-la instalación á normativa vixente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Industria para adopta-las medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

CONDICIÓNS TÉCNICAS PARA INSTALACIÓNS DE CALEFACCIÓN E AUGA QUENTE SANITARIA QUE UTILICEN GASÓLEO C COMO COMBUSTIBLE, E QUE A POTENCIA ESTEA COMPRENDIDA ENTRE 6 E 60 kW E A CANTIDADE MÁXIMA DE ALMACENAMENTO SEXA IGUAL OU INFERIOR A 5.000 LITROS.

1.-ALMACENAMENTO DE COMBUSTIBLE.

Para depósitos fixos de capacidade de almacenamento superior a 500 litros a cantidade de combustible almacenado deberá corresponder a un mes de máxima demanda, como mínimo.

A capacidade máxima de almacenamento en depósitos móbiles será de 200 litros, e nunca inferior a 15 días de máxima demanda. A capacidade unitaria de almacenamento de cada depósito non poderá exceder de 50 litros.

En edificios de uso colectivo, entendendo por tal a existencia de varios titulares ou de actividades ou vivendas dentro do mesmo edificio, a capacidade individual de almacenamento non excederá de 150 litros.

Entenderase por mes de máxima demanda o de maior graos-día na localidade correspondente.

2.-DEPÓSITOS. CARACTERÍSTICAS CONSTRUCTIVAS. PROBAS.

2.1. MATERIAIS.

Serán de aceiro ou outro material do que a utilización neste uso se encontre amparada por unha norma UNE ou equivalente de recoñecido prestixio.

2.2. CONSTRUCCIÓN.

A fabricación dos depósitos realizarase de acordo coas normas contidas no anexo IV do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial.

Os depósitos con capacidade inferior a 1.000 litros

poden ser de forma paralelepipédica, en chapa de aceiro de 4 m como mínimo, e caras electrosoldadas, sen que a relación entre os lados da base e a altura sexa inferior a 1 nin superior a 1,5.

2.3. PROBAS.

Os depósitos deberán ser sometidos polo fabricante a unha proba de estanqueidade, conforme se regula nos regulamentos ou normas vixentes, segundo o material de construcción.

A presión de proba para depósitos de capacidade inferior a 1.000 litros será de 0,5 bar.

2.4. ENCHIDO.

O enchido deberá realizarse de acordo coas instruccións do fabricante. A boca de enchido e, se é o caso, o tubo de enchido, terá as seguintes características:

B) Boca de enchido:

-Colocarase a distancia superior a 2 m do camión cisterna.

-Disporase unha placa indicativa do producto almacenado e da capacidade máxima de almacenamento do depósito.

-O diámetro de boca de enchido será igual ou superior a 38 mm, disporá de tapa de peche e será facilmente accesible.

C) Tubo de enchido:

-Deberá conectarse nun dos orificios do depósito e prolongarse ata 2/3 da altura deste.

-Deberá resistir, polo menos, unha presión de 10 bar, será dun material apropiado para un caudal de 1.200 litros/minuto, non debendo traballar con caudais inferiores a 200 litros/minuto.

-O diámetro do tubo de enchido será igual ou superior a 38 mm.

2.5. ASPIRACIÓN.

O tubo de aspiración deberá ser de aceiro ou cobre, e irá dotado dunha válvula antirretorno e de corte accesible.

Deberá empalmar co conducto de aspiración do queimador mediante racor con casquillo.

O diámetro do mesmo corresponderase coa demanda do queimador

2.6. AIREACIÓN.

Será mediante tubo e irá unido ó depósito mediante manguito roscado, sendo o diámetro interior igual ou superior a 38 mm.

O tubo conducirase ó exterior a unha distancia superior a 500 mm da boca de carga e calquera conducto de ventilación. A distancia ó chan non será inferior a 500 mm.

O extremo do mesmo deberá protexerse mediante sistema cortalume.

Para depósitos de capacidade inferior a 1.000 litros

o sistema de aireación pode desembocar en local pechado, sempre que estea perfectamente ventilado.

2.7. NIVEL.

Disporá de sistema indicador de nivel, salvo que as paredes sexan translúcidas e permitan observa-lo nivel de líquido.

Debe dispoñerse de marca que indique o máximo grao de enchido admisible, que non será superior ó 85%.

Cando o depósito dispoña do tubo de nivel, este disporá de válvula, polo menos na parte inferior.

2.8. TUBOS DE CONDUCCIÓN DE GASÓLEO.

Deberán ser de aceiro ou cobre. En caso de encastrarse, deberán ir envaiñadas. A vaiña deberá te-los seus extremos dentro dos locais do propio usuario, e sen que sexa posible o embolsamento de combustible na vaiña en paso de fuga.

3.-CONDICIÓNS DE INSTALACIÓN.

3.1. DEPÓSITOS ENTERRADOS.

Instalaranse nas seguintes condicións:

-A profundidade mínima de enterramento da xeratriz superior do depósito será de 500 mm.

-Rodearase o depósito dunha capa de area lavada e inerte de espesor mínimo de 300 m.

-Manterase unha distancia mínima desde as paredes do depósito a calquera edificación, estructura ou cimentación de 500 mm.

-A zona do depósito non poderá utilizarse como zona de paso de vehículos, salvo que se coloque unha lousa de formigón armado dun espesor de 150 mm, como mínimo.

3.2. DEPÓSITOS DE SUPERFICIE INSTALADOS NO INTERIOR.

Cando a capacidade do depósito exceda de 1.000 litros, deberán estar situados en local independente, situado na planta baixa e dedicado exclusivamente a este fin, debendo dispor de ventilación natural ou directa ó exterior, a lugar seguro, cunha sección mínima de 200 cm.

As paredes, chan e teito terán unha resistencia ó lume de RF-180.

A porta de acceso será metálica, elevada 200 mm, con apertura ó exterior e resistencia ó lume RF-180.

Os depósitos apoiaranse en base firme ou patas metálicas, elevándoo sobre o chan 200 mm, debendo separarse do resto das paredes 400 mm.

A iluminación do local axustarase ó Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

Para capacidade inferior a 1.000 litros poderá situarse no mesmo local cá caldeira ou en local independente.

A distancia entre o foco de calor e o depósito debe ser como mínimo de 1.000 mm. Esta distancia pode reducirse se se interpón un muro ou parede de separación con resistencia ó lume RF-60 e a separación mínima do depósito ó muro será de 50 mm.

O depósito pode estar apoiado sobre o espacio de recollida ou cubeto, debendo gardar, como mínimo, a distancia de 400 mm en dúas das súas caras, 50 mm nas outras dúas e 400 mm ó teito.

O cubeto de almacenamento e recollida debe ser estanco e estar construído en material ignífugo e resistente. Deberá ter unha pendente mínima do 2% ó lado de inspección visual. As paredes e o chan do espacio de almacenamento poden ser parte do espacio de recollida.

Para as capacidades de almacenamento inferiores a 1.000 litros, cando os depósitos se sitúan en planta ou vivenda de edificio, o cubeto deberá ter unha capacidade igual á do depósito.

Cando se encontre situado en lugar distinto do anterior e a nivel da planta baixa ou inferior, o cubeto poderá ter unha capacidade de almacenamento do 50% da do depósito.

3.3. DEPÓSITOS DE SUPERFICIE INSTALADOS NO EXTERIOR.

Poden darse os seguintes supostos de instalación en función da localización:

1.-En terrazas ou patios.

2.-En cubertas ou azoteas.

3.-Fóra do recinto da edificación sobre o terreo.

Emprazarase nun cubeto estanco e incombustible, cunha capacidade mínima do 100% da capacidade de almacenamento. O cubeto terá unha pendente do 2% ó conducto de unión con tubo que disporá de válvula accesible de peche rápido.

A distancia, medida en proxección horizontal a edificios, será de 1 metro, salvo en edificios de uso colectivo, en que a distancia será, como mínimo, de 3 metros.

Os depósitos apoiaranse en base firme ou sobre patas metálicas, distanciándose do piso, como mínimo, 200 mm, sendo a distancia máxima entre apoios de 2.000 mm.

No caso de depósitos metálicos instalados en azoteas deberán estar protexidos por pararraios ou cubertos por unha maia metálica conectada a terra, independente da do edificio.

3.4. DEPÓSITOS MÓBILES.

Considéranse depósitos móbiles os de capacidade inferior a 50 litros, podendo ser de polietileno ou outro material do que o uso nesta aplicación se atope amparado por norma UNE ou norma equivalente de recoñecido prestixio, debendo a súa instalación adaptarse ó establecido nas ditas normas.

4.-PROTECCIÓN CONTRA INCENDIOS.

Tódalas instalacións de almacenamento disporán de extintores de po seco polivalente con capacidade de 1 kg de materia extintora de eficacia 89 B por cada 200 litros de combustible almacenado. A carga mínima será de 2,5 kg na zona máis próxima ó almacenamento e facilmente accesible.