Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 1995 Páx. 2.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da revisión salarial do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación.

Visto o expediente de revisión salarial do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-2-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios e da parte social pola Unión Xeral de Traballadores, Comisións Obreiras, Converxencia Intersindical Galega, Unión Sindical Obreira, de conformidade co disposto no xa citado corpo legal, artigo 90.2 e 3, da Lei 8/980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1.040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2.412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (S.M.A.C.)

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de febreiro de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Acta da última sesión da comisión negociadora do convenio provincial do comercio de alimentación da provincia da Coruña.

Asistentes:

Representación sindical:

Pola U.X.T: Carmen Iglesias Almeida, Nieves Montes Patiño, Manuel Ferro González, Miguel Cajigal Fariña (asesor).

Por CC.OO.: Beatriz Carral Fernández, Manuela Pastor Reborido, Xosé Luis Varela López, Antonio Sánchez (asesor).

Por C.I.G.: Silo Castro Pérez, Mª Carmen Pedreira Ferreño, Salvador Cerqueiro Aradas.

Por U.S.O.: Mª Teresa Vázquez Novelle, Celso Domínguez Blanco.

Representación empresarial:

Javier García Ruiz (asesor), Antonio Domingo Tudó, Luis García Cabreros, Rafael Souto, Eduardo López, Antonio Tenreiro, Francisco Duarte.

Na cidade da Coruña, sendo as 17 horas do día 14 de febreiro de 1995, reúnense na sala A da AISS as persoas que arriba se relacionan, co obxecto de procederen á sinatura das táboas salariais do convenio colectivo do comercio de alimentación da provincia da Coruña.

1) Procédese á lectura e sinatura das táboas salariais, que figuran como anexo á presente acta, así como dos artigos que se actualizan do vixente convenio, e que se detallan a seguir:

Artigo 12: Plus de transporte.

Establécese o plus de transporte cunha cantidade de 6.484 pesetas mensuais para axudar a gastos de desprazamento aboados en 12 pagas.

Por razón da súa natureza non salarial, este plus non será absorbible nin compensable en ningún concepto.

Artigo 28: Condicións económicas.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1995 e o 31 de decembro de 1995, as táboas salariais increméntanse nun 3,75 por cento.

-O salario base e o valor do cuadrienio para cada categoría detállanse na táboa salarial anexa.

-O plus de transporte queda establecido en 6.484 ptas. mensuais, aboado en 12 pagas.

Artigo 29: Revisión salarial.

Establécese unha revisión salarial se o índice de prezos ó consumo (IPC) acumulado entre o 1 de xaneiro de 1995 e o 31 de decembro de 1995 se incrementa por riba do 3,75% e na contía da diferencia resultante.

2) Facúltase a Francisco Duarte Vázquez para a presentación da documentación desta negociación colectiva ante as autoridades administrativas correspondentes, para a súa publicación no Boletín Oficial da provincia.

3) A comisión de negociación acorda a publicación do novo texto do convenio en forma bilingüe: galego e castelán.

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión sendo as 18 horas do día arriba indicado, de todo o cal dan fe os abaixo asinantes.